Virtudes Louzao Gómez

Polo mostrador da Biblioteca de Medicina, como de calquera biblioteca universitaria, pasa cada día parte do estudantado, coas súas ilusións e coas súas frustracións, co seu estres e coa súa bibliografía. Observamos como medra desde primeiro até o MIR e case podemos diagnosticar a clase de médico que será. Podemos dicir que é un observatorio do que sucede na facultade e tamén, se estamos atentos, na sociedade. Este mostrador é coma escaleira de Buero Vallejo.

Pasa alumnado Portugués con conciencia de forasteiro, alumnado de Canarias, Asturias, Albacete, Sevilla ou Madrid con conciencia de nativo; unha conciencia que dura o que dura a condición de novato, pois cando descobren que aquí falamos e somos doutra maneira, cambia a súa conciencia e comezan a recoñecernos. Podedes pensar que é unha ilusa inxenuidade a miña, pero eu sinto que até nos miran cunha admiración que non tiñan ao principio.

O compañeiro Juan, que comparte mostrador con nós, empatiza cunha facilidade conmovedora; el avísame sempre cando detecta unha peripecia vital extraordinaria: persoas de Siria, de Palestina, de Azerbajan, de Birmania e do mundo en xeral; masacradas e humilladas que chegan ao remanso desta biblioteca cunha fonda traxedia na mochila; de todas sabe Juan e en cada caso descobre a súa travesía extraordinaria, heroica en moitos casos. Desde aquí, este embigo do mundo que mira con condescendencia estúpida ao Sur; porque temos a democracia máis avanzada e uns Servizos Públicos que son envexa do mundo enteiro. A condescendencia que viaxa sempre de Norte a Sur e leva en berlina desconfianza e soberbia. Que o Norte se represente arriba e o Sur abaixo, unicamente ten que ver cunha combinación de historia, cultura e psicoloxía. A asociación norte-arriba e sur-abaixo implica moito más ca una colocación no mapa. Ten que ver fundamentalmente coa idea de superioridade dunha zona cara outra. Arriba e abaixo. O compañeiro Juan está fóra da convención dos Puntos Cardinais e, seguramente por iso, percibe as luces e os matices da dimensión humana.

Virtudes Louzao Gómez non chegou á Biblioteca de Medicina fuxida de ningún país en guerra. Chegou desta nosa cidade de Compostela, buscando unha resposta aos trastornos fisiolóxicos que estaba sufrindo e que ningún médico nin departamento deste sistema sanitario do Norte lle soubo dar

Virtudes Louzao Gómez non chegou á Biblioteca de Medicina fuxida de ningún país en guerra. Chegou desta nosa cidade de Compostela, buscando unha resposta aos trastornos fisiolóxicos que estaba sufrindo e que ningún médico nin departamento deste sistema sanitario do Norte lle soubo dar. A súa enfermidade foi clasificada como rara e unha enfermidade non se clasifica como rara porque afecte a unha porcentaxe baixa de poboación; aínda que este sexa o parámetro que se use, por certo, en cada país é distinto; é rara basicamente porque non se coñece. E aí comeza o problema, no diagnóstico. Virtudes sufriu a enfermidade desde pequena, os seus últimos doce anos con máis virulencia sen que ninguén atendera aos seus cambios biolóxicos nin as pequenas alteracións morfolóxicas, sen que ninguén puxera remedio ao seu deterioro nin lle dera un diagnóstico como resposta. Entón Virtudes decidiu buscar respostas por si mesma e non resignarse. Apareceu pola Biblioteca pedindo libros neste mostrador e, como non podía ser doutra maneira, Juan detectouna; forneceulle libros, admirouse co seu tesón e a súa intelixencia e, cando chegaba fatigada pola doenza e pola escaleira, facíaa rir co seu formidable sentido do humor.

Ao longo de tres anos Virtudes, que non tiña estudos universitarios, estudou: neuroanatomía, bioloxía, xenética, bioquímica, toxicoloxía, etc. E observou os cambios e os síntomas do seu propio corpo até comprender o funcionamento do seu organismo e da súa enfermidade. Hai un ano puxémola en contacto co Doutor Angel Carracedo e, el, interesouse até o punto de propoñerlle comezar un estudio do seu caso, pero Virtudes estaba xa demasiado esgotada, o deterioro e o cansazo crebaran a súa vontade de vivir.

Nos andeis desta Biblioteca queda gravado o seu nome e en nós o sentimento de que os servizos e o noso traballo, a veces, teñen un sentido especial

Non teño eu competencia nin é o meu obxectivo analizar nin valorar o rigor das súas pescudas e conclusións; sempre, pero moi especialmente neste caso, o importante é o camiño. Refírome so á súa peripecia humana, ao valor impresionante da súa fazaña independentemente dos resultados. Un día deixou de vir, Juan chamouna e soubo que non podía saír da casa. Virtudes, que ten dúas fillas en Andorra, marchouse para pasar os últimos meses con elas.

Desde alí, mandounos un artigo manuscrito onde nos conta toda a súa peripecia investigadora, as conclusións das súas pescudas e a denuncia dos erros médicos que, segundo ela, contribuíron a deteriorar e non a paliar, moito menos a curar. O manuscrito é unha mostra de grande dignidade; non hai vitimismo, so explicación desesperada da súa doenza e denuncia dun sistema que tamén debería saírse da convención dos puntos cardinais e humanizarse. Juan mandou o manuscrito a unha revista médica, se o publican, será póstumo. Hai uns días, unha das súas fillas, comunicounos que esta muller extraordinaria finou en Andorra o día 16 de xuño de 2018, sen cumprir o medio século de vida.

Para ela o noso recordo e para as fillas a solidariedade e a mensaxe de que poden sentir moito orgullo. Nos andeis desta Biblioteca queda gravado o seu nome e en nós o sentimento de que os servizos e o noso traballo, a veces, teñen un sentido especial.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.