Feijóo pecha a lexislatura atrincheirado na "austeridade" e na crítica á oposición

O Goberno e o PP apláudenlle a Feijóo ao remate do seu discurso © Ana Varela

Fin de mandato. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, protagonizou este martes o derradeiro debate de política xeral da lexislatura dándolles ás súas intervencións un aire de balance final e apoiándose nas ferramentas dialécticas que o acompañan dende que accedeu á xefatura do Goberno galego: a gabanza da "austeridade" como principal valor da súa xestión e a crítica a PSdeG e BNG, tanto no que atinxe ao paso de ambas formacións polo Executivo como no referido á vida interna das formacións da oposición parlamentaria. Feijóo comezou a xornada cunha intervención dunha hora e media na que procurou dous titulares: a fusión de dous concellos, cuxos nomes non revelou pero que semellan ser Oza dos Ríos e Cesuras, e o adelgazamento de tres órganos consultivos: o Consello Económico e Social, que será diluído no Consello de Relacións Laborais, o Consello Galego da Competencia, que pasa ao Instituto de Consumo, e o Valedor do Pobo, que perde os vicevaledores. Se ben o primeiro dos anuncios, o da fusión municipal, logrou actuar como golpe de efecto malia non depender directamente da xestión da Xunta, a supresión de organismos ficou nun segundo plano ao longo da sesión. 

O presidente da Xunta tentou capitalizar o debate co anuncio da fusión de dous concellos, cuxos nomes mantivo na incógnita malia darse por feito que son Oza e Cesuras

Feijóo atopou diante del uns grupos da oposición que partían dunha diagnose máis ou menos común, a do "fracaso" de Feijóo nos que foran piares do seu Contrato con Galicia, isto é, a recuperación económica e, sobre todo, a inversión dos datos do paro, que xa se achega ao 19% e que, censuran socialistas e nacionalistas, medra en Galicia "o dobre" que na media do Estado. Para facerlles fronte ás argumentacións do socialista Pachi Vázquez e da nacionalista Ana Pontón o presidente botou man do, en palabras do líder do PSdeG, "debate do estado da oposición". Así, ademais de tentar nas feridas orgánicas que ambas forzas teñen aínda sen suturar, o xefe do Goberno contratacou con treitos da xestión dos gabinetes presididos por Emilio Pérez Touriño e José Luis Rodríguez Zapatero. Deste xeito, á petición de explicacións polo desemprego Feijóo retrucou que o medre do paro é "a metade" que co bipartito, ou á petición de paralizar definitivamente os edificios non construídos na Cidade da Cultura, lanzada polo Bloque, o presidente adxudicoulle á voceira nacionalista unha actitude "farisaica" porque a formación frontista cando gobernou non freou o complexo do Gaiás

Aínda que nunha menor medida que en debates anteriores no argumentario presidencial non faltou a xestión do Goberno socialista no Estado, xa sexa para ver "imposible" que o AVE chegue en 2015 -"antes apertaba ao ministro e agora afróuxalle á ministra", ironizou Vázquez- ou para explicar a situación de Novagalicia Banco. Segundo o relato do presidente, as dificultades da entidade resultante da fusión das antigas Caixa Galicia e Caixanova obedece esencialmente ao "boicot" impulsado dende o Goberno de España que Rajoy intentou evitar, asegura. Non obstante, mantén que NGB será quen de capitalizarse e manterá "os centros de decisión" en Galicia.

Suba de impostos ás rendas altas fronte a baixada para emprendedores

PSdeG e BNG propoñen máis impostos para as rendas altas, Feijóo anuncia unha baixada para emprendedores

Á marxe do tirapuxa dialéctico, todo semella indicar que a segunda sesión do debate, na que se discuten as propostas de resolución, isto é, as medidas concretas, tampouco haberá grandes acordos. Non en van, as propostas concretas lanzadas dende o PSdeG e dende o BNG apenas tiveron eco no xefe do Goberno. Boa mostra disto son as antagónicas posicións dun e doutros en materia fiscal. Tanto Vázquez como Pontón apostaron por unha suba do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) para as rendas máis altas. No caso da voceira nacionalista, esa proposta concretábase nun novo treito impositivo para os cidadáns que ingresen máis de 100.000 euros ao ano. Pola súa banda, o líder socialista completou o seu plan para incrementar a recadación da Xunta cunha taxa para os depósitos bancarios e novos impostos para centros comerciais e industrias contaminantes. O resultado, di Vázquez, podería chegar a ser duns 300 millóns de euros que a Xunta debería, ao seu xuízo, investir en políticas de emprego.

"Agora que a metade da banca está intervida, quérenlle poñer impostos. Para que os pague quen? Os contribuíntes, o Estado?", cuestionou o presidente. Fronte ás iniciativas socialista e nacionalista, Feijóo anuncia unha nova Lei do Emprendedor que incluirá deducións no propio IRPF para quen se incorpore ao censo de emprendedores ou para quen invista en novas empresas. Ademais, di, o imposto de sucesións e doazóns reducirase nun 95% para quen achegue cartos para o negocio dun fillo ou filla e o imposto de actos xurídicos documentados desaparecerá na transmisión de inmobles que teñan como destino ser un local comercial. O paquete, di, complétase coa "aprobación definitiva" da Axencia Tributaria de Galicia, cuxo primeiro anuncio por parte do gabinete de Feijóo se remonta ao outono de 2010.

Vázquez ve na austeridade un mero "mantra" do presidente, Pontón cre que "con amigos" como Feijóo, o país "non precisa inimigos"

Diante deste desacordo de partida en canto á xestión económica e ás vías para recuperar unha realidade que o presidente ve "crúa", Vázquez xulga "crítica" e Pontón observa "nefasta", Feijóo aférrase de novo á "austeridade". "Sabemos que a austeridade é imprescindible, non é ningunha fantasía" porque "fantasía era vivir sen austeridade". Para Pachi Vázquez, Feijóo limítase a invocar un "mantra" que "non lle interesa á cidadanía". Segundo o líder popular, o seu Goberno fai un continuo exercicio de "responsabilidade", que lle permite ser "solvente" e "pagar o que debe". "Aos que nacemos nas aldeas nos explicaron que pagar é fundamental, non queremos ser puferos", resume, nun contexto no que di non "deberse" a ninguén máis que "a Galicia" e no que "non mentirá nin un día, nin unha hora, nin un minuto" sobre a situación real do país. "Con amigos coma vostede, Galiza non precisa inimigos", resume Ana Pontón. Mentres, a Xunta mantén ata o final o suspense sobre o que Feijóo quixo que fose titular do debate. Ás once da mañá deste mércores a prensa está convocada no Pazo de Raxoi para asistir á recepción "aos alcaldes dos dous municipios da provincia da Coruña que decidiron a súa fusión".

Feijóo, durante unha intervención no Parlamento © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.