Dez cousas que os partidos poden facer para termos unha política máis transparente

Pleno no Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

A Fundación Civio vén de lanzar un decálogo de propostas concretas, dirixidas aos partidos, para mellorar a transparencia na política e loitar contra a opacidade na toma de decisións, a mala xestión do público e a corrupción. De cara ás eleccións do 20 de decembro, entidade vaise reunir coas distintas formacións para instalas a que inclúan estes compromisos nos seus programas. Civio destaca que aínda que estas medidas "non son a solución definitiva", si traerían "avances significativos". Advirte ademais de que, unha vez conseguido que figuren nos programas electorais, exercerá un labor de vixilancia sobre o seu cumprimento.

De cara ás eleccións do 20 de decembro, entidade vaise reunir coas distintas formacións para instalas a que inclúan estes compromisos nos seus programas

  • Creación dun organismo de control da contratación pública. Civio subliña que "os casos máis graves de corrupción destapados nos últimos anos están vinculados á contratación pública" e lembra que a CNMC alerta de que a ausencia dun organismo de control e o uso de procedementos pechados nas adxudicacións públicas pode orixinar desviacións medias, á alza, do 35% do orzamento da contratación. Civio pide tamén a creación dunha figura de control cidadán nas mesas de adxudicación.

Subliña que "os casos máis graves de corrupción destapados nos últimos anos están vinculados á contratación pública"

  • Publicación de axendas de todos os altos cargos e deputados, deputadas, senadores e senadoras; e creación dun rexistro de lobbys. Civio salienta a importancia de coñecer con quen se reúnen os representantes públicos e a que acordos chegan. A Lei de Transparencia de 2013 non incluíu a regulación dos lobbys, que si se vén de poñer en marcha -de forma limitada- en Cataluña.
  • Publicación do reparto por cabeceiras da publicidade institucional. A falta de control dos cartos que as administracións entregan aos medios de comunicación foi criticada mesmo polo Tribunal de Contas. Faltan leis de publicidade institucional e, en ocasións, mesmo onde existen "simplemente non se cumpren", alerta Civio, que pide a creación dun mecanismo de control parlamentario.

Civio salienta a importancia de coñecer con quen se reúnen os representantes públicos e a que acordos chegan

  • Publicación da execución orzamentaria ao mesmo nivel de desglose que os PGE. Civio explica que a aprobación dos orzamentos "ocupa moitísimos titulares", pero en cambio "o que de verdade se gasta -a execución orzamentaria- pasa case desapercibida". "Se non coñecemos o detalle dos posibles desvíos e o custe final, non podemos controlar o gasto do diñeiro público de forma efectiva", destaca. Civio ocúpase desta cuestión en Dónde van mis impuestos.
  • Publicación aberta e completa do rexistro mercantil. Para Civio, a transparencia no rexistro mercantil é "imprescindible para previr delitos de branqueo e exención fiscal" e permitiríalle á cidadanía "esixir rendición de contas ante posibles conflitos de intereses". Pide unha reforma do BORME para permitir un acceso web a moita máis información, seguindo o modelo do Reino Unido.

Explica que a aprobación dos orzamentos "ocupa moitísimos titulares", pero en cambio "o que de verdade se gasta -a execución orzamentaria- pasa case desapercibida"

  • Publicidade detallada dos acordos entre a administración e as farmacéuticas sobre prezos. Civio, que lembra o sucedido nos últimos meses coa compra dos novos tratamentos para a Hepatite C, pide que o Ministerio de Sanidade habilite unha fonte pública de información que detalle os medicamentos adquiridos, os provedores, os prezos, a duración dos contratos e os acordos de distribución ou compra coas comunidades autónomas.
  • Publicación das motivacións e denegacións de indultos de forma argumentada, en cumprimento dunha sentenza do Tribunal Supremo. Na actualidade o Indultómetro de Civio rexistra todas as medidas de gracia concedidas (10 mil dende 1996), pero a cidadanía non pode coñecer as razóns polas que o Goberno toma estas decisións nin tampouco o número de peticións denegadas.

A transparencia no rexistro mercantil é "imprescindible para previr delitos de branqueo e exención fiscal" e permitiríalle á cidadanía "esixir rendición de contas ante posibles conflitos de intereses"

  • Publicación da pegada lexislativa completa. A Lei de Transparencia exclúe os documentos de traballo e borradores das novas leis, o que fai imposible facer un seguimento do proceso de aprobación dunha lei e saber que actores e documentos participaron no trámite.
  • Reforma da Lei de Transparencia que decrete o dereito de acceso como un dereito fundamental e elimine as barreiras actuais, baseadas en "excepcións vagas e pouco xustificadas, como 'os intereses económicos e comerciais'".
  • Publicación das denegacións de compatibilidade dos altos cargos e as razóns do si ou o non. Pide maior transparencia para coñecer os posible conflitos de intereses e loitar contra as portas xiratorias e a desconfianza que xeran na poboación.
  • Publicación desglosada dos orzamentos e gastos de prevención e extinción de incendios. Finalmente, partindo do traballo realizando en España en Llamas, pide máis transparencia para valorar a importancia dos recortes en extinción e prevención
Pleno no Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.