Votar no Antropoceno

Sobres de votación para as eleccións xerais CC-BY-SA Praza Pública

En febereiro de 2013, no marco das Gifford Lectures, un ciclo de conferencias instituído en 1887 nas catro universidades históricas de Escocia para promover o estudo da teoloxía natural, o filósofo francés Bruno Latour acudiu á Universidade de Edimburgo para pronunciar seis conferencias sobre os desafíos da habitabilidade da Terra no Antropoceno. Reelaboradas e ampliadas, estas conferencias deron lugar á súa obra Face à Gaïa. Huit conférences sur le nouveau régime climatique, publicada en 2015 e traducida ao portugués no ano 2020 co título Diante de Gaia. Oito conferências sobre a natureza no Antropoceno.

Na primeira desas intervencións que recompila o libro —titulada Sobre a inestabilidade da (noción de) natureza—, Latour sostén que aquilo que nos últimos anos demos en chamar «crise ecolóxica» non constituiría propriamente unha crise, senón unha profunda mutación da nosa relación co mundo.

Nese sentido, mais do que restrinxírense a un episodio traumático e transitorio, as mutacións ecolóxicas e climáticas en curso anunciarían a nosa entrada nun Novo Réxime Climático, un mundo distinto no que aquilo que os modernos consideraban o marco físico estábel da súa historia se torna inestábel, obrigándoos a reconsiderar as bases materiais, políticas e existenciais sobre as que organizaron as súas formas de vida individual e colectiva. Como o propio Latour suxeriría metaforicamente pouco despois en Onde aterrar? (2017), o chan sobre o que deberían asentarse os nosos proxectos e formas de vida —tamén as nosas pugnas e antagonismos— parece estar desabando baixo os nosos pés, suscitando unha sensación de vertixe xeneralizada que, de maneiras diversas, impregna a política contemporánea dun sentimento de ameaza e desconfianza, alén de converter o futuro nunha incógnita inquietante.

Contodo, o «nós» implícito nese posesivo non remite á humanidade no seu conxunto, senón a aqueles colectivos que Latour denomina «os modernos» e cuxa maior diferenza residiría nunha maneira de instituír e facer intelixíbel o mundo mediante un traballo de purificación que separa a natureza e a sociedade en dous dominios ontolóxicos radicalmente diferenciados. Cómpre dicir que a experiencia da inestabilidade do mundo non é nova para outros pobos, nomeadamente para aqueles que padeceron a violencia da colonización e que levan séculos elaborando saberes e prácticas para sobrevivir á desarticulación das súas condicións de existencia.

Como explicou Latour (1991) en Nunca fomos modernos, a cosmoloxía moderna encerra un paradoxo: mentres os modernos postulan unha separación radical entre a natureza e a sociedade, as prácticas mondernas de produción de mundo non cesan de multiplicar as asociacións entre humanos e non humanos: hirídos proliferantes. Pensemos nos organismos xeneticamente modificados, nos que se entretecen a bioloxía molecular e os intereses comerciais; na pataca Kennebec, froito da investigación agronómica estadounidense e incorporada á tradición gastronómica galega; ou nos psicofármacos, nos que conflúen a química cerebral e as concepcións sociais do malestar psíquico. Apesar da obstinación moderna coa pureza ontolóxica —na que poderiamos recoñecer a matriz doutras prácticas de purificación violenta que teñen por obxecto as persoas migrantes e racializadas—, os vivintes estamos irreversibelmente enmarañados nas traxectorias doutros seres, como puxo de manifesto a pandemia da COVID-19.

A mutación climática en curso exacerba ese paradoxo: aquilo que os modernos concibían como unha natureza exterior e allea ás vicisitudes da historia humana reaxe agora aos efectos das nosas formas de vida, sustentadas na explotación de recursos fósiles baixo o horizonte dun crecemento ilimitado. O Terrestre —nome co que Latour designa a Terra en tanto que actor político, e non xa como simple escenario da historia humana— irrompe así no devir das sociedades contemporáneas, desestabilizando as propias condicións materiais que fixeron posíbel a súa existencia.

Sinto o domingo 29 N como un rito importante na constitución dunha maioría terrana, isto é, dun pobo por vir —ou, mellor, dunha confederación de pobos por vir— capaz de reinventar os sentidos da abundancia, da liberdade e da emancipación a partir das esixencias dunha habitabilidade desexábel, e non xa dos imperativos da produción ilimitada

Agora ben, como apuntaba máis arriba, nesa primeira conferencia, alén de introducir a cuestión da mutación da nosa relación co mundo —o anuncio dunha mudanza cosmolóxica que esixe desprendérmonos da ficción da excepcionalidade humana para orientármonos polo real dun mundo de interdependencias radicais—, Latour sostén que non podemos comprender o alcance das transformacións ecolóxicas e climáticas contemporáneas sen repararmos en como estas nos fan enlouquecer. Diante da mutación climática, a política parece atravesada por unha desemesura propia dunha fin de mundo que non consegue enxergar o porvir.

Certamente, a ecoloxía contemporánea enlouquécenos na medida en que supón unha alteración da nosa relación co mundo. Mais é precisamente daí de onde cómpre partir. Non se trata tanto de acalar o síntoma e curármonos do real da mutación climática como de atendelo e aprendermos a vivir nun planeta inestábel e finito, sen sucumbir á negación, á depresión, á confianza nunha solución razoábel —elaborada por especialistas sen que nós teñamos que mover o cu— ou á retirada fóbica do mundo común na procura dun refuxio que nos prometa inmunidade.

De feito, Latour (2020) afirma o segunte: 

“Non existe cura para o pertencemento ao mundo. Mais, por obra dos coidados, é posíbel se curar da crenza de que non se pertence ao mundo; que esa non é a cuestión esencial; que o que ocorre co mundo non nos concerne. O tempo no que podeiamos esperar ‘saír diso” non existe mais (...) Neses asuntos, a esperanza é unha conselleira ruín, xa que non estamos nunha crise. Iso non vai pasar e será preciso aprender a lidar con iso” (Latour, 2020: 31).

O domingo 29 de novembro, a cidadanía con dereito a voto no Estado español estamos convocados a unha cita electoral de alcance epocal, na que se dirimirá, entre outras cousas, unha certa orientación política sobre o que facer coa loucura dun mundo desestabilizado polas alteracións climáticas e os seus correlatos políticos. Nas redes, nas rúas e nas conversas coas persoas que amamos percíbese un entusiasmo nervoso, coma se todo o mundo loitase por se desprender estes días dun manto de sonambulismo para enfrentar o que está en xogo, aínda que non saibamos moi ben como facelo alén do voto. Eu tampouco dubudei e o sábado viaxarei máis de mil quilómetros para depositar o meu voto nunha urna dun colexio electoral de Santiago de Compostela.

No meu caso, será coa papeleta do Bloque. Un voto, penso, non identitario —como tantos dos que se emitirán este domingo— que tomará partido, antes de máis nada, por unha perspectiva activa

Pergunteime hoxe polas razóns desa viaxe, alén daquilo máis evidente, e decidín compartilo.

Dunha banda, sinto o domingo 29 N como un rito importante na constitución dunha maioría terrana, isto é, dun pobo por vir —ou, mellor, dunha confederación de pobos por vir— capaz de reinventar os sentidos da abundancia, da liberdade e da emancipación a partir das esixencias dunha habitabilidade desexábel, e non xa dos imperativos da produción ilimitada. Nese sentido, o 29 N é unha ocasión máis para interrompermos a marcha sonámbula da modernización enlouquecida e recuperar a capacidade de nos deixar afectar por aquilo que esta nos ensinou a desatender. Tamén, para cultivar, frente ao medo á catástrofe, a alegría de sabérmonos capaces de aprender uns dos outros, de establecer novas alianzas e de inventar modos de coexistencia que non esixan a redución da pluralidade dos mundos terrestres a un único horizonte civilizatorio.

Doutra banda, móveme a facer esa viaxe un desexo decidido de democracia. Entendo aquí a democracia, seguindo a formulación de Éric Laurent como un traballo de luto polo Un: a renuncia á fantasía dun corpo social homoxéneo e reconciliado consigo mesmo. Desexar a democracia significa consentir á existencia dunha contradición viva no seo do colectivo e apostar por unha forma de vida política na que o desexo singular poida atopar unha expresión alegre da súa potencia de actuar, frente ao empuxe á uniformización e á segregación. 

No meu caso, será coa papeleta do Bloque. 

Un voto, penso, non identitario —como tantos dos que se emitirán este domingo— que tomará partido, antes de máis nada, por unha perspectiva activa. 

A papeleta caerá na urna coa determinación dun acto e coa leveza coa que o obxecto causa do desexo se desprende do corpo nalgunhas ocasións. 

Como nun amor advertido da inexistencia da relación sexual —da imposibilidade estrutural de facer Un de dous, como sostén Lacan no seu seminario Encore (1972–1973)—, non agardo dese acto ningunha promesa de completude no campo da representación, mais si a posibilidade de impulsar un movemento colectivo no que a democracia se reinvente ao abeiro das preguntas, obrigas e posibilidades diverxentes que suscitan entre nós os desexos dunha habitabilidade plural do mundo. Un campo do desexo que reclama a implicación de calquera e que, un por un, e xuntos, podemos contribuír a manter aberto, facendo da habitabilidade a cuestión política da nosa época. 

Parte do que está en xogo na época —xa se trate da vivenda, do traballo ou do amor— remite á invención de formas de vivir xuntos no Antropoceno advertidas dos perigos da pulsión de morte

Parte do que está en xogo na época —xa se trate da vivenda, do traballo ou do amor— remite á invención de formas de vivir xuntos no Antropoceno advertidas dos perigos da pulsión de morte. É por aí tamén por onde discorre un novo eixo de antagonismos políticos que por agora só se anuncia timidamente: o que enfrenta a quen pretende seguir subordinando a habitabilidade da Terra aos imperativos da produción ilimitada e do lucro como principio de elaboración de mundo, con quen aspiramos a reorganizar a produción, e as nosas formas de vida, a partir das esixencias dunha habitabilidade plural nun planeta alterado que, con certeza, pelexaremos por seguir habitando con desexo e entusiasmo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.