Vivir a vida en historias

Unha persoa tira unha foto cun móbil a unha caixa de doces CC-BY-SA Suganth / Unsplash

Que o uso das redes sociais ocupa un dos primeiros postos na vida diaria de todos nós é unha realidade totalmente normalizada na actualidade. Incluso non é esaxerado considerar que, a día de hoxe, pódense contar cos dedos das mans ás persoas que coñecemos (menores de 60 anos) que non están presentes nalgún perfil de Facebook, Twitter ou Instagram.

Estas vidas virtuais, como todo, teñen os seus aspectos bos pero tamén os seus lados escuros. Ter a oportunidade de publicar e compartir cos teus amigos e seguidores unha inocente instantánea das vacacións en familia é unha cousa. Sen embargo, é algo que se diferencia, e moito, das famosas stories agora instaladas en cada unha das aplicacións sociais máis utilizadas.

Para quen aínda non o saiba, e xa é complicado, estas stories trátanse de contidos que se publican de forma instantánea e pasadas as 24h deixan de ser visibles. Estas naceron coa intención de permitirnos compartir cos nosos seguidores, dunha forma máis achegada e frecuente, o día a día da nosa vida. Desta forma, as stories permítennos coñecer o que está facendo neste mesmo instante o noso compañeiro do colexio co que levamos cinco ou dez anos sen falar. Semella gratamente interesante e beneficioso, pero as consecuencias negativas que estas poden ocasionar sitúanse máis ben no lado máis escuro das redes sociais.

O problema chega cando deixa de ser un entretemento máis e se converte nunha necesidade. As stories adoitan espertar en moitos usuarios a irracional obriga de publicar cada paso que dan

Como con todo, o problema chega cando deixa de ser un entretemento máis e se converte nunha necesidade. As stories adoitan espertar en moitos usuarios a irracional obriga de publicar cada paso que dan ao longo do día. É certo que isto aparentemente non supón algo excesivamente grave, máis alá da enorme exposición que implica, ata que nos adentramos nos usos que se lle poden dar aos contidos compartidos.

Publicar pode ser unha forma de permitir aos usuarios que nos seguen que coñezan aspectos da nosa rutina, é dicir, proporcionar a opción de controlarnos e, sobre todo, de opinar. Isto deixa vía libre para a crítica fácil, porque quen poida ter acceso ao que diariamente aparece en redes sociais quizais chegue á conclusión de que na vida non hai nada máis do que se publica. Algo que en ningún caso é certo, posto que é imposible e sumamente improbable que compartamos todos os aspectos do que nos acontece ao longo do día.

O uso das redes sociais non é absoluto algo negativo nin que debamos evitar. Pero si é importante ter en conta que o que poñemos a disposición dos demais pode ser utilizado con fins pouco agradables para nós mesmos, e que o silencio moitas veces tamén ten o seu valor. É por iso que, para combater a necesidade de publicar de forma compulsiva, gustaríame compartir un dito relacionado coa cuestión e que, sinceramente, non recordo de onde o saquei: ‘en ocasións, o que se cala fai máis impresión do que se di’.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.