AGE comprométese a "pular polo exercicio do dereito de autodeterminación"

Lectura do manifesto na compostelá Rúa do Vilar © AGE

Representantes das forzas que compoñen Alternativa Galega de Esquerda presentaron publicamente esta mañá o o manifesto Un paso adiante, Galiza!, con motivo do Dia Nacional de Galicia. No texto comprométense a "pular polo exercicio do dereito de autodeterminación como fórmula democrática que permita enxergar outra política económica, social, ambiental e cultural a prol da maioría social galega". AGE, reclamándose "humildes herdeiros das forzas políticas e sociais que gañaron o referéndum do Estatuto de Autonomía o 28 de xuño de 1936, e que sostiveron coa razón e as armas os dereitos do pobo traballador galego diante da insurrección feixista", escolleu para facelo o número 15 da rúa do Vilar, a que foi sede da imprenta e editorial Nós, do alcalde republicano e galeguista de Compostela, Ánxel Casal.

O texto quere "contribuír a fornecer ao pobo galego, suxeito político con poder civil, da súa soberanía no sentido amplo, sen rebaixas nin fendas rexidas pola Troika" e engade que "a cidadanía galega debe empoderarse e facer valer os seus dereitos. Debe reaxir contra os ataques indiscriminados a todo o que nos constitúe como nación, ás nosas tradicións, á nosa lingua, aos nosos ecosistemas, ao noso territorio. Ao cabo, á nosa vida".

Reclama "a creación de frontes amplas, non só políticas, mais tamén e sobre todo populares, contra a financiocracia"

Enmarca esta reivindicación no proceso de crise sistémica e do propio réxime nacido da reforma política de finais dos setenta e reclama "a creación de frontes amplas, non só políticas, mais tamén e sobre todo populares, contra a financiocracia, contra a destrución planetaria e contra a deshumanización do humano", "unha acción política común dende a esquerda inclusiva, na Galiza nosa si, mais sen fuxir de intervir tamén no Estado español e en Europa". E destaca que "AGE acredita nun espazo de liberdade para distintas sensibilidades que dende a esquerda asumen o dereito de autodeterminación, o dereito a decidir do pobo galego e de todos os pobos do mundo".

"Son cada día máis as persoas e colectivos que rexeitan esa derrota da barbarie que marca o capital e que no noso país executa ese capataz obediente que se apelida Núñez Feijóo"

O manifesto tamén fai referencia ás "tramas de financiamento ilegal do PP e as amizades perigosas cos narcos, que implican as actas escuras do presidente Núñez Feijóo", que "xeran unha situación obxectivamente insoportábel para calquera persoa que acredite na democracia e na ética". O texto péchase afirmando que "os tempos son chegados". Porque "son cada día máis as persoas e colectivos que rexeitan esa derrota da barbarie que marca o capital e que no noso país executa ese capataz obediente que se apelida Núñez Feijóo".

 

Lectura do manifesto na compostelá Rúa do Vilar © AGE
Placa que lembra que neste lugar se ubicou a imprenta e editorial Nós CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.