Xa chegaron os marcianos

Xa están aquí, xa chegaron os marcianos pero estes non son galegos coma ti. Antonio Beteta Barreda, poderoso secretario de Estado de Administraciones Públicas nas verbas dun xornal galego de provincias, veu, viu e sentenciou: máis poder a administración local, menos para as comunidades autónomas e... agárrense... potenciar as deputacións. Queriades caldo, tomade sete cuncas.

"Máis poder a administración local, menos para as comunidades autónomas e... agárrense... potenciar as deputacións. Queriades caldo, tomade sete cuncas"

Xa imos sabendo que entende o Partido Popular, o de G e mailo de E, por redefinir o mapa competencial entre os distintos niveis de goberno, e xa non se poden descartar os peores augurios. Se en Europa os gobernantes conservadores impoñen ditatorial e inconscientemente a austeridade obviando as consecuencias para a estabilidade social e política do continente, a dereita española amosa outra volta o seu carácter diferencial e súmalle ao anterior a súa teima pola inquebrantábel unidade da nación española.

É por iso que os recortes no Estado do Benestar veñan acompañados no caso español dunha tentativa de recortar tamén o poder autonómico pois ao fin e ao cabo ambos elementos se desenvolveron xuntos dende que España deixou de ser unha unidade de destino no universal

É por iso que os recortes no Estado do Benestar veñan acompañados no caso español dunha tentativa de recortar tamén o poder autonómico pois ao fin e ao cabo ambos elementos se desenvolveron xuntos dende que España deixou de ser unha unidade de destino no universal. O certo é que a dereita española entendeu o Estado das Autonomías (tarde, mal e arrastro) como unha sorte de descentralización puramente técnica, non política, por iso impulsaron a súa deturpación co “café para todos”, metendo no mesmo saco realidades obxectivamente diferentes. Agora coa crise, aproveitando que os grandes consensos xa non son intocábeis, pretenden desandar o camiño andado e devolver as competencias ao sitio de onde nunca deberían ter saído.

No noso País é triste ver como os elixidos para gobernarnos calan e outorgan diante da laminación do autogoberno. A estas alturas nada nos impide afirmar que Feijoo e Esperanza Aguirre comparten diagnóstico e propósitos de xeito milimétrico. Nada podemos agardar dunhas persoas que teñen os pés nun sitio e a cabeza noutro. Por iso os que cremos no País e na necesidade e capacidade de gobernarnos a nós mesmos, no grado que sexa, debemos reivindicar as institucións autonómicas e o avanzado e conseguido nos últimos trinta anos co esforzo de todos.

A estas alturas nada nos impide afirmar que Feijoo e Esperanza Aguirre comparten diagnóstico e propósitos de xeito milimétrico

Poderá parecer conservador, e seguramente o é, pero na liña do apuntado por Tony Judt en Algo vai mal, vivimos un tempo histórico no que en moitos aspectos tócalle agora aos progresistas ser conservadores, pois o que está en cuestión son os avances de ducias de anos en toda Europa. E a Espe que lance se quere unha OPA para a fusión ou absorción das dúas Castelas, pero a nós que nos deixen construír o noso futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.