O BNG encamíñase cara á recta final do seu proceso asemblear, que culminará o vindeiro 28 de febreiro no Palexco da Coruña. O próximo sábado o Consello Nacional da formación frontista, máximo órgano entre asembleas, reunirase para abordar as propostas formuladas dende as comarcas nas últimas semanas. Nestas asembleas, informa o Bloque, participaron unhas 1.500 persoas de cuxos debates xorden "221 emendas ao relatorio oficial", a tese política formulada dende unha comisión de membros do Consello, e tamén un total de 146 nomes para compoñer a próxima dirección.
O Consello Nacional debaterá 221 emendas formuladas nas comarcas
Ao contrario do que sucedeu en anteriores Asembleas, cando as persoas que aspiraban ao liderado o manifestaron publicamente nas semanas previas, desta volta semella que cumprirá agardar ata a propia xuntanza do Consello Nacional para coñecer que propostas das comarcas integrarán a lista que se someterá ao referendo do plenario. Así, de entre eses 146 nomes sairá o da nova ou novo portavoz nacional, posto para o que nas últimas semanas algunhas voces apuntaron a dirixentes como Bieito Lobeira ou a deputada Ana Pontón, entre outros moitos. Sobre esas propostas das comarcas configurarase tamén o resto da listaxe, ata completar os 50 membros do Consello que elixe a Asemblea Nacional.
Os votos particulares ao relatorio político chegarán ao plenario nacional tras recibir máis da metade dos votos en sete comarcas
O plenario da Coruña debaterá sobre a dirección pero tamén -e sobre todo, subliñan dende o BNG- sobre proxecto político. Sobre a mesa estará o relatorio oficial pero tamén os votos particulares formulados á totalidade do texto: o redactado por Carme Adán e Tereixa Paz, por unha banda, e o que formula Alba Nogueira, por outra. Con diversos matices, estes votos apostan por unha refundación da fronte e por explorar fórmulas de confluencia coas forzas que participaron das mareas para as eleccións galegas deste ano.
O lema da asemblea será 'Autoorganización, autogoberno, autodeterminación'
Aos votos particulares á totalidade do texto súmanse, asemade, 19 que propoñen substituír aspectos concretos do relatorio. Son os formulados por Adrián Dios, Matías Rodríguez, Ana Miranda e Xosé Manuel Marcote e mais os que propón o actual portavoz nacional, Xavier Vence, que non opta á reelección. Todos os votos, sinala o BNG, "recibirion máis do 50% dos votos" nas asembleas das comarcas de Allariz-A Limia, Monterrei, Celanova, A Estrada, A Mariña, O Condado e O Morrazo, polo que poderán ser debatidos no plenario da asemblea nacional agás que algún deles sexa retirado, algo que os seus autores e autoras desbotan facer.
Unha vez celebrado o Consello Nacional do sábado a militancia terá ata o vindeiro día 25 para presentar candidaturas diferentes á que saia deste órgano -Adán e Paz xa anticiparon que non prevén impulsar unha lista alternativa- e sometelas á votación dunha asemblea nacional que terá como lema Autoorganización, autogoberno, autodeterminación. As emendas que "non sexan aceptadas ou transaccionadas" no Consello, lembra o Bloque, "pasan a ser igualmente debatidas" na Asemblea Nacional.