Violencias, mulleres, guerras

Gervasio Sánchez, co seu libro 'Violencias, mujeres, guerras' © Blume

A editorial barcelonesa Blume publicou o pasado ano 2021 un atraente libro de historia contemporánea universal. Un libro incómodo pois doe e fai dano cando se le pero que, doutra banda, debería ser lectura obrigada en todas as escolas e institutos. Non é un manual ao uso: carece de índice xeral, así como de notas ao pé de páxina; non hai citas textuais de coñecidos autores intercaladas no texto; por ningún sitio atoparemos gráficos ou cadros estatísticos; tampouco inclúe as obrigadas referencias bibliográficas; as conclusións brillan pola súa ausencia. E, con todo, é un sobresaliente libro de historia contemporánea.

Non é un manual ao uso: carece de índice xeral, así como de notas ao pé de páxina; non hai citas textuais de coñecidos autores intercaladas no texto; tampouco inclúe as obrigadas referencias bibliográficas; as conclusións brillan pola súa ausencia. E, con todo, é un sobresaliente libro de historia contemporánea

A obra titúlase Violencias, mujeres, guerras e o seu autor, Gervasio Sánchez, non é un historiador, senón un xornalista e reporteiro gráfico premiado en múltiples ocasións, responsábel de máis dunha decena de publicacións (El cerco de Sarajevo, Vidas minadas, Niños de la guerra, Desaparecidos...) e persoa que nas súas entrevistas e aparicións públicas foxe da compracencia, dos tópicos mil veces repetidos e dos discursos ambiguos. 

Non hai en Gervasio Sánchez falsa retórica, populismo, demagoxia ou frases ocas. Así, cando en 2009 foille concedido o Premio Ortega y Gasset de xornalismo, a polémica estalou como un estrondo pois, no discurso pronunciado ante a concorrencia presente -varios ministros incluídos-, ao recoller o galardón exclamou: “É verdade que todos os gobernos españois desde o inicio da transición encabezados polos presidentes Adolfo Suárez, Leopoldo Calvo-Sotelo, Felipe González, José María Aznar e José Luis Rodríguez Zapatero permitiron e permiten as vendas de armas españolas a países con conflitos internos ou guerras abertas (...). É verdade que me sento escandalizado cada vez que me topo con armas españolas nos esquecidos campos de batalla do terceiro mundo e que me avergoño dos meus representantes políticos”. O seu relato non foi publicado por ningún medio de comunicación, incluso El País (organizador do premio) abstívose de facelo.

Unha das imaxes de Gervasio Sánchez © Periodistas por la Igualdad

Violencias, mujeres, guerras describe a través de case duascentas fotografías e ao longo de 175 páxinas máis dunha vintena de conflitos armados, ditaduras militares ou crises humanitarias onde as mulleres son as involuntarias protagonistas

Violencias, mujeres, guerras describe a través de case duascentas fotografías e ao longo de 175 páxinas máis dunha vintena de conflitos armados, ditaduras militares ou crises humanitarias onde as mulleres son as involuntarias protagonistas. As imaxes do libro foron tomadas en nove países africanos, sete latinoamericanos, cinco asiáticos e catro europeos. A fotografía máis antiga foi realizada en outubro de 1984, en Guatemala, e a máis recente en xuño de 2007, fronte ás costas de Libia. En todas as fotos veremos os retratos dunha muller, cativa ou adulta, algunhas pousando e mirando directamente á cámara, outras en situacións cotiás marcadas pola guerra, a violencia ou o desamparo. Só nunha desas imaxes, a retratada sorrí a carón do seu fillo recentemente nacido. 

En todas as fotos veremos os retratos dunha muller, cativa ou adulta, algunhas pousando e mirando directamente á cámara, outras en situacións cotiás marcadas pola guerra, a violencia ou o desamparo. Só nunha desas imaxes, a retratada sorrí a carón do seu fillo recentemente nacido

En todas as demais fotografías, os seus rostros reflicten temor e abandono. Cando a convivencia estoupa xorde a violencia e aínda que os motivos das guerras son diferentes, en todos os conflitos armados as principais vítimas son civís, persoas desarmadas e non combatentes que, ao final, terminan por converterse en simples números contabilizados sen pudor. Mais Gervasio Sánchez ponlle nomes e apelidos a todas elas e, baixo cada fotografía, conta un episodio dramático e atroz vivido pola persoa retratada e absolutamente identificada. 

Así, o xornalista cordobés afincado en Barcelona reivindica aos esquecidos entre os esquecidos, alza a voz dos sen voz e aplica un exercicio de verdade, xustiza e memoria para todas as vítimas de conflitos violentos. Escenarios estes moitas veces xerados en salas de consellos de administración, gabinetes ministeriais corruptos ou poderosos centros de decisión afastados dos lugares onde se establece o odio e a brutalidade.

As imaxes de Gervasio Sánchez estiveron expostas na mostra 'Violencias contra mujeres en conflictos internacionales' © Ayuntamiento de Zaragoza

Gervasio Sánchez ponlle nomes e apelidos a todas elas e, baixo cada fotografía, conta un episodio dramático e atroz vivido pola persoa retratada e absolutamente identificada

Pero por que mulleres? Pois porque ata entre as vítimas das guerras hai clases. Aínda que todas son prexudicadas, non é o mesmo ser home ou muller en períodos bélicos, de fame ou crises humanitarias. Xunto á inxustiza común e compartida entre uns e outras, no caso das mulleres aparece un novo chanzo na carreira do horror xerado pola actividade armada: a escravitude sexual, utilizada desde sempre por combatentes de todas as cores e crenzas. Engadamos para pechar o círculo desta tolemia a prostitución forzada e a peor de todas as violencias, a máis humillante: a violación. Usada como arma de guerra, todos os actores dos conflitos guerreiros utilizárona, chámense soldados gobernamentais, policías, paramilitares ou guerrilleiros.

Por iso Gervasio Sánchez incide en poñer ás mulleres no foco dos desastres provocados polas confrontacións armadas. E por iso retrátaas. Pouco importa que esas mulleres padecesen o horror a mans das SS en terras rusas e ucraínas ou que o Exército Vermello tomásese vinganza contra decenas de miles de alemás durante a súa vitoriosa marcha cara o oeste. Ou, máis preto no tempo, que en Guatemala fosen os soldados do exército regular os que violasen e escravizaran a centenares de mulleres a principios da década dos oitenta. O uso da violación como arma de guerra en Bosnia-Hercegovina, Serra Leoa, Colombia, Guatemala, Chile, Perú, O Salvador, Angola, Iraq... foi unha práctica constante. Non importa o lugar. Importan as vítimas pois falamos de crimes de lesa humanidade.

Non é o mesmo ser home ou muller en períodos bélicos, de fame ou crises humanitarias. Xunto á inxustiza común e compartida entre uns e outras, no caso das mulleres aparece un novo chanzo na carreira do horror xerado pola actividade armada: a escravitude sexual

Iso é o que retrata Gervasio Sánchez nunhas fotografías espectaculares que invitan á reflexión. Xunto a elas, uns breves comentarios recórdannos que Angola é un dos países máis minados do mundo, que trinta Estados “civilizados” venderon armas ás diferentes faccións que loitan en Sudán, que a guerrilla da Fronte Revolucionaria Unida de Serra Leoa xeneralizou a amputación de mans e pés dos civís indefensos, que en Camboxa hai un lesionado vítima das minas por cada 236 habitantes, que algo máis de tres mil chilenos están desaparecidos debido aos crimes da Xunta Militar presidida por Augusto Pinochet, que a tortura e a violación eran actos habituais no réxime de Sadam Hussein, que en Srebrenica executaron a case dez mil homes, mulleres e nenos que estaban baixo protección de forzas militares da ONU, que no Salvador os escuadróns da morte asasinaron a máis de vinte mil cidadáns entre 1979 e 1984...

Por todo iso e moito máis, estamos seguros ao afirmar que Violencias, mujeres, guerras é un gran libro de historia. Non académica, pero historia no fin de contas...

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.