Vrao

Capa de 'Vrao' © Editorial Galaxia

Lois Alcayde Dans vén de publicar Vrao, un poemario infanto-xuvenil no que o autor canta á estación estival dende as súas vivencias máis persoais

Lois Alcayde Dans vén de publicar Vrao, un poemario infanto-xuvenil no que o autor canta á estación estival dende as súas vivencias máis persoais, un verán co que calquera neno ou nena se pode sentir identificado ou identificada. Ademáis, Lucía Escrigas enche de cor o Vrao de Lois Alcayde con ilustración fermosas, cheas de cor e de vida, que representan os motivos de cada poema, o que deriva en estampas máis detallistas, como pingas de auga ou froitas que a todos e a todas nos lembran ao verán, ou noutras máis complexas, como as do barco pirata ou o fondo mariño. 

Os vinte e dous poemas que atopamos en Vrao están cheos de estampas estivais persoais que se universalizan a través dos ollos de quen le. O título reafírmase dende o primeiro poema, “Chega o vrao”, que se fecha co verso: “Aquí ao verán chamámolo así, vrao” (p. 6). 

Capa de 'Vrao' © Editorial Galaxia

O escritor presentará este venres día 6 o poemario en compaña do crítico literario Armando Requeixo na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola

Na maioría de poemas ponse de manifesto a paisaxe natural, como ocorre en “Na costa”, “No sol” ou “O meu lugar”, e a fauna, como en “Vento do Sur”, “Os animais” ou “Vou ao fondo”. Porén, tamén son numerosos os poemas nos que os sentimentos afloran, dende “Impaciente” até outros máis profundos. Por exemplo, a nostalxia pode atoparse en “A televisión”: “e dáme mágoa, / porque xa non ten nenos ao redor dela, / (...) / a tele vella, pobre, / segue agardando, paciente, un novo vrao” (p. 31); a melancolía, encarnada na figura da nai de “Mamá” ou “Mamá, ás veces”; ou o afán expeditivo dos cativos e das cativas, como en “Ensalada de barcos”, “Amigos”, “Abandonada” ou “Cartografía”.

Un poemario cheo de ledicia e festividade estival, que invita ao desfrute do vrao, pero tamén á súa propia lectura; parafraseando ao autor: “Oxalá durase sempre isto / o verán, o vrao” (p. 10)

Cando se fala de Vrao como un poemario para a infancia non debe pensarse nel exclusivamente como un libro para os cativos e as cativas, senón tamén para un público xeral co desexo de recuperar por uns instantes un xeito de ollar perdido fai tempo. Isto vese reforzado pola existencia de poemas nos que se percive unha perspectiva máis madura, como en “O vendedor de froita” ou “A casa da punta”.

En conclusión, o Vrao de Lois Alcayde Dans é o seu vrao, pero tamén é o verán de todos e todas, o dos nenos e das nenas e o dos e das non tan cativos e cativas. O escritor presentará este venres día 6 o poemario en compaña do crítico literario Armando Requeixo na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola. Un poemario cheo de ledicia e festividade estival, que invita ao desfrute do vrao, pero tamén á súa propia lectura; parafraseando ao autor: “Oxalá durase sempre isto / o verán, o vrao” (p. 10). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.