Juan Guaidó proclamouse a si mesmo presidente interino de Venezuela en xaneiro de 2019. Donald Trump unxiuno por twiter tres minutos despois e Iván Duque, presidente de Colombia e Jair Bolsonaro, do Brasil, e todos os do grupo de Lima, agás México, tamén o recoñeceron. Mike Pence, vicepresidente de EEUU, gravara un vídeo o día anterior, dándolle o visto e prace, o ándele do imperio.
Foi a grande operación golpista para derrocar a Maduro. Presión na rúa, sabotaxe eléctrica, illamento internacional, asfixia económica e soñada rebelión nos cuarteis, sen excluír unha invasión militar, nin tampouco a variábel mercenaria.
O 1 de febreiro o diario El País informaba de que a administración estadounidense avisou ao Goberno español antes de que Guaidó se proclamara presidente interino. Despois exerceu presión. Escríbeo Miguel González.
EEUU buscaba que España e a UE rompesen calquera canle de diálogo con Nicolás Maduro. O ministro de exteriores español, Josep Borrell declaraba: “Temos moita presión, non lles vou dicir de quen, pero poden imaxinalo, para que votemos en contra da creación deste grupo”. Tal grupo era o da Unión Europea, facilitadores para restaurar o diálogo entre Maduro e a oposición.
No momento en que Guaidó se autoproclama en Caracas, Borrell está reunido en Madrid co seu homólogo portugués. “Non imos facer seguidismo de ninguén” afirmou Borrell. “Para nós non abonda con que os EEUU o recoñeza” dixo Santos, o chanceler de Portugal. Os dous apelan a salvagardar a unidade da UE.
Mais Borrell abandonou a reunión precipitadamente para atender unha chamada de Duke Buchan III, embaixador de EEUU en Madrid, que quería velo, a el a Pedro Sánchez, que estaba en Davos. A posición de exteriores e presidencia diverxían lixeiramente. Sánchez teme ficar fóra da ola mundial de recoñecementos e ser erosionado por PP e Ciudadanos, mentres que Borrell considera unha aventura disparatada saírse da Doutrina Estrada, segundo a cal o que se recoñece é o estado, non o goberno do momento. No caso do opositor venezuelano íase recoñecer un goberno que non controlaba o aparato do estado e romperíase con quen ostentaba o poder de facto.
Borrell e Buchan reúnense o 24 de xaneiro. O embaixador demanda o recoñecemento inmediato de Guaidó, para que os outros países de Europa sigan a España, pois España é a rótula do vínculo. Tamén esixe que cesen todos os contactos con Maduro. “EEUU está convencido e fíxonolo saber, de que non hai lugar para máis mediación, nin máis facilitación, nin máis conversas, nin máis nada” declara Borrell, deixando entrever a molestia e a actitude prepotente da embaixada, neste caso non con Bolivia, senón con España e enviando recado a toda Europa.
Trátase, efectivamente, de voar as pontes e deixar caer a Maduro.
A estratexia de EEUU mudara coa nova administración. A extrema dereita abandonou calquera matiz da era Obama e quere imporlle a Europa a nova práctica, exactamente cos seus mesmos parámetros. E introdúcena a través do estado español, que a asume, como se ve, con irritación, pero que a asume.
Os países principais da UE tamén recoñecen ao chamado presidente encargado, agás Italia. E a dereita de aquí toda tan contenta, e o goberno PSOE andando sobre brasas.
Despois iníciase o bloqueo, a falsa axuda humanitaria, as sabotaxes, a destrución da economía, as migracións.
Mais é certo que Borrell asume publicamente a vixencia das relacións bilaterais co estado venezuelano e contradí niso a esixencia do embaixador en Madrid.
En referencia a EEUU volve a declarar: “Non anticiparon unha situación como esta, na que cinco meses despois o señor Maduro vén tendo o control da administración”. Recoñécese a Guaidó como presidente interino, pero os problemas serios resólvense falando “con quen dirixe o estado”. “Naturalmente, con quen imos tratar aspectos prácticos da vida é con quen ten o control do territorio e da administración”.
España ademais opúxose a adoptar sancións económicas contra o pobo de Venezuela, por iniciativa do ministro. E Europa, a diferenza de EEUU, non aplicou sancións globais, senón selectivas contra dirixentes do réxime bolivariano.
Seguramente foron estas posicións as que desencadearon o seguinte episodio conflitivo entre a oposición ultra venezuelana e o goberno español.
O 30 de abril Leopoldo López, líder de La Salida, case un alter ego de Guaidó, que propugnara usar a violencia na rúa contra o réxime, foxe do arresto domiciliario e refúxiase na embaixada de Chile. Pero inmediatamente cambia e con evidente intencionalidade política, ingresa para a embaixada española, xerando unha nova situación de tensión. É lóxico deducir a posibilidade de que a mudanza fose por directrices estadounidenses, destinadas a subir a temperatura, presionar a España e desta maneira a Europa, que se atopa así ante o dilema de acoller e protexer o individuo e traballar ao mesmo no realismo político que quéirase ou non se queira, impón o poder de Maduro.
Borrell prohíbelle a López dar roldas de prensa nin “converter as oficinas diplomáticas nun centro de activismo”. López acababa de chamar á sublevación militar ante as portas da embaixada.
Para collerlle a medida á oposición venezuelana de extrema dereita, esta da que falamos, e de como se divide, abonda con saber que o moderado Henrique Capriles, antigo candidato presidencial de todos os opositores fronte a Maduro, animaba a Leopoldo neste pasado mes de decembro a que buscase un psiquiatra. Ao mesmo tempo producíase unha crise por denuncias de corrupción contra nove deputados aliados de Guaido. O seu embaixador en Colombia acusounos de roubar axuda alimentaria. E Lilian Tintori, apoiada en España por Felipe González, activista e dona de López, recoñecía en outubro que a súa fundación traballa con paramilitares. Despois confesou que usara mal o idioma inglés e que por iso dixera tal cousa. En setembro sóubose que Guaidó se reuniu con dous dirixentes de Los Rastrojos, unha das organizacións de narcos máis perigosas de Colombia. Aparece abrazado a eles nunha foto do 22 de febreiro; un con pistola ao cinto.
Con este panorama Mike Pompeo recoñeceu nunha reunión, segundo The Washington Post, que Maduro ten unha oposición fraccionada e dividida. É dicir que non teñen presidente interino. E parece que só lle queda esta xira por Europa.
É neste contexto de extinción de Guaidó que se deben entender as palabras de Pedro Sánchez nos días da súa visita a Madrid e Bruxelas: “España persegue liderar a través das institucións europeas unha resposta dialogada para unha pronta solución e para convocar eleccións en Venezuela”.
Esa é a cuestión e non o sal gordo e as noticias falsas que pretenden facer crer que todo isto consiste nunha especie de conspiración sociocomunista marciana.