"Non vimos derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores". O 14 de abril de 2009 o daquela candidato á presidencia da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresaba deste xeito no debate de investidura o espírito do que sería o seu futuro Goberno. O seu gabinete fuxiría de revisionismos para, "sen rancores nin dogmas", "coller o relevo" á fronte do país e poder entregalo, "cando corresponda", "coa tranquilidade que dá o deber cumprido". Tres anos despois de que o líder conservador pronunciase as tres palabras e ás portas do que podería ser o derradeiro período de sesións da lexislatura -seráo se, como todo semella indicar, as eleccións se celebran en 2012-, o balance das leis impulsadas pola Xunta que dirixe Feijóo é o mesmo que ao remate do seu primeiro ano de goberno: unha de cada tres leis continúan a ser modificación de normas anteriores, esencialmente do bipartito e, en menor medida, do Executivo de Manuel Fraga e do tripartito do socialista Fernando González Laxe.
Feijóo, en 2009: "Non vimos derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores"
Foi nos primeiros meses de mandato do PPdeG cando as reformas foron máis intensas. En apenas sete meses de mandato efectivo os conservadores modificaron ata sete normativas, algunhas delas cun carácter especialmente simbólico na xestión do bipartito. Así, nos primeiros compases do retorno popular desaparecía da Lei da Función Pública a obrigatoriedade de realizar en galego cando menos un exame de cada oposición da Xunta e a Lei pola que se regula o aproveitamento eólico botaba por terra o decreto co que a extinta Consellería de Innovación e Industria tentara regular o sector. Ademais, nese mesmo ano o Goberno galego mudou en dúas ocasións aspectos da Lei de Pesca, tamén do bipartito, e alterou a Lei de Réxime Financeiro, de Fraga, a Lei de Comercio Interior, do tripartito, e a Lei de Caixas, aprobada tamén por Fraga e modificada previo acordo co BNG.
Despois de que o primeiro ano de xestión rematase cun pobre balance de normas novas -deixando a un lado os preceptivos Orzamentos Xerais, só se levou adiante a lei para renovar as concesións de transporte público e outra para realizar modificacións tributarias-, en 2010 o gabinete de Feijóo si desenvolveu con maior intensidade iniciativas novidosas, aínda que cunha forte presenza das modificacións; non en van, 5 das 11 normas que recibiron o visto e prace do Parlamento foron mudanzas de leis precedentes.
Neste caso, as modificacións tiveron un abano diverso de orixes, dende o roteiro político do Goberno ata normativas da Unión Europea ou os avatares do sector financeiro. Así, por exemplo, a Xunta modificou máis de vinte leis á vez coa denominada Lei Ómnibus para así cumprir coa esixencia de adaptar a lexislación galega á ditados da UE. Ademais, o proceso de fusión de Caixa Galicia e Caixanova foi o marco para un novo cambio na Lei de Caixas e cuestións esencialmente administrativas deron lugar á reforma da Lei de Gardacostas. Maior contido tiveron os trocos na Lei de de Ordenación Urbanística, que flexibilizou a construción no ámbito rural, ou na Lei do Traballo en Igualdade, que trouxo consigo a fin do Servizo Galego de Igualdade do Home e da Muller.
Leis políticas e 'de autoconsumo'
Foi en 2010 cando o Goberno comezou, a efectos prácticos, a despregar o seu programa de Goberno e tamén cando pasaron a formar parte do ordenamento xurídico galego dúas iniciativas lexislativas populares -normas promovidas por grupos de cidadáns- que quedaran pendentes da lexislatura anterior. Entre esas primeiras medidas figurou a lei que rebaixou o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados na compra de vivenda ou a lei do catálogo de medicamentos, apoiada polos nacionalistas e que daría lugar a un forte conflito da Xunta co Goberno central, aínda presidido por José Luis Rodríguez Zapatero.
En 2011 a Xunta reformulou o Banco de Terras e situou o control do déficit no centro da xestión
Nese mesmo ano comezou tamén outro dos que pretenden ser emblemas da xestión de Feijóo: a reestruturación do funcionamento interno da Xunta en aras da "eficiencia" e da "austeridade". Esas foron dúas das intencións que o Goberno galego proclamou nese ano para impulsar a Lei de Organización e Funcionamento da Administración Xeral e do Sector Público (Lofaxga), unha norma de amplos contidos que mudou dende a estrutura das consellerías ata a dos entes paralelos, os coñecidos popularmente como 'chiringuitos'. No guión gobernamental teñen a mesma intención catro das leis aprobadas en 2011, un ano na que as modificacións de normas anteriores tiveron unha menor presenza -só foron dúas, unha delas a que reformulou o Banco de Terras- e no que o impulso lexislativo do Goberno foi, en boa medida, de 'autoconsumo', isto é, con sensible influencia no funcionamento da Administración pero con menor repercusión na vida diaria da cidadanía; é o caso, por exemplo, da Lei do Consello Galego da Competencia, da Lei de Patrimonio ou da Lei do Plan Galego de Estatística.
Non obstante, dentro desas normativas que poderían ser consideradas 'de autoconsumo' unha delas destaca polo seu fondo contido político: a Lei de Disciplina Orzamentaria. Anticipándose á modificación da Constitución aprobada o pasado verán esta regulasmentación sitúa o control do déficit no centro da acción do Goberno priorizándoo sobre o investimento ou, por exemplo, sobre as áreas sociais da xestión.
É con este currículum co que chega o Goberno de Feijóo ao que podería ser derradeiro da lexislatura. Á espera de coñecer o calendario electoral do presidente, o propio Feijóo avanzou nos últimos días a súa intención de aprobar ata vinte e tres novas leis, un obxectivo que semella pouco menos que irrealizable no caso de que os comicios se celebren o vindeiro outono. Neste paquete o xefe do Executivo inclúe algunhas das normas que o seu Goberno considerara "urxentes" ao inicio da lexislatura, como a Lei de Publicidade Institucional.
Novas | Modificacións | Total | |
---|---|---|---|
2009 | 3 | 7 | 10 |
2010 | 11 | 5 | 16 |
2011 | 13 | 2 | 15 |
Total | 27 | 14 | 41 |