As intervencións de dez colectivos precederán ao discurso de Vence na Quintana

Acto central do BNG no 25 de xullo de 2010 CC-BY-NC-SA BNG

Os actos políticos do BNG neste 25 de xullo manterán o esquema tradicional dos ultimos anos. A manifestación, baixo o lema Galiza pola Soberanía, partirá ás 12 horas da Alameda e percorrerá as rúas de Compostela até a praza da Quintana. Pero chegados alí, ás habituais intervencións do secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, e do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que abrirán e pecharán o acto, sumaranse as alocucións de representantes de numerosos colectivos. 

Así, despois de Alberte Mera e de Saleta Chao, que fará lectura do manifesto Galiza pola Soberaníafalarán Xulio Vicente (afectado pola estafa das preferentes, Portavoz da Plataforma do Baixo Miño), Rocío Fraga (activista feminista), Manuel Grandal (traballador de Navantia-Ferrol, sindicalista da CIG), Ana Iglesias (titular dunha explotación gandeira da Estrada), Rosa Domínguez (traballadora na conserveira Teenesi de O Grove), Isabel Risco (actriz e membro da Plataforma Galega de Artes Escénicas), Uxía Vázquez (moza emigrante), Laura Mariño (afectada pola mina de Corcoesto) e Ramón Veras (médico, membro da plataforma SOS-Sanidade).

Na véspera, este mércores, o BNG celebrou o habitual acto de homenaxe a Rosalía e Castelao en San Domingo de Bonaval organizado por Galiza Nova. Neste acto o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, exhortou á mocidade galega "a non renderse e a loitar polo seu futuro dentro dunha Galiza que teña soberanía para decidir e establecer as políticas que mellor conveñan á xente moza do país". “Viaxade e aprendede, pero non aceptedes nunca que vos neguen o dereito a vivir e traballar na vosa Terra, no voso país. Que non vos insulten, coma fai a infausta ministra de Traballo, coa falacia da mobilidade exterior, que condiciona as vosas vidas e míngua a riqueza colectiva ao privar a Galiza da xeración de mozos e mozas con máis formación”, declarou.

“Viaxade e aprendede, pero non aceptedes nunca que vos neguen o dereito a vivir e traballar na vosa Terra, no voso país"

Tanto Vence coma o responsable de Galiza Nova, Alberte Mera, salientaron a actualidade das reivindicacións de Rosalía e Castelao: “Cando Rosalía fala da emigración nos seus poemas, está a describir un drama social moi similar ao que hoxe padece a xente moza deste país, obrigada a saír fora para poder traballar e desenvolver as súas capacidades profesionais e personais”, explicou, para reforzar o seu argumento, Mera salientou que “72 mozos e mozas marchan cada día expulsados pola política económica do PP que non deixa máis alternativa que facer as maletas e marchar, como fixeron os nosos avós”.

Mera salientou que “72 mozos e mozas marchan cada día expulsados pola política económica do PP" 

De igual xeito, “é máis necesesaria ca nunca, como reivindicaba Castelao, unha Galiza soberana capaz de trazar o seu futuro, un futuro que non pode construirse expulsado fora á mocidade do país”, recalcou o portavoz nacionalista. “Nada favorece máis a autoestima e a conciencia nacional que coñecer as virtudes da irreductíbel diversidade nacional e cultural do mundo. O provincianismo cúrase viaxando, o nacionalismo refórzase”, concluíu Vence.

Acto central do BNG no 25 de xullo de 2010 CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.