Xesús Alonso Montero: fillo adoptivo de Ribadavia

O vindeiro día 24 a corporación municipal de Ribadavia distinguirá publicamente a Xesús Alonso Montero co honroso título de fillo adoptivo do concello;   non predilecto, porque o profesor non naceu no Ribeiro, senón en Vigo, onde os pais rexentaban daquela un bar. De moi novo volveu para a terra dos devanceiros, A Groba, un lugar da parroquia de Sanín, á que o encoro de Castrelo de Miño asolagou boa parte das viñas e dos terreos. Aquí pasou a nenez e a adolescencia (parte do bacharelato cursouno en Ribadavia), convivindo cos sabios patrucios ribeiraos que coñecen como ninguén os segredos do viño, transmitidos dende non se saben cando, pois preto da Groba, entre Laias e Castrelo, a catedral compostelá xa posuía viñas o ano 922.

A Xesús pasoulle o contrario de que a min: eu nacín no cumio do Ribeiro, en Cenlle, pero aos dous anos leváronme para Ponteareas e logo a Vigo. Os dous somos produto da nefasta emigración que está a deixar dende hai case un século o Ribeiro ermo de xente e de cepas.

O profesor Alonso Montero é coñecido de abondo, tanto como para que nin tente dar unhas liñas do seu currículo. Coido que teño todas as súas obras, en particular da primeira época, empezando por Cen anos de Literatura Galega e seguindo por Realismo y conciencia crítica en la Literatura Gallega, O que cómpre saber da lingua galega, O galego na escola… e, sobre todo, Pedro Petouto, os traballos e cavilacións dun mestre subversivo, e ata a versión castelá do Catecismo do labrego de frei Marcos da Portela.

Todas, ou case, mercadas na desaparecida almoeda e librería Monterrei de Vigo, de par da que vivín varios anos. Por certo, aínda lembro cando saíron do prelo en 1969 as súas Cantigas sociais recollidas do pobo, na meritoria colección O Moucho, dirixida polo finado amigo Xosé María Álvarez Blázquez.

É raro non atopalo nos eventos culturais que se desenvolven no Ribeiro, dende homenaxes  ata publicacións. Abonda con só citar Escritores do Ribeiro (en O Ribeiro. O viño da cultura. A cultura do viño, premio Gourmand 2001 ao mellor libro sobre o viño publicado no mundo ese ano), un traballo polo miúdo verbo dos escritores propios e dos forasteiros que falaron desta terra, para rematar coa protesta política e literaria do encoro de Castrelo, en 1966.

Sinto non atopar neste intre unhas fotografías de Xesús vestido de xudeu, do día que deu o pregón da Festa da Istoria (quen sabe!, sendo do Ribeiro non se pode negar que nos corran polas veas algunhas pingas de sangue xudeu). Esculquei nos meus arquivos fotográficos, pero non din con elas, nin coa que ía na comitiva que percorreu antes as rúas da vila, nin cando falou na Praza Maior, fronte á casa do concello e de costas ao pazo dos condes.

Parabéns para o novo fillo adoptivo do Ribeiro, pero tamén para o concello de Ribadavia por este histórico acordo de distinguir ao profesor Alonso Montero con tan honroso título, contándose dende agora entre os ilustres ribeiraos. Unha vida dedicada por enteiro ao ensino e á cultura ben o merece… Enteira non,  porque Xesús aínda ten folgos de abondo, e xa non digamos coñecementos, para escribir varios libros e unha morea de artigos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.