Xornais e xornalistas que animan á violencia

Unha das leccións máis evidentes e parralleiras do xornalismo máis básico é que cómpre sempre distinguir entre opinión e información. Aínda que a información obxectiva non existe, e asumimos que ler tal xornal ou escoitar tal emisora implica que se nos pinte a realidade dunha maneira ou doutra, o certo é que unhas mínimas formas, iso, formais, deben de presidir o exercicio editorial dos que deciden que vai de titular na primeira, ou que é o que vai abrir o informativo da radio e da tele.

Co pretexto da xente que foi liberada pola derogación da doutrtina Parot, eses lindes formais que imaxinabamos intocables, caeron dun xeito descarado

Que iso se pase polo forro dos gallumbos cando se trata de asuntos deportivos ("somos campións" e titulares así), o certo é que, co pretexto da xente que foi liberada pola derogación da doutrtina Parot, eses lindes formais que imaxinabamos intocables, caeron dun xeito descarado. E sen entrar agora sobre a cuestión xurídica e o escándalo que supón que algunhas persoas saian á rúa a pesar xa non só do que fixeron senón das posibilidades contrastadas de que volvan facelo, o certo é que ler xornais que increpan aos liberados, ou outros que directamente incitan ou deslizan a posibilidade da violencia contra deles, é, cando menos, preocupante.

Os xornais e o xornalismo, na democracia, deben servir de contrapoder ou de voz crítica contra dos poderosos e aqueles que exercen a autoridade dun xeito abusivo ou ilóxico. Sen embargo, e tendo claro que hai ben de tempo que a meirande parte deles xa renunciaron a isto (a fin de contas, en moitos casos a administración é o primeiro anunciante de moitos medios, é dicir, quen paga as nóminas), o que semella inaturable é que agora rebaixen tanto o nivel que se dediquen a excitar as vísceras máis simples dos que desexan vinganza a toda costa.

Que esa xente saia á rúa, nalgúns casos, provoca estupor e noxo. Iso é indiscutible. Pero é legal. Guste ou non guste, é legal

O xornalismo ten que ser garante da legalidade ou, cando menos, non defensor da ilegalidade. Que esa xente saia á rúa, nalgúns casos, provoca estupor e noxo. Iso é indiscutible. Pero é legal. Guste ou non guste, é legal. Hai que aguantarse ou aledarse, cada quen que decida. Pero o que non se debe, dende os voceiros e os altofalantes dos medios de comunicación, é excitar unha certa forma de violencia exacerbando a suposta, se é que o é, inxustiza desas excarcelacións por case que ninguén desexadas.

Iso non é bo.

Por non ser, nin sequera é xornalismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.