En Marea abre un proceso á cidadanía para validar as súas candidaturas

Acto organizado por Marea.gal CC-BY-SA Marea.gal

En Marea vén de abrir un censo na súa páxina web para participar no "vindeiro proceso de validación das candidaturas" que a plataforma que xunta a Anova, EU, Podemos e as mareas municipalistas levará a cabo de cara a conformar as listas electorais para o 20D. Malia que nun principio a idea era que o censo destas primarias quedase limitado á militancia das diferentes forzas e axentes participantes, finalmente abriuse á cidadanía, que poderá ratificar as listas.

En Marea abre un proceso para validar as súas candidaturas de cara ás eleccións xerais

Antes, cada formación leva a cabo o seu proceso interno para elixir os candidatos que formarán parte das listas de consenso que pactarán os tres principais partidos de En Marea para cada provincia e que deberán ser tamén validada polas plataformas municipalistas. Malia que parece improbable, o espazo de confluencia abre a porta tamén á presentación de listas alternativas ás oficiais, que deberán ser avaladas por membros de máis da metade dos axentes que se inclúen no espazo de confluencia. 

Podemos, que xa levou a cabo as primarias hai meses, presentou este martes en Madrid os seus primeiros candidatos por cada provincia, elixidos no proceso que a formación morada celebrou no pasado verán. Como era sabido, José Manuel Pérez será o candidato por Lugo, Carmela Docampo por Ourense, Ángela Rodríguez por Pontevedra e Antón Gómez-Reino pola Coruña. 

Cada formación elixe nun proceso interno os seus candidatos para formar parte das listas de consenso de En Marea

Á falta do que se decida en Lugo e Ourense, tan só no caso da Coruña Podemos ten garantido o número 1, tal e como acordaron as diferentes forzas nas súas negociacións. Gómez-Reino liderará a lista por esta provincia, onde EU se reservará o número 2, que podería corresponder ao economista Manuel Lago. En Pontevedra, pola contra, o número 1 corresponderá a Anova, mentres que o segundo será para Ángela Rodríguez, do partido que dirixe Pablo Iglesias. 

Precisamente, o número 1 na provincia pontevedresa será para Alexandra Fernández, David Carballal ou José Gómez Bragaña, os tres candidatos de Anova a formar parte da lista de En Marea nas eleccións xerais. Entre eles terá que elixir a militancia da Irmandade Nacionalista, que votarán entre o mediodía do xoves e do venres para decidir, "por orde de votos obtidos", as persoas que a formación propoña para as listas do espazo de confluencia "segundo lle corresponda no proceso colectivo". 

A militancia de Anova votará entre xoves e venres os seus candidatos para formar parte das listas do espazo de confluencia

Cada unha das persoas que se presenta ás primarias de Anova precisa dez avais. Á falta de rematar o proceso, pola Coruña e tamén para o Congreso preséntanse Gladys Afonso, Jorge Caeiro e Xosé Constenla; por Lugo, Xosé Manuel Saa; e por Ourense, Bernardo García Novaoa e Carlos Lorenzo. En canto aos candidatos a formar parte das listas ao Senado, hai dousu candidatos pola provincia ourensá: Carlos Enrique Pereira e Pilar Barros. 

Por outra banda, Pablo Iglesias respondeu este martes ás críticas que o voceiro nacional de Anova, Xosé Manuel Beiras, lanzou contra a estratexia de Podemos á hora de elaborar as súas listas electorais e nas que reclamou procesos máis abertos. O líder da formación morada asegura que o político galego é "un referente" para el e que todas as súas "críticas e opinións" son "unha honra". 

"Poucos coma el saben o que significa o que é asumir o peso dun liderado forte. Aprendín del como non aprendín de ninguén. Unha honra recibir as súas críticas. Estou convencido de que imos camiñar xuntos", asegurou. 

Imaxe de En Marea © EnMarea
Votación nunha asemblea de Anova Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.