Día da Constitución sen preguntas e fóra do Congreso

Rajoy, rodeado de xornalistas © El Diario

Liturxia de festa para conmemorar o aniversario da Constitución coas habituais ausencias dos grupos nacionalistas e cos repetidos discursos de que todo é mellor grazas á carta magna. A partir de aí poucas novidades sobre a posibilidade dunha cambio constitucional e vagas declaracións sen dereito a preguntas por parte de Rajoy e Rubalcaba. Durante o seu discurso ás autoridades, o presidente do Congreso, Jesús Posada, quixo deixar claro que "non é o momento de aventuras revisionistas de dubidoso resultado". Nesta ocasión o seu homólogo no Senado, Pío García Escudero, tivo tamén a palabra. É o modo en que lle agradeceron prestar o edificio para a festa ante o temor de novas manifestacións no Congreso.

Tras os discursos, Rajoy achegouse aos xornalistas para non dicir nada

Tras os discursos, Rajoy achegouse aos xornalistas para non dicir nada. Nos habituais círculos, no Salón dos Pasos Perdidos, e cun aforamento rebordado Rajoy non confirmou se é favorable a unha reforma constitucional para permitir o acceso dunha muller á coroa. Non compartiu a súa opinión sobre se España cumprirá o seu compromiso de déficit para resumir as súas opinións nun ambiguo "estamos ultraendebedados" e hai que reducir a débeda. Avanzada esa conversa informal con xornalistas, o presidente do goberno sentenciou que "hoxe non é o día para falar" e a continuación anunciou que o próximo día 28 de decembro dará unha rolda de prensa con preguntas, unha absoluta novidade fixada xa na axenda dos presentes para o próximo día dos inocentes.

Do mesmo xeito que Rajoy, o ministro de Economía, Luis de Guindos non quixo aclarar se España cumprirá o obxectivo de déficit

Do mesmo xeito que Rajoy, o ministro de Economía, Luis de Guindos non quixo aclarar se España cumprirá o obxectivo de déficit. Durante longo anaco de tempo de Guindos explicoulle á prensa que iso non é o importante "porque Europa sabe que España fixo o que tiña que facer". De Guindos amosouse preocupado co próximo Consello Europeo ao advertir que está moi difícil conseguir a unión bancaria porque Alemaña situouse en contra.

Alfredo Pérez Rubalcaba liquidaba cun "non me preocupa" as preguntas sobre as intencións de Joan Mesquida de optar á secretaría xeral do partido. "Comunicoumo e paréceme ben que o faga", resumiu o líder socialista

A uns metros de Rajoy e o seu ministro de Economía, o líder da oposición, Alfredo Pérez Rubalcaba liquidaba cun "non me preocupa" as preguntas sobre as intencións de Joan Mesquida de optar á secretaría xeral do partido. "Comunicoumo e paréceme ben que o faga", resumiu o líder socialista que rapidamente levou a auga ao seu rego constitucional para insistir en que o obxectivo debe ser o federalismo e unha Constitución adaptada aos tempos, pero co mesmo consenso que suscitou en 1978.

Outro dos círculos do top 10, o do ministro Wert, moi solicitado pola prensa catalá e a quen lle preguntaron se sabía a lea que se ía montar coa súa proposta educativa. "Claro que si", respondía o titular de Educación de Cultura para aclarar que se leva moi ben coa conselleira catalá e que un día destes a ía chamar. Xa en epílogo desta festa e camiño da porta Wert confesaba: "fixéronme un quinto grao".

Rajoy, rodeado de xornalistas © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.