O Encontro Cidadán por unha Marea Galega e Iniciativa pola Unión (IxU), as dúas plataformas que pulan pola confluencia da esquerda rupturista e do nacionalismo en Galicia, emitiron este sábado un comunicado conxunto no que fan un chamado aos "partidos que se veñen pronunciando a prol dunha candidatura de unidade que favoreza o cambio" para que se xunten nun foro que avance no camiño da "construción" dunha candidatura unitaria de cara ás vindeiras eleccións xerais.
O comunicado conxunto pide "de forma inmediata" un "foro político" no que "acordar os aspectos esenciais" para unha candidatura unitaria
No texto asinado polas coordinadoras de ambas as dúas plataformas faise este chamado "para constituír de forma inmediata un foro político no que acordar os aspectos esenciais que permitan a construción dunha candidatura de Unidade Popular e artellamento participativo que dea resposta á demanda existente nos sectores transformadores da sociedade galega". Foi logo dunha xuntanza celebrada o pasado venres cando os dous colectivos optaron por este parece que último intento por lograr unha lista galega unitaria de cara ás xerais. ,
Decidírono, segundo o documento, "consonte coa vontade compartida" por ambos de "pular por un proceso de construción de unidade popular" que se "reflicta na articulación dunha candidatura galega unitaria" e que "permita a participación directa da cidadanía". Xa que logo, o Encontro e IxU dan un paso adiante -malia que a primeira das plataformas rexeitara non hai moito a integración total nun único espazo- por unir esforzos e presionar os partidos para que logren esa candidatura única galega da esquerda e do nacionalismo. Pásanlle a pelota ás formacións políticas, cuxos camiños parecen claramente separados entre as propostas de BNG e CxG e as que defenden Anova, Podemos e EU, que asinaron xa un "preacordo político".
Precisamente, a política de alianzas levada a cabo por Podemos está a acumular atrancos nos últimos meses. Os decepcionantes resultados da candidatura que apoiou en Catalunya, a ruptura definitiva das negociacións con IU para a confluencia a nivel estatal e as voces internas que reclaman que se abra a man nese proceso de alianzas están a incrementar os reproches. Desde dentro, militancia en desacordo coas últimas decisións organízase xa e preparan unha proposta alternativa que será presentada o vindeiro 16 de outubro en Madrid. Chámanse Bases Podemos e, polo de agora, xuntan militantes críticos de Catalunya, Canarias e Galicia.
Nun comunicado, Bases Podemos Galicia responde directamente ás declaración de Rubén Pérez (EU) en Praza sobre a "particularidade" do pacto entre Podemos, a súa formación e Anova e ao afirmar que "o acordo está salvado" malia as diferenzas a nivel estatal pola "dinámica propia de Galicia". Para esta corrente crítica, as explicacións do dirixente de Esquerda Unida "confirman a simplicidade do acordo" que din que supón "un reparato de cadeiras" entre os tres partidos.
Unha corrente crítica de Podemos organízase e critica con dureza o preacordo con Anova e EU
Bases Podemos di "opoñerse rotundamente" a este preacordo e ao pacto "por arriba" e asegura que, con el, a súa formación "incumpre os valores orixinais da formación" e estaría "reeditando o pacto que deu lugar a AGE, co cambio de cromos de EQUO por Podemos". Esta corrente interna da formaación morada insiste nunha confluencia de base cidadá e aberta.
Ademais, a secretaria xeral de Podemos en Catalunya, Gemma Urbasart, dimite do seu cargo, segundo informa o diario dixital Crític. A encargada de vertebrar o partido de Pablo Iglesias nas terras catlás presentará este sábado a súa dimisión ante o Consello Cidadán da formación. Motivos persoais, sumados a "unha visión crítica co ton e a filosofía da campaña electoral catalá" do 27S teríana levado a tomar esta decisión, segundo explica este xornal.
>> HABERÁ AMPLIACIÓN