Ana Pontón, agás sorpresa maiúscula, será a nova voceira nacional do BNG. Esa é a proposta que o Consello Nacional vén de realizar para os órganos de dirección da fronte nacionalista e que deberá elixir a militancia que foi convocada para a clave asemblea extraordinaria do vindeiro 28 de febreiro. A deputada lidera a listaxe proposta para eses órganos de dirección e converteríase tamén na primeira muller en liderar o Bloque desde a súa fundación.
A deputada lidera a lista proposta para a executiva, xunto a Goretti Sanmartín, segunda na listaxe
De número dous nan listaxe vai Goretti Sanmartín e tras as dúas mulleres nomes como Xosé Luís Rivas Mini, Noa Presas, Rubén Cela, Carme da Silva, Néstor Rego, Bieito Lobeira, Obdulia Dinís, Olaia Ledo, Xosé Emilio Vicente, Xosé M. Marcote, Montse Prado, Alba María Feixóo e Lois Pérez Barral. Son as quince que forman a proposta para formar a Executiva no caso de seren escollidas pola asemblea nacional. Renovaríanse dez das quince persoas da anterior executiva, aínda que seis delas xa formaban parte do Consello Nacional.
Neste, propóñense tamén a Serafín Otero, Ximena González, Leticia Santos ou Avia Veira, nunha lista que pecharía Francisco Jorquera, actual voceiro do Bloque no Parlamento. Dos 50 membros que compoñen este máximo órgano de dirección entre asembleas, tan só hai 20 novas incorporacións e quedan fóra Carme Adán, Tareixa Paz ou Alba Nogueira, tres dos membros do Consello Nacional que apostaron por explorar a confluencia con En Marea. Nin Camilo Nogueira nin Xavier Vence están tampouco na listaxe.
O Bloque propón dez caras novas para a executiva, pero seis delas xa estaban no Consello Nacional, que renova 20 dos 50 cargos
Xa que logo, as principais e únicas novidades son Mini, Lois Pérez Barral (concelleiro en Ribeira), Alba Feixóo ou Olaia Ledo. Para Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, e Ana Pontón, que deron rolda de prensa, é destacable que "as mulleres comecen a ter responsabilidades políticas de maneira directa" e cren que a proposta será ben acollida pola militancia.
Malia a fortaleza que sempre amosou a UPG no Bloque, esta será a primeira vez que a portavocía nacional -de confirmarse- recaia nunha militante deste partido. Beiras, Quintana, Guillerme Vázquez e Vence lideraron a fronte nacionalista desde ópticas máis ou menos achegadas ás da formación maioritaria e con máis ou menos polémicas.
De confirmarse, será a primeira vez que a portavocía nacional recaia nunha muller e nunha militante da UPG
Ana Pontón (Sarria, 1977) leva toda a vida militando no nacionalismo galego, primeiro nos CAF logo en Galiza Nova e no Consello Nacional do Bloque desde 2001. É vicevoceira no Parlamento e licenciada en Políticas.
Agora, a asemblea na que están inscritos para votar máis de 2.800 militantes, marcará o camiño do BNG nos vindeiros anos logo dos últimos malos resultados electorais. As asembleas comarcais deixaron clara a fortaleza da UPG, que impuxo a súa tese de non explorar a alianza con En Marea e de debater a travesía a seguir durante o vindeiro ano. Malia todo, importantes militantes e correntes internas apostaban por unha vía máis aberta que poida achegarse á confluencia que une forzas nacionalistas como Anova xunto a outras estatais como Podemos e EU. E mesmo hai quen propón que esa asemblea nacional non escolla executiva ou consello nacional, senón que designe unha xestora provisoria que dea paso á refundación do Bloque, que elimine colectivos e partidos no seu seo.
Ana Pontón destacou que o debate centrarase na "análise e actualización do discurso" do BNG e tamén na "redefiniciou da estrutura organizativa", así como en "novos modos e mudanzas en profundidade" na fronte nacionalista. “O reto máis importante que temos por diante é iniciar o proceso de refundación do BNG coa convicción clara de que o nacionalismo é un elemento necesario e fundamental para o futuro do país”, argumentou a deputada, ao tempo que destacaba a vontade de facer “unha escoita activa interna e externa, e de levar adiante os cambios que colectivamente decida a militancia do BNG, desde o compromiso co país o coas ideas de cambio e de progreso”.