Voz e voto

Urnas nun colexio electoral CC-BY-SA EC

Na procura do significado da palabra latina vox atópome voz e voto. Cádrame. En tempos, unha palabra dada era máis firme que moitos dos escritos de agora, moitas veces considerados como papel mollado. Polo tanto, a voz dada tería un carácter inequívoco de voto, de preferencia ante unha opción que sería certificada pola mera expresión dada, pola palabra.

Hoxe por hoxe, parece que para ter voz -xa digo, algo que vai antes do voto, hai que apuntarse a determinadas políticas e/ou formacións políticas. Entón, podes ter difusión mediática, aireada pola prensa ou polos contrincantes, que te dan cancha e propaganda, mesmo sobreactuando. Unha postura que me resulta inconcebible non tanto por ridícula como por incoherente e propaganda do contrario.

Téñense dado moitos casos do que digo no parágrafo anterior, pero sempre chama máis a atención o que toca máis preto, e este artigo ten a súa orixe precisamente nun deses casos próximos. Cando hai uns días a prensa deu saída a unha nota do concello reafirmando a súa actividade en prol da igualdade, o que se veu non foi a propia actividade do concello en materia de igualdade e o seu rendemento, (actividade que non estimo errada e da que é pronto para estimar o seu 'rendemento'), senón a causa da nota do concello, segundo parece, as críticas verquidas dende un partido de extrema dereita. E digo segundo parece, porque alguén houbo que mergullarse no torrente das redes sociais para chegar a unha nota dese partido, a nivel provincial, na que Ribadeo aparece nada máis que como unha cita entre outras, sen argumentación algunha.

Pero si, o caso é que agora ese partido de extrema dereita xa ten presenza nas novas do concello. Que polo momento os votos que tivera caiban con folganza nunha carteira non impide que o papel adicado neste caso xa non caiba.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.