O BNG celebra o vindeiro domingo o plenario da súa décimo quinta Asemblea Nacional, a que non poucas persoas observan como a máis transcendental dende a fundación da fronte, en 1982 do histórico conclave de Riazor. Catro anos despois da durísima asemblea de Amio, tras a que se produciron as traumáticas escisións, a formación soberanista ten diante de si o reto de analizar e procurar solucións aos sucesivos devalos electorais mentres redefine o seu perfil político. Faino nun contexto inédito no país nas últimas décadas, durante as cales o Bloque veu sendo a alternativa da referencia para a poboación galeguista e soberanista, pero tamén para boa parte do electorado ideoloxicamente ubicado á esquerda do PSOE. "Imos repensar todo, agás que somos nacionalistas", afirma quen previsiblemente se converterá en nova portavoz nacional, Ana Pontón, tras unha asemblea que se prevé intensa e á que é posible atender a través destes catro guieiros.
1-A "refundación"
É unha verba que se repite na práctica totalidade das análises da situación xurdidas dende o inicio do proceso da asemblea. As diversas sensibilidades coinciden na necesidade de "refundar" o Bloque, se ben a discrepancia chega no significado mesmo da verba: na finalidade desa refundación e mesmo no tempo necesario para acometela. O relatorio político emanado do Consello Nacional, a tese 'oficial', enmárcaa nunha "delicada e preocupante" situación de partida que, di, fai necesario un proceso de "recollida da opinión" da base social do nacionalismo para "definir colectivamente as liñas mestras que permitan abrir unha nova etapa".
O relatorio do Consello Nacional avoga por un proceso de refundación "aberto" a desenvolver nun "máximo" dun ano, mentres que os votos particulares cren necesario culminalo antes das eleccións galegas
Esta tese encoméndalle ao novo Consello Nacional a "convocatoria e lanzamento público do proceso" nun "prazo máximo de dous meses" dende a constitución da nova dirección. A través de "asembleas abertas, mesas redondas, xuntanzas, grupos de debate", propoñen, abordaríanse tres "bloques de contidos": "radiografía social, económica e política da Galiza actual", a "estratexia política do nacionalismo" e "participación política e modelo organizativo". O proceso, abondan, sería aberto a "todas as persoas nacionalistas, soberanistas, independentistas, galeguistas" ou que "simplemente compartan a necesidade de a Galiza ter un instrumento político netamente soberano", e remataría "nun prazo máximo dun ano, coa realización dunha Asemblea Nacional específica".
Fronte a esta aposta, un dos votos particulares formulados ás teses, o asinado polas deputadas Carme Adán e Tareixa Paz, avoga por un proceso de refundación "inmediato" que, en todo caso, culmine antes das vindeiras eleccións galegas. A súa proposta é que unha serie de "comisións plurais" dirixan un proceso transitorio para unha refundación tras a que é "preciso manter a unidade do BNG" e, ao tempo, "aumentar o seu pluralismo, dar paso a diferentes voces" e crear "unha estrutura máis dinámica, menos burocratizada" que aproveite o "caudal de apoios" acadados por NÓS-Candidatura Galega.
Nun sentido semellante, o voto particular redactado por Alba Nogueira ve necesario "culminar antes do verán" o proceso de refundación "dunha organización na esquerda nacionalista de adscrición individual entre iguais". O proceso, indica, tería que rematar cunha nova Asemblea Nacional que, o mes de xuño, "validase as conclusións e lexitimase democraticamente o resultado" do proceso.
2-As alianzas
Intimamente ligada ás propostas para a "refundación" están as liñas a seguir para a concorrencia electoral en xeral e, nomeadamente, para as próximas eleccións galegas, así como o peso que a cuestión electoral ten que ter no conxunto da orientación política do BNG. O relatorio da comisión do Consello Nacional analiza os acordos explorados en anteriores procesos para concluír que "as alianzas de IU, Podemos e Anova son lexítimas e respectábeis", pero "encarnan un proxecto diferente" e por iso o Bloque ten a "responsabilidade de formular unha proposta propia, aberta e inclusiva, en chave netamente galega".
"As alianzas de IU, Podemos e Anova son lexítimas e respectábeis, pero encarnan un proxecto diferente"
Nesta liña, o texto incorpora unha proposta de resolución que, de ser aprobada, suporá o "impulso" dunha "ampla candidatura de orientación nacionalista", tamén dende a "disposición a estudar, de se produciren, as propostas que nos trasladen outras forzas políticas para a conformación" desas listas. Esa participación electoral por separado non implica, matizan, falta de apertura a "posíbeis acordos postelectorais que posibiliten un cambio de goberno e a apertura dunha nova etapa política no noso país".
"Non debemos ter medo a explorar todas as posibilidade de alianzas que faciliten o cambio político"
Pola súa banda, os votos particulares avogan por procurar a confluencia cos grupos que se veñen aglutinando no espazo das mareas, un "novo suxeito electoral que disputa exitosamente o noso espazo", di o voto de Nogueira, malia á súa "febleza organizativa". Neste sentido, a súa proposta é que unha "comisión representativa das distintas sensibilidades" do Bloque procure "nun prazo limitado de tempo, unha proposta para concorrer en coalición", unha coalición "técnica" baseada nun "acordo de mínimos que preserve a singularidade de cada un dos espazos coaligados", indica.
O voto de Adán e Paz, así como outras emendas parciais, indica neste ámbito que "non debemos ter medo a explorar todas as posibilidades de alianzas puntuais que poidan facilitar" o "cambio político en Galiza". Trataríase dunha "coalición electoral en pé de igualdade" que sería referendada nunha nova asemblea "por maioría simple".
3-O liderado
Ana Pontón será, previsiblemente, a nova portavoz nacional do BNG
Agás sorpresa maiúscula, a candidatura aprobada no último Consello Nacional será a que saia elixida na Asemblea do día 28. Isto implicará que Ana Pontón se converta na primeira muller en liderar o BNG e tamén na primeira militante da Unión do Povo Galego que accede á portavocía nacional do BNG. Pontón encabeza unha lista na que figuran persoas con dilatada traxectoria orgánica e tamén institucional, caso da actual vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o voceiro do BNG en Santiago, Rubén Cela, ou o secretario xeral da UPG, Néstor Rego. Nesta candidatura, que pecha Francisco Jorquera, intégranse tamén militantes do Movemento Galego ao Socialismo (MGS) e persoas de xeracións máis mozas, varias delas con traxectorias no activismo estudantil.
Aínda que as impulsoras dos votos particulares optaron por non fiar unha lista alternativa -"a cuestión son as ideas", din-, a militancia da formación si terá a oportunidade de optar por unha segunda opción, encabezada polo edil boirense Carlos Branco e composta por unha vintena de militantes da contorna da Barbanza. En declaracións a Sermos Galiza o edil explica que esta lista é formulada para "achegar pluralidade e riqueza" ao Bloque. "Queremos evidenciar que o BNG pertence a todos, é de todos e entre todos temos que decidir" unha "refundación que gostaríamos que fose en menos tempo, efectiva e con vontade real de cambiar", argumentan.
4-O día despois das voces críticas
Unha das incógnitas que paira sobre esta asemblea do BNG é o destino que seguirán as persoas impulsoras de votos particulares e emendas críticas no caso de que, como semella previsible, as súas teses non saian aprobadas do plenario. Neste sentido, na contorna deste sector da militancia apúntase que non se producirá unha ruptura ou escisión da magnitude e proporcións da de Amio, se ben algunhas destas persoas si optarán pola marcha -caso por exemplo das integrantes do colectivo Abrente, no que se integra o exvoceiro parlamentario, Carlos Aymerich, indican algunhas fontes consultadas- e outras, actualmente situadas na primeira liña da organización, por pasaren a exercer como "militantes de base".