Federico Petroni lembra en Limes, revista italiana de xeopolítica, que enviar material e persoal médico da Rusia, Cuba e a China para axudar a Italia son accións primorosamente influentes.
Os inimigos dos EEUU non perden a ocasión de aumentar os vínculos coa Europa, nunha época na que Trump se distanciou do vello continente. Deste xeito Italia redescobre unha nova centralidade xeoestratéxica, di Petroni.
Os chineses desexan dispoñer de Xénova como plataforma da nova Ruta da Seda e sobre todo de Trieste, o porto mediterráneo que subministra Europa Central.
Matteo Salvini sábeo e ao mesmo tempo ataca a UE, denunciando que os amos da Europa, especialmente Xermania, acaparan respiradores, luvas e máscaras, cando cómpren con urxencia na Lombardía, e pregúntase que solidariedade e que unión é esta. A negativa alemá e holandesa a mutualizar as débedas dos estados emitindo eurobonos acentúa aínda máis o discurso do ultra.
Con tal volatilidade política, con tantas decisións súbitas, aumenta a pura fortuna, os asuntos que non están baixo control, por dicilo pronto. E convén estar atentos ás manobras dos partidos neofascistas, tamén en España. O PP carece dunha estratexia clara, porque cambia o rumbo cada dous días e abre ventás de oportunidade para que Vox lle dispute a preponderancia na dereita, con expectativas que poden chegar a ser moi superiores aos cincuenta e pico deputados cos que conta na actualidade.
Sendo isto así, os partidos á esquerda do PSOE deberían explicar, para alén de facer soar as potas, como se fai para fulminar a monarquía sen ir a un enfrontamento colectivo. E se non saben como se fai, para alén de petar nas potas, pois deberían aprender a ordenar as prioridades e tratar de que eses partidos ultras e a dereita extrema que domina internamente o PP, perdan convición e potencia, para que tal impulso se dilúa. A correlación de forzas non é a de 2010.
O PNV é consciente dese perigo. Por iso se desmarca da escalada independentista catalá, que non cesa. Son os únicos con verdadeira conciencia das conquistas que se poden perder. Son os únicos con verdadeira conciencia do que nos agarda se o PP e Vox gobernan España proximamente. Albiscaron o perigo hai varios anos, cando Ciudadanos incorporou ao seu programa a supresión do cupo vasco.
Os debates en Ajuria Enea e en Sabin Etxea, sede do PNV, teñen que ser suculentos. O PSOE subordinou as autonomías á autoridade central e despregou as forzas armadas, tamén no país vasco. Á marxe da necesidade, esas medidas son tamén afirmacións de autoridade centralista, sen dúbida, e no entanto o apoio dos jeltzales ao gabinete de Pedro Sánchez non se deteriora, quizás, entre outras cousas, porque tales iniciativas sendo malas son boas se achican a capacidade de manobra da dereita extrema do PP e da extrema dereita de Vox.
O PNV atesoura decenios e decenios de contacto coa realidade, fronte a unha esquerda radical que non aprende, ou non acaba de aprender, e un nacionalismo catalán que desaprende ausentándose do presente, ignorando cada vez con máis frecuencia o valor esencial da táctica.
Volvendo para a infección. Donald Trump comezou a falar de virus chinés. E ao chamarlle chinés quere endosar a orixe do andacio aos mercados de Wuhan.
O portavoz do ministerio de exteriores en Beijing respondeu que foran os estadounidenses os que espallaran o virus nuns xogos olímpicos militares celebrados celebrados en outubro en Wuhan, na provincia da China central, que ademais é un espazo económico de primeira magnitude.
Resúltanos fácil imaxinar a Trump cavilando o plan e dando a orde: extensión do virus, disciplina colectiva do réxime comunista, cerre de amplos territorios, crise sanitaria estritamente interna e consecuente decrecemento económico só do dragón. Semella críbel.
Gustavo Veiga escribe en Página 12 que a hipótese chinesa apóiase na historia dos EEUU nos últimos 60 anos, prolífica en experimentos biolóxicos para danar economías, sobre todo a cubana.
Kennedy aprobou a Operación Mangosta o 18 de xaneiro de 1962, segundo documentos desclasificados, para apedrar as colleitas e arruinar a economía. Nos setenta inocularon a febre porcina, que obrigou a sacrificar medio millón de porcos. Nos oitenta producíronse casos de dengue hemorráxico na Habana.
En América Latina inocularon sífilis, gonorrea e outras enfermidades de transmisión sexual a 1500 guatemaltecos entre 1946 e 1948, para estudar en humanos a capacidade de prevención desas patoloxías. En xaneiro de 2019 un xuíz de Maryland considerou procedente unha demanda dos familiares dos afectados. Demandaron a Fundación Rockefeller, a farmacéutica Bristlo-Myers e a Universidade Johns Hopkins. Barack Obama desculpouse co presidente de Guatemala en 2010 e este último cualificou o ensaio como crime contra a humanidade.
Por tanto é posíbel que fosen os EEUU os causantes do coronavirus, pero hai que demostralo e iso non se consegue facendo comparacións. O único evidente é que a propaganda chinesa nutre as teorías conspirativas, ás que se apuntan sen datos moitos dos que están ideoloxicamente predispostos a facelas súas. Pero as crises de saúde colectiva por infeccións, pestes, lepras, gripe, son constantes ao longo da historia e non foron provocadas polos EEUU, xa que os EEUU son unha creación recente.
Estes últimos días a prensa de acó opina sobre esta a disputa. Debe trunfar a tese da orixe espontánea e a culpa recae xa que logo sobre o onírico pangolín, con “novas evidencias científicas” informa el País, propiedade entre outros do Bank of America.
Hoxe venres, o presidente da República Popular China chamou a Trump. Propúxolle colaboración, para rematar co andacio. Imaxinan vostedes os avións procedentes de Shangai, cargados de remedios, aterrando en Los Ángeles para atallar a infección? Iso si que é unha acción primorosa. E cruel.