Chega a hora do balance, cando menos no que atinxe ao ámbito parlamentario. Con independencia de cando se celebren as vindeiras eleccións autonómicas, o debate de política xeral que este martes comeza no parlamento será o derradeiro da actual lexislatura e, polo tanto, terá moito de panorámica da xestión do Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Como corresponde, o presidente da Xunta será o encargado de abrir a sesión, cun discurso de tempo ilimitado no que todo semella indicar que o control do déficit e a "solvencia" de Galicia fronte ao resto de autonomías serán as estrelas. Se ben, como ten informado Praza Pública, existen factores preocupantes nas contas da Administración galega como o importante incremento da débeda, Feijóo esforzarase en presentarse ante os galegos e tamén fronte ao resto de autonomías -a maioría gobernadas polo PP- como un modelo de "eficiencia" na xestión das finanzas e dos servizos públicos.
Xunto a esa autolouvanza á xestión interna agárdase tamén que outra das patas do discurso presidencial sexa tentar argumentar contra as acusacións de recortes que se veñen sucedendo nos últimos meses. Para isto, é moi posible que regresen ao Pazo do Hórreo fórmulas xa escoitadas, como a dedicación de "tres de cada catro euros" dos Orzamentos a "servizos públicos básicos", a baixada de ingresos "a niveis de 2006" ou o incremento de prazas públicas en escolas infantís e centros de día, moitas delas censuradas dende a oposición por non seren integramente públicas, senón concesionadas a través de empresas privadas. Precisamente a propia oposición é outra das previsibles ferramentas dialécticas de Feijóo. Se ben non é probable que o xefe do Executivo se lance ao corpo a corpo co socialista Pachi Vázquez e a nacionalista Ana Pontón apoiándose na vida interna de PSdeG e BNG, si é moi posible que utilice os conflitos xurdidos nos últimos meses no seo de ambas formacións, en torno ás rúas respectivas Asemblea e Congreso nacionais, para lamentar que non se ocupen "dos problemas dos cidadáns".
É previsible que Feijóo anuncie novas medidas en materia de "austeridade" que lle permitan situarse á cabeza dos presidentes autonómicos en "aforro"
Cunha crise económica que impide a foguetería discursiva en forma de anuncios de grandes obras, as novidades achegadas por Feijóo na súa intervención no décimo noveno debate de política xeral da historia autonómica poderían chegar da banda dunha das consignas constantes no seu mandato: a "austeridade". Así, por exemplo, esta sesión plenaria pode ser a elixida polo presidente para concretar un axuste nos soldos dos directivos das empresas públicas e así contrarrestar as seguras críticas que chegarán dende PSdeG e BNG pola polémica lei de recortes ao persoal público, ou para anunciar outras medidas de maior calado en materia de gasto público que lle permitan situarse á cabeza dos presidentes autonómicos no que a aforro se refire.
A oposición amosará un panorama de "recortes" e "fracasos"
Os "recortes", o desemprego e o "incumprimento" do Contrato con Galicia asinado por Feijóo en campaña electoral serán algúns dos argumentos cos que cheguen os grupos da oposición ao debate. Pola banda socialista, o seu voceiro, Abel Losada, non ve casual que a sesión fose convocada para tan só dous días despois do seu Congreso Nacional, un "regalo envelenado" do PP que, non obstante, asegura, non impedirá a denuncia da "destrución dos servizos públicos" por parte do Goberno galego, asegura.
Vázquez e Pontón tentarán amosar ao PSdeG e ao BNG como "alternativa" de goberno
Así, Losada explica que no seu discurso, de ata corenta e cinco minutos, Pachi Vázquez non só criticará aspectos como a entrada de capital privado en áreas como a sanidade ou a "destrución" de emprego, senón que tamén presentará propostas "traballadas" para ser alternativa de Goberno, unha idea que xa manifestou o propio Pachi Vázquez na cita congresual da fin de semana.
Como "alternativa" presentará tamén as políticas do BNG a voceira nacionalista, Ana Pontón, que debuta no coñecido como Debate do Estado da Autonomía. Pontón avanza que o seu discurso estará encamiñado a evidenciar o "fracaso" dunhas políticas do PP que "están arruinando Galiza". Fronte ao actual Goberno, Pontón sinalará que "aspectos claves" deben mudar para reverter a "perda de dereitos dos cidadáns" e construír vías alternativas "fronte aos dogmas neoliberais".