As candidaturas apuran as derradeiras horas de campaña na procura dos votos indecisos

Cidadáns nun colexio electoral de Lugo, nunhas elección municipais CC-BY-SA Merixo

Na Coruña, Xulio Ferreiro dedicou o derradeiro día de campaña a un roteiro que percorreu todos os barrios da cidade e que o levou dende Os Rosais, A Agra, Os Mallos, Matogrande, O Castrillón, A Gaiteira, Catro Camiñas e o Ensanche e a Pescadería, antes de rematar en Monte Alto, onde a Marea Atlántica celebrou o peche de campaña. 15 días de actos nos que o alcalde e candidato á reelección sumou case 70 quilómetros de percorridos e actos públicos.

Xulio Ferreiro, iniciando o roteiro pola cidade, este venres © Marea Atlántica

En Compostela, fíxose público un manifesto de apoio á reelección de Martiño Noriega que, baixo o título de 'Martiño Noriega, un alcalde para a capital', destaca que "Compostela Aberta é a única garantía dun goberno de esquerdas, social e que loite por recuperar o ben común". "Martiño atreveuse en 2015 e conseguíu desaloxar a corrupción e a vergoña do Pazo de Raxoi. Agora, temos a oportunidade de consolidar esta nova etapa e non retroceder ao pasado", sinala o texto, apoiado por un gran número de representantes de distintos sectores, como Marilar Aleixandre, Monti Castiñeiras, Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Lourenzo Fernandez Prieto, Alba Nogueira, Xabier Ron, Xesus Veiga ou Antón Santamarina.

Encabezamento do manifesto © Compostela Aberta

Eu Ourense, chamou a atención nos últimos momentos da campaña o robot presentado por Democracia Orensana que pide o voto  para o seu candidato Gonzalo Pérez Jácome ao berro de "botar a Baltar da Deputación". O aparello foi instalado na Rúa do Paseo e a formación animou a toda a cidadanía a facer selfies con el

Pérez Jácome, co robot de Democracia Ourensana © Democracia Ourensana

En Lugo a candidata á reelección pecha a campaña cun festival, o Vivamos Fest, que terá lugar no Barrio da Tinería a partir das 22 horas, comenzando pola actuación do cómico Anxo Manoel. Seguirá o grupo de gaitas 'Nubeiro', para pechar cunha intervención de Lara Méndez a partir das 23.30 horas. Xa a medianoite, a xornada de reflexión iniciarase coa música da Charanga Mekanika Rolling Band.

Cartel do Vivamos Fest de Lugo © PSdeG-PSOE Lugo

En Pontevedra o alcalde e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) mantivo unha xuntanza con representantes do tecido asociativo da cidade e fixo un chamamento á mobilización, advertindo: “que ninguén se quede na casa porque hai un risco de volta atrás”.

Xuntanza de Lores con representantes do tecido asociativo da cidade © BNG

En Ferrol os últimos días da campaña estiveron marcados por dous vídeos. O moi comentado e viral de José Manuel Rey Varela cun dos irmáns Nores e, igualmente, o difundido por Ferrol en Común no que o alcalde e candidato á reelección Jorge Suárez conversa no Teatro Jofre co concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea. Ambos os dous analizan o mandato, o desenvolvemento da campaña e as opcións das eleccións deste domingo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.