Votar o PP, non é inmoral? E non é pecado?

O único interesante deste artigo é o título e as respostas ás preguntas creo que son obvias pero, xa que o meu compromiso é escribir un artigo semanal, vai o que segue.

O voto non é obrigatorio no Reino de España, de modo que, en principio, é un acto libre. Matizo "en principio", porque é certo que nalgúns lugares  un poder político asfixiante obriga as persoas máis débiles a votar e mesmo a facelo coa papeleta do amo, a maior burla á democracia. Quitados eses casos, votar é un acto moi consciente, unha elección entre varias posibilidades meditada con tempo. Os votantes podemos dicir posteriormente "equivoqueime", pero non estaría mal que o fixésemos diante dun espello.

"Os homes non son nunca inconscientes, agás no sexual, no criminal e en soños". Téñenme que perdoar a cita da correspondencia do lúcido e descarnado Josep Roth a Stefan Zweig pero é que acabo de bater con ela.

O noso voto é un acto consciente e somos responsables del, a cada deputado e a cada Goberno puxérono aí persoas concretas co seu voto secreto

O noso voto é un acto consciente e somos responsables del, a cada deputado e a cada Goberno puxérono aí persoas concretas co seu voto secreto. Pero que sexa secreto para os demais non quere dicir que non debamos asumir cada un as súas responsabilidades ante nós mesmos. A política é un esforzo por racionalizar a complexa vida social, por iso todos temos en conta os intereses particulares de cada un e, tamén, que a máquina do país funcione. A moral só condiciona vagamente as nosas decisións políticas, pero España como Estado e a sociedade española en conxunto afrontan unha crise moral, por iso é máis pertinente que nunca preguntarse se non é inmoral dar o voto a ese partido chamado Partido Popular.

A pesar de que a democracia española sexa un sistema do que desapareceu en gran parte a liberdade de prensa, sometida e controlada polo Goberno, a estas alturas toda a poboación sabe que está probado que o PP leva case dúas décadas financiándose con diñeiro negro. Toda a poboación sabe que todos os seus dirixentes, Esperanza Aguirre afirma que agás dous, levan anos cobrando sobres de diñeiro negro do que descoñecen a súa procedencia, igual podería ser do narcotráfico que do tráfico de armas ou da corrupción inmobiliaria. A estas alturas todos sabemos que mentres moitos pagabamos impostos e eramos vixiados eles, na oposición e logo no Goberno, rían de nós. Un partido corrupto cuns dirixentes e gobernantes corruptos. Isto está denunciado e probado e sabémolo todos.

Un partido corrupto cuns dirixentes e gobernantes corruptos. Isto está denunciado e probado e sabémolo todos

E todos os posibles votantes coñecen que o presidente do Goberno divide os súbditos deste Reino en "seres humanos normais", quen son como el, e os demais, quen non somos como el. E coñecen que o seu punto de vista demencial é o que está realmente detrás das políticas deste Goberno en relación cos "seres humanos anormais": non os recortes, senón o roubo da sanidade pública, da educación, dos servizos sociais, do dereito á xustiza... Da liberdade de expresión. Poida que moitos deses posibles votantes non o saiban, pero aprobaron unha "lei mordaza" e pretenden censurar gubernativamente a información precisamente para que non o saiban.

Ese partido naceu financiado con diñeiro do contrabando e seguiu alimentándose de diñeiro negro de procedencia incerta

Ese partido naceu financiado con diñeiro do contrabando e seguiu alimentándose de diñeiro negro de procedencia incerta. E eran franquistas e ségueno sendo. É inmoral ser franquista? Non sei contestar, coñecín a persoas que eran franquistas e, con todo, arranxábanse coa súa moral católica e comportábanse na súa vida persoal con dignidade ética. A vida é moi rara e variada. É razoable que, ademais dos delincuentes que participan nos negocios de corrupción, haxa persoas de ideoloxía puramente franquista ou simplemente dereitista que pensen en votar o PP pola súa ideoloxía, pero nesta ocasión é claramente inmoral.

E non é pecado seica? Os bispos nacional católicos españois declararon pecado moitas cousas, pero hoxe deberían dicir publicamente que quen celebra éxitos económicos á conta da pobreza de tantas persoas, quen maltrata sen compaixón aos máis débiles para darllo a voitres cheos de caviar falta a varios mandamentos e todo o máis elemental da mensaxe de Cristo, a caridade. Polo menos iso foi o que nos ensinaron a varias xeracións que acudiamos mansamente á catequese e tiñamos materia de relixión oblitagoria na escola. Segundo a doutrina social da Igrexa, creo que me remonto a Pío XI e ao Concilio Vaticano II, creo que votar o PP, ademais de inmoral, tamén é pecado.

Segundo a doutrina social da Igrexa, creo que votar o PP, ademais de inmoral, tamén é pecado

Tras a caída da URSS houbo uns cambios ideolóxicos profundo que facilitaron a concentración de poder financeiro e político en mans duns poucos, un deses cambios foi a desaparición da Democracia Cristiá, unha dereita comunitarista e paternalista. "A Deus o que é de Deus e ao César o que é do César", era o fundamento evanxélico último. O ultraliberalismo de Popper, Reagan, Thatcher..., Aznar e Rajoy é blasfemo, nega a existencia de Deus. O ultraliberalismo predica un mundo sen un deus que inspire e presida os actos dos humanos, un mundo rexido por unha "man invisible" que non é divina senón a man implacable dos mercados que trituran aos débiles. Si, votar o PP é pecado.

A Xustiza non ilegalizou ese partido a pesar do perigo que representa para a democracia unha organización así, pero as persoas temos poder para actuar. "O fin do mundo é unha cousa e a indecencia privada é outra. Non hai que achacar a indecencia á confusión xeral. Non ten que ver". Desculpen estoutra cita de Joseph Roth, un "pequeno xudeu pobre", pareceume que viña moito ao caso.

A política é antes de nada a conquista do poder e a súa xestión, pero ten unha dimensión moral en último termo. Non hai un único partido de dereitas e hai outras opcións políticas que aseguran unha xestión razoable da administración, pódese escoller. E votar non é obrigatorio no Reino de España, é un dereito, o dereito a ser cidadáns responsables do noso voto.

Se un partido é corrupto pola súa propia historia e natureza, se a súa práctica mesma é corromper a sociedade non é escusa para que nos comportemos como adultos. Se en España hai corrupción non é "corrupción de menores", aquí todos somos adultos e facemos as cousas co noso consentimento. Non creamos nos falsos inocentes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.