Xa o sol asomaba no poñente

“O que sobrevém é um tédio sem sono nem esperança, o mau despertar de quem não chegou a dormir.”  (O livro do desassossego, Fernando Pessoa).

A propósito do acontecido nas pasadas eleccións -e das enquisas emboutadas con prebes sospeitosos- a determinados camándulas da cousa pública seica lla encabaron domeada, sen anestesia e sen sedantes. Malia ser vacinados coa xeringa do escarmento, seguen facendo coma se a cousa lle pasase rozando. Haberá que preguntárllelo aos de En Marea e aos do Benegá, ou a don Pablo Manuel e a dona Ana. En fin, os que non acaban de aprender a lección, malia grandes doses de curas de humildade, deberían dicirnos algo.

No canto de explicarnos as causas da desafección de miles dos seus votantes, dispostos a ficar na casa, decidiron por unanimidade botarlle a culpa ao medo, ou ao depredador Procambarus clarkii, vulgarmente coñecido coma cangrexo americano.

Sabemos ben que, tanto a codia coma o miolo do bipartidismo reinante, nunca deixaron de agromar, e son correúdos e desoladores. Sabemos que os partidos clásicos, da destra e da sinistra, precisan un formatado meticuloso do seu disco ideolóxico e político. Tamén nos decatamos que nos toca vivir tempos infestados pola coxeira intelectual e pola estulticia insolente. E talvez saibamos de sobra, que non é doado atopar unha pomada que nos permita paliar as doenzas cutáneas, causadas pola insolación de tanta mediocridade. 

O meu tío Lisardo ten constancia empírica de que, don Mariano e os seus lambecricas, pretenden convencernos que o seu concepto da metafísica posúe a condición de ciencia exacta, tratando de engadirlle á aritmética das votacións unha especie de salvoconduto que lle permita, ao partido mellor situado, gozar dun chocante certificado de inmunidade contra o sarampelo das falcatrúas ou barrabasadas, cometidas antes do 26 de xuño.

O meu tío, mesmo sabe de sobra que o xefe do PSOE, para salvar a súa pelica, quere facernos crer que o seu é un problema menor, e os pesoeiros deberían brincar de felicidade, porque o importante é ficar de segundos, mentres non haxa quen conte a distancia a respecto do primeiro, e malia o bafexo que lle bota o terceiro na súa caluga desplumada.

Ah! O que realmente lle custa comprender ao meu tío, é ver como os vellos e os novos arrieiros do materialismo dialéctico –tantas veces amentado e tan poucas practicado- seguen renegando da máis elemental capacidade analítica, sen deixar de trabucarse, cada vez que recitan a complicada táboa do nove, cando teñen que explicarnos os resultados electorais que non lle son favorables. Pois iso, menos marxismo –do de Groucho- e máis Le Luthiers: «ya los fieros enemigos se alejaron / no resuena el ruido de sus botas / nos pasaron por encima y nos ganaron, / nos dejaron en derrota. / Perdimos, perdimos, perdimos  otra vez». (Anaco do himno da derrota titulado, “Ya el sol asomaba en el poniente”).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.