Este 17 de xuño non deixou a ninguén indiferente na provincia de Ourense. A pesar de que, evidentemente, foi o acaecido na capital o que ocupou a primeira plana da política provincial; podemos establecer un claro consenso en torno ó concello que ocupa a segunda posición en notoriedade. Ese non é outro que Ramirás.
Podemos establecer, en parte, un paralelismo entre os sucesos dos dous concellos: dous rexedores municipais que se aferran ó bastón de mando a calquera prezo e manobrando ata o último momento para poder así repetir mandato
Para ser directos e non andarmos con rodeos, podemos establecer, en parte, un paralelismo entre os sucesos dos dous concellos: dous rexedores municipais que se aferran ó bastón de mando a calquera prezo e manobrando ata o último momento para poder así repetir mandato. O caso de Ramirás dáse mais aínda á desesperada, ó tratarse de tan só medio mandato, é dicir media lexislatura.
Nun contexto no que, a nivel nacional, o PSdG e o BNG acordaron unha liña de acción encamiñada a procurar gobernos de coalición progresista; Ramirás abriu o paraugas para levar adiante a súa propia dinámica política presentando, ó igual que na capital provincial, un acordo de última hora entre o respectivo partido gobernante e o Partido Popular.
Así, a poboación de Ramirás queda fóra dese 60% da poboación galega que, durante a totalidade desta lexislatura, terá unha persoa do PSdG ou do BNG na alcaldía.
Coñecer o pasado para entender o presente
É fundamental ter presente que estes problemas remóntanse a cando Gil abandonou o BNG, por problemas aínda sen esclarecer publicamente, tras case arrebatarlle a alcaldía ó PP, nun histórico resultado de 6-5, cando o pleno de Ramirás aínda contaba con 11 escanos e non cos actuais 9
Aquí sen embargo é fundamental facer un percorrido ata o presente para entender como se foi desenvolvendo esta partida de póker, quen dicía a verdade e quen mentía. Para iso debemos situarnos no ano 2015, cando cun resultado de 4-4-1 sendo o PPdG a forza mais votada; o único concelleiro do BNG abstense, deixando gobernar en minoría a dita forza. Este feito foi dende aquela a arma esgrimida pola candidata socialista, Isabel Gil, como o seu principal lema de campaña: “o BNG impediu o histórico cambio en Ramirás porque vai da man do PP”.
Este feito, xunto co relevo da histórica alcaldesa popular Pilar López, fixo que Isabel Gil saíse reforzada para, no 2019, repetir o 4-4-1 pero sendo agora o PSdG a forza mais votada. Que fai entón o BNG? O mesmo: absterse para seguir defendendo a súa posición de que goberne a lista mais votada.
Sucede entón, aínda que en minoría, a primeira lexislatura en Ramirás cun goberno distinto ó PP, co PSdG como partido de goberno e Gil como alcaldesa. Sen embargo, ó contrario do agardado, as tensións entre Gil e o BNG, en concreto o seu candidato Marcos Meléndez, non irán senón a peor. Neste contexto Gil, agora como alcaldesa, seguirá reprochándolle a Meléndez estar confabulado co PP, por exemplo co bloqueo en pleno de subvencións ó concello, entre outras cousas.
Neste punto é fundamental ter presente que estes problemas remóntanse a cando Gil abandonou o BNG, por problemas aínda sen esclarecer publicamente, tras case arrebatarlle a alcaldía ó PP, nun histórico resultado de 6-5, cando o pleno de Ramirás aínda contaba con 11 escanos e non cos actuais 9.
Comeza a partida, repartimos cartas
Chegamos ó presente, en concreto ó pasado 28 de maio e ó seu controvertido resultado a partes iguais 3-3-3. Temos por unha banda un PP de Ramirás que se desgasta pouco a pouco, ó non poder o seu candidato, o histórico tenente alcalde Juan Carlos Rodríguez, estar á altura da figura de Pilar López; pois a popularidade cos veciños e o peso e reputación dentro do PP provincial dun e doutra son incomparables. Por poñer algún exemplo, con Pilar López falamos da primeira muller alcaldesa da provincia, gobernando sen interrupción durante corenta anos (1975-2015) con nove maiorías absolutas. Este contexto, xunto co resto de factores externos ó PP, fai que o PP de Ramirás sexa, por primeira vez na súa historia, a forza menos votada no concello.
Se a vitoria do BNG causou sorpresa entre a poboación, esta nin de lonxe se compara á sorpresa causada polo pacto de última hora PSdG-PP entre Isabel Gil e Juan Carlos Rodríguez para unha alcaldía compartida, pasando a gobernar cada un durante media lexislatura
Por outra banda, temos a unha Isabel Gil e a un PSdG que se valen dos seus catro anos de goberno, a pesar de ser en minoría, para confiar en dar o salto á maioría absoluta e continuar o cambio en Ramirás dunha maneira mais sólida. Neste sentido unha das súas mellores cartas foi lograr un fito histórico para Ramirás que poida que non se volva a repetir nunca mais: a visita dunha ministra do goberno de España, como foi neste caso a de Teresa Ribera, ministra de transición ecolóxica. Sen embargo prodúcese a sorpresa, perdendo un escano e deixando de ser a primeira forza, aínda que de novo volve a superar en votos ó PP ademais de vencer con gran distancia nunha das mesas electorais.
E por último, o gran vencedor da noite. Porque este 28M non foi ou non destaca por ser unha derrota do PSdG e o PP, os cales só perderon un escano. O feito de que o PP sexa por primeira vez a última forza queda totalmente eclipsado, ante o gran salto e golpe na mesa que realiza o BNG, pasando dun a tres escanos e de ser a última forza a modo bisagra, para ser a primeira forza, vencendo en 3 das 4 mesas electorais de Ramirás. A pesar de que nunca antes o BNG saíra tan a gañar unha partida, dadas as numerosas “fichaxes” realizadas, iso non evitou que todo Ramirás sen excepción quedase en maior ou menor medida sorprendido co resultado.
Unha vez apostado, descubrimos cartas
Chega este pasado sábado e todo Ramirás agarda expectante o desenlace deste triángulo das Bermudas, valorando tódolos escenarios. Por todos eran coñecidas as difíciles relacións entre Gil e Meléndez, polo que seguir a liña nacional de pacto “progresista” víase case imposible.
As dúas opcións maioritarias entre a poboación eran: ou un goberno en minoría do BNG (principal hipótese dos votantes de Meléndez) ou un pacto BNG-PP (principal hipótese dos votantes de Gil). Sen embargo, se a vitoria do BNG causou sorpresa entre a poboación, esta nin de lonxe se compara á sorpresa causada polo pacto de última hora PSdG-PP entre Isabel Gil e Juan Carlos Rodríguez para unha alcaldía compartida, pasando a gobernar cada un durante media lexislatura.
Aferrarse a calquera prezo
Chegamos agora ó importante, o polémico, o que dá título a este artigo. E non é outra cousa que analizar o pacto realizado entre Gil e Rodríguez.
Onde queda o interese polo Concello e os seus veciños? Que hai aparte dunha obsesión enfermiza polo cetro de goberno? Ata ese punto o fin xustifica os medios na política institucional?
Se houbera que resumilo nunha palabra, esta sería esperpéntico. Un espectáculo de cinismo nunca antes visto na política de Ramirás. Dunha persoa que fixo bandeira dunha suposta confabulación secreta entre BNG e PP para logo ser ela a que se reparte a alcaldía co PP, cando o BNG o único que fixo foi ser coherente durante dúas investiduras mantendo a posición de que goberne a lista mais votada.
Sen embargo, habéndolle asegurado Gil e Rodríguez, por activa e por pasiva, a Marcos Meléndez que respectarían a forza mais votada, tal como o BNG respectou en 2015 e 2019 respectivamente; deciden a última hora, case no mesmo día da investidura, violar ese acordo non verbal e impedir que goberne o BNG, é dicir a lista mais votada. Ademais non nos esquezamos que a votación para a investidura realizouse en urna e non a man alzada como debería ser, de non haber nada que ocultar
Onde queda o interese polo Concello e os seus veciños? Que hai aparte dunha obsesión enfermiza polo cetro de goberno? Ata ese punto o fin xustifica os medios na política institucional? Pois mais lles vale ós novos alcaldes de Ramirás que así sexa, pois agora xa non teñen a escusa de estar en minoría, no caso de traballar polo desenvolvemento do concello. Aínda que nunca se sabe, hoxe no mundo vivimos na ditadura do inmediato onde todo, incluídas alianzas e relacións, son do mais volátil. Poida que Gil e Rodríguez se aliasen para bloquear a Meléndez e logo nas propostas de cada pleno se bloqueen entre eles. Hoxe en día cambiase mais rápido de aliados e prioridades que de calzóns e calcetíns.
Como será a próxima partida?
Pois visto o visto o único que se presentan son incertezas. Sen embargo podemos sacar unha conclusión clara: en Ramirás a investidura reforzou e apuntalou o resultado do 28M. A principal consecuencia a destacar do pacto é a actitude suicida de Gil, pois na investidura colleu toda a reputación e lexitimidade que como concelleira e logo alcaldesa fora construíndo ladrillo a ladrillo durante anos para, sen a mais mínima explicación lóxica e racional, tirala ó lixo. Gil debe ser consciente da perda de electorado que lle vai supoñer esta decisión, porque para votar a alguén que facilita a alcaldía ó PP, mellor votar directamente ó propio PP, deixando así ó BNG como a única alternativa, pola coherencia mantida nas dúas investiduras anteriores.
Visto o visto o único que se presentan son incertezas. Sen embargo podemos sacar unha conclusión clara: en Ramirás a investidura reforzou e apuntalou o resultado do 28M. A candidatura de Marcos Meléndez non gobernará, pero sabe que agora é o momento de traballar día a día para en catro anos pechar o ciclo comezado este 28M logrando a tan ansiada maioría absoluta
Respecto ó PP de Ramirás, nada podemos afirmar, sobre todo polo contexto do PP provincial de Ourense, o cal se atopa en pleno proceso de reconfiguración coa saída de Xosé Manuel Baltar. O único que podemos sinalar respecto ó sucedido é o que Juan Carlos Rodríguez comunicou a prensa: a alcaldía rotatoria era indispensable para acadar o pacto e o partido aprobou dita esixencia.
Para rematar, sinalar ó gran beneficiado a medio-longo prazo: o BNG. A candidatura de Marcos Meléndez non gobernará, pero sabe que agora é o momento de traballar día a día para en catro anos pechar o ciclo comezado este 28M logrando a tan ansiada maioría absoluta. Contan co respaldo maioritario da veciñanza, con toda a lexitimidade por haberse mantido fieis e coherentes, cun equipo de fichaxes cunha proxección notoria no concello e, non menos importante, coa propia campaña que lles fixo Isabel Gil ó pactar co PP, demostrando en última instancia quen son os que verdadeiramente van da man.
Agora toca recoller as cartas e erguerse da mesa, pois esta partida entre o 28M e este pasado sábado rematou. Agardemos que, a partir de agora, se Ramirás volve ser notoria nos medios, que sexa por outro tipo de espectáculos, ou polos menos por espectáculos moito mais éticos.