Vivimos por riba das nosas posibilidades?

Debo recoñecer que cando escoito ou leo a algúns economistas, incluso tratándose de economistas que recibiron o premio Nobel (por certo, a quen se lle ocorreu tamaño dislate de dar un premio tan prestixioso aos economistas?), sinto vergoña allea. Ven esta confesión a conto de que, aínda hoxe en día e a pesares do tempo transcorrido, seguen estando vixentes en moitos círculos do pensamento económico as teses que defenden que os recursos son escasos –“recursos limitados fronte a necesidades crecentes”- polo que a opción que nos queda aos seres humanos é a de escollelos axeitadamente. Perdón, con eficiencia para o que “é precisa a axuda da ciencia económica” (?).

Como probas contundentes desta escaseza dos recursos serían, por caso, o crecente número de familias que pasan fame, os imprescindibles recortes do gasto nos servizos públicos e nas pensións, as necesarias rebaixas nos salarios, etc. Feitos todos que se xustifican co argumento de que os recursos son escasos e non poden chegar a todos: a oferta non cobre a demanda. Lembremos aquilo non moi lonxano de que “vivimos por riba das nosas posibilidades”.

Fronte a estas teses, auténticos dogmas, un atópase por caso coa realidade inmediata de España onde mentres se incrementa o número das familias que pasan fame (30.000 familias con nenos segundo UNICEF), polo que teñen que acudir aos comedores creados por organizacións non gobernamentais para cubrir as súas necesidades básicas, un crecente numero de toneladas de alimentos se tiran: segundo as fontes mais solventes (Ministerio de Agricultura) unha media de 7,7 millóns de toneladas de alimentos se desperdician cada ano en España (170.000 toneladas en Galiza que se converte así nunha das comunidades onde se desperdician menos alimentos).

Como a pesares dos axustes e os recortes nos orzamentos públicos, que afectan moi directamente as funcións públicas de benestar, seguen financiándose con diñeiros públicos obras faraónicas, por caso AVEs (un gasto público acumulado que xa supera os 52.000 millóns de euros) e vías rápidas (un gasto programado de 104.000 millóns de euros para o período 2017/2021). Ao tempo incrementase o gasto público militar (8.700 millóns de euros no ano 2017 que quedarán pequenos diante dos 18.000 millóns que están previstos para o ano 2024) e/ou farmacéutico (un gasto de 16.500 millóns de euros no ano 2016, pero que se calcula superará os 23.500 millóns no 2020) e se rescatan bancos (cun custo superior aos 100.000 millóns de euros dos que xa se recoñece que un mínimo de 60.000 millóns son irrecuperables) e empresas construtoras (4.500 millóns de euros). Actuacións que teñen como efecto inmediato que, a pesares dos recortes, se dispare o gasto en débeda pública (quen xa ascende a 1,14 billóns de euros que equivalen ao 98,7% do PIB español).

Como ao tempo que se rebaixan os salarios, sen por elo evitar que o desemprego se manteña en niveis moi elevados (16,6%) e que a débeda privada das familias siga sendo moi alta (545.000 millóns de euros que equivalen ao 49% do PIB), o peso das rendas de capital na riqueza global non para de medrar (42% do PIB) e se disparan as ganancias das sociedades do IBEX 35 (pecharon o ano 2016 cunhas ganancias estimadas por un valor de 31.000 millóns de euros segundo a CNMV).

Como podemos ver, as teses sobre a escaseza dos recursos non resisten o contraste con as realidades diarias o que leva a que moitos economistas pensemos que as evidencias empíricas desmontan con rotundidade os dogmas que sustentan a economía da escaseza. Unhas evidencias que mostran, por caso, que si moitas familias pasan fame é tanto por que o modo de produción e consumo dominante non ten como o obxectivo o pleno emprego senón a máxima ganancia que turra do desemprego e crea desigualdade, como por que se recortan os servizos públicos de benestar deixando a moitas familias indefensas. Que si hai recortes no gasto público é por que se busca potenciar a privatización das funcións públicas de benestar, o que favorece as rendas de capital, sen por elo evitar que se dispare a débeda pública para maior e mais grande negocio dos bancos e os seus socios financeiros principais posuidores dos bonos. Que hai rebaixas salariais para así conseguir incrementar as ganancias dos empresarios ao tempo que se forza as clases populares a endebedarse, mais frecuentemente e en maior cantidade, para beneficio tamén dos bancos. Que si hai déficit non é por que se gaste moito senón por que non se queren aumentalos ingresos públicos o que esixiría unha reforma fiscal que gravara con xustiza as rendas de capital e se combatera eficazmente a fraude fiscal que deriva fundamentalmente das grandes fortunas.

Estes aparentes paradoxos non fan mais que poñer en evidencia que a economía nin é ciencia nin moito menos é exacta. Que unha mesma realidade pode ter diferentes interpretacións segundo o punto de vista, e os intereses de quen as fagan. Que en economía non hai verdades absolutas senón intereses diferentes ou, como moi ben nos explicou Carlos Marx, loita de clases.

Pero … os economistas non facemos mais que equivocarnos: non vos fiedes de nos e non nos fagades moito caso (JUAN TORRES: “Economía para no dejarse engañar por los economistas” Ediciones DEUSTO).

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.