Violencia de xénero. Dez anos despois

Dez anos transcorreron dende que un Goberno socialista, cun presidente que cría firmemente na igualdade como José Luis Rodríguez Zapatero, aprobase unha Lei Integral contra a Violencia de Xénero

Dez anos transcorreron dende que un Goberno socialista, cun presidente que cría firmemente na igualdade como José Luis Rodríguez Zapatero, aprobase unha Lei Integral contra a Violencia de Xénero que supuxo un fito na loita contra unha das principais eivas da nosa sociedade actual consecuencia do machismo máis extremo. Dez anos pasaron xa para unha lei que as mulleres clamabamos a berros e que non só tivo un recoñecemento expreso no noso territorio, senón que recentemente foi premiada polas institucións ONU Mulleres, World Future Council e a Unión Interparlamentaria.

Dez anos. Unha década marcada por uns primeiros tempos nos que esta norma, que afronta a violencia contra as mulleres dunha forma integral e, en consecuencia, afonda en aspectos vitais como a educación, prevención, protección e asistencia ás vítimas, recibiu o impulso necesario para botar a andar, e unha segunda etapa, esta última, na que os Gobernos do Partido Popular, empeñados en meter as tesoiras en todo o que soe a igualdade de dereitos e a estado de benestar, paralizaron o desenvolvemento e aplicación desta lei e, no caso de Galicia, fixeron o propio coa que aprobada polo Bipartito en 2007.

Porque, non nos enganemos. Para que unha lei funcione fai falta crer nela e, polo tanto, dotala de fondos económicos para poder desenvolvela. E o Partido Popular veu demostrando ao longo destes anos de goberno que a aplicación da devandita lei non é un asunto do seu máximo interese, deixando en "números vermellos" dende 2011 as partidas presupostarias dedicadas non só ás políticas de igualdade, senón de forma concreta, á loita contra a violencia de xénero nas súas diferentes vertentes.

Para que unha lei funcione fai falta crer nela e, polo tanto, dotala de fondos económicos para poder desenvolvela. E o Partido Popular veu demostrando ao longo destes anos de goberno que a aplicación da devandita lei non é un asunto do seu máximo interese

Por non falar das consecuencias que terá a posta en marcha en cuestión de meses a denominada Reforma Local, que supoñerá un revés sen precedentes aos servizos sociais e, de forma especialmente destacada, aos Centros de Información á Muller, en moitas ocasións os primeiros lugares de atención e asistencia a vítimas.

A realidade está aí. Segundo os últimos datos facilitados polo propio Ministerio, no que vai de ano un total de 45 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas, e destas, un 70% non presentara denuncia previa. O caso de Galicia é especialmente preocupante, xa que con seis mulleres asasinadas ata o momento, ocupa o terrible terceiro posto no conxunto do Estado en número de vítimas.

É evidente que ningunha lei é perfecta e tamén o é que en dez anos a nosa sociedade ten mudado, en boa medida debido ao retroceso ideolóxico promulgado e defendido a capa e espada por un Partido Popular tremendamente conservador, retrógrado e machista. É evidente que a irrupción de novas tecnoloxías e sobre todo, das redes sociais, influíron de forma notable en novas formas de acoso, ameazas e, en definitiva, de exercer a violencia contra as mulleres, e tamén o é que hai que prestar especial atención a estes casos.

O caso de Galicia é especialmente preocupante, xa que con seis mulleres asasinadas ata o momento, ocupa o terrible terceiro posto no conxunto do Estado en número de vítimas

Por todo iso, agora máis que nunca debemos esixirlles ás administracións tolerancia cero fronte á violencia de xénero. Unha tolerancia cero que debe empezar por dotar de fondos a esta lei para poder desenvolvela como corresponde e como precisan estes novos tempos. Porque, como berramos neste 25 de novembro, dez anos despois, o machismo segue matando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.