Wundanyi

Wundanyi é unha vila no rural de Kenya. Atopámola entre outeiros ondulados, maioritariamente verdes e húmidos grazas a unhas condicións climáticas envexadas no resto do país, máis seco e árido. A beleza das inmediatas montañas Taita converte a Wundanyi nun punto de paso e de destino para viaxeiros e sendeiristas, a maioría deles chegados do estranxeiro. Alén destas novas dinámicas, a veciñanza de Wundanyi conserva do pasado unha forte tradición agraria que se traduce hoxe nun profundo coñecemento do seu territorio e unha fermosa identificación coa súa paisaxe.

Wundanyi foi testemuña dos fortes cambios políticos acontecidos na era post-colonial. Tras un desartellamento forzado das terras comunais, o Estado fracasou en primeira instancia o intento de nacionalizar a propiedade no espazo rural. Coa chegada da década de 1980 e un panorama económico internacional cada vez máis liberalizado, o Goberno, aconsellado por institucións internacionais, reorientou as políticas de propiedade da terra cara a un proceso de privatización controlado. Comezaban os desexados inicios do desenvolvemento.

Wundanyi viu chegar o capitalismo moderno e con el os intereses de empresas forestais estranxeiras. Inducidos polo novo modelo económico imposto dende o Estado, os propietarios mudaron os seus cultivos. As hortas transfórmanse en monocultivos difusos dunha árbore allea ao ecosistema local, pero moi rendible. A nova especie comezou a abastecer os petos con máis rapidez do que o facían as hortalizas, o que permitiu a moitas familias construír unha nova casa nas aforas da vila. A miraxe do progreso parecía tomar corpo.

Wundanyi viuse rodeada axiña das novas plantacións. Durante anos estas non xeraron moito conflito social, convencidos como estaban da súa bondade, a ollos vistos. Mais hai relativamente pouco tempo a veciñanza comezou a decatarse de que as novas plantacións estaban a secar os solos, a imposibilitar outro tipo de cultivos e a eliminar irreversiblemente o bosque autóctono. Aquela miraxe de progreso amosaba a súa verdadeira faciana, ata entón oculta. A frustración aumentou desde entón, pero o certo é que, a pesar dela, a realidade pouco ou nada mudou na paisaxe ferida de Wundanyi.

Mais que ninguén se alarme. Estamos a falar só de Wundanyi, unha pequena cidade perdida entre outeiros en terras kenyanas, aló na pobre e atrasada África. Nada que ver, en fin, co que poida acontecer neste noso recuncho, verde e húmido tamén, da vella e culta Europa.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.