A esixencia dun referendo sobre a forma de Estado e o inicio dun proceso constituínte foron a reacción común entre as forzas de esquerda ante o anuncio do rei Juan Carlos de abdicar en beneficio do seu fillo. Con distintos matices esta foi a demanda que puxeron sobre a mesa dende BNG a Esquerda Unida, pasando por outras forzas que forman parte de AGE, como Espazo Ecosocialista ou Equo. E é tamén a da celebración dun referendo a esixencia que máis se escoitará a partir das oito da tarde nas concentracións que se están convocando nas cidades e vilas do país.
Para Beiras, a abdicación do rei é tan só "un golpe de man” dos “partidos da Coroa” para controlar “un proceso de retoques da Constitución sen mudar o fundamental"
Para Xosé Manuel Beiras, portavoz de AGE no Parlamento, o anuncio de abdicación do rei é tan só "un golpe de man” dos “partidos da Coroa” co que o bloque dominante pretende iniciar “unha segunda transición” e controlar “un proceso de retoques da Constitución sen mudar o fundamental”. Beiras afirmou que “o mesmo ten un Borbón que outro” e exhortou á cidadanía e ás forzas políticas a pelexar pola “creba democrática”. “Hai unha grande oportunidade. Exhorto a todas as forzas políticas que estean de acordo en que precisamos unha democracia efectiva e en que os pobos deben decidir a conversarmos para chegar axiña a unha fronte democrática e popular. Poñamos en común as nosas forzas”, dixo.
Para o líder de AGE, este “réxime político podre” ficou espido nas pasadas eleccións europeas: “os partidos da Segunda Restauración Borbónica quedaron deslexitimados, por baixo do 50% malia ter todo ao seu favor, incluído o árbitro”, engadiu. Neste senso, foi autocrítico ao afirmar que “as esquerdas nacionalistas e as non nacionalistas pero que respectan o dereito de autodeterminación non fomos quen de nos poñer de acordo neste último proceso electoral. De irmos nunha grande alianza respectuosa coas cuestións nacionais e de esquerda rupturista, hoxe os partidos do réxime non chegarían ao 30% de apoio electoral. Debiamos ternos adiantado e impedir este golpe de man”.
Para o BNG, "é a oportunidade para abrir un novo proceso constituínte no que a monarquía sexa substituída pola república, no que se recoñeza o dereito a decidir das nacións sen estado"
Para o BNG, a abdicación do Rei "é a oportunidade para abrir un novo proceso constituínte no que a monarquía sexa substituída pola república, no que se recoñeza o dereito a decidir das nacións sen estado como Galiza, que permita pór fin á un réxime herdado do franquismo e se limpen as institucións de corrupción". En opinión de Xavier Vence é hora “de rematar definitivamente coa herdanza do franquismo, dun réxime baseado nunha transición controlada pola oligarquía e polo exército”. Vence sinalou que o BNG non vai aceptar “un cambio cosmético” para que Juan Carlos lle ceda “un trono impopular e corrupto” ao seu fillo Felipe.
Para o Bloque a actual “Constitución monárquica” consagrou un réxime que agora esta en “crise terminal” que se plasma nunha “profunda crise democrática, social e de modelo territorial” que, en ningún caso, pode pecharse “nunha cerimonia de aliño guiada pola elite do Estado e polos poderes económicos para desviar a atención sobre os graves problemas do país e as reivindicacións soberanistas das nacións que conforman o Estado”.
De igual xeito, Esquerda Unida demanda que a abdicación do rei "abra un proceso constituínte que leve ao restablecemento da República". A formación considera que "os últimos resultados electorais, onde o bipartidismo sufriu un duro embate, xunto cos escándalos de corrupción que afectan á Coroa, teñen provocado a abdicación do Rei, como estratexia para darlle un novo impulso a un réxime decadente e en descomposición". Esquerda Unida fai un chamamento "á unidade das forzas políticas e sociais, do sindicalismo de clase", para presentar "unha fronte popular republicana que recupere o destruído polas políticas da troika, que recupere os valores republicanos onde dereitos humanos e servizos públicos sexan unha realidade garantida, onde o dereito ao traballo, como aconteceu na II República, sexa un obxectivo constitucional, onde educación e sanidade sexan públicas, universais e gratuítas".
Tamén Podemos, a través de Pablo Iglesias, demandou a celebración dun referendo, e instou aos socialistas a sumarse a esa esixencia: "O PSOE ten unha oportunidade única de demostrar que non son iguais que o PP"
Tamén Espazo Ecosocialista cre que a abdicación do rei Juan Carlos I se debe "a maré cidadá cada vez máis ampla que na rúa esixe cambios profundos e democráticos" e sinala como claves os resultados das pasadas eleccións europeas, que "supuxeron un forte golpe para o réxime bipartidista". A formación sinala que "non se trata soamente dun cambio de tronos senón de abordar un novo proceso constituínte para unha nova democracia que permita abordar os aspectos que durante a chamada transición non se puideron abordar pola tutela das forzas provintes da ditadura, entre elas a da xefatura do estado". Chama á participación da sociedade civil e dos movementos sociais nesta loita e alerta "do intento das élites de planear unha estratexia lampedusiana de cambiar algo para que nada cambie".
Na Coruña, o grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistrou esta mañá unha moción para que o concello se sume á reclamación da consulta sobre o modelo de Estado. Algo semellante fixo no Congreso o deputado de Compromís Joan Baldoví, que rexistrou unha proposición non de lei na que avoga por que se celebre un referendo e por que o vindeiro xefe do Estado sexa elixido polos cidadáns. Tamén Podemos, a través de Pablo Iglesias, demandou a celebración dun referendo, e instou ao PSOE a sumarse a esa esixencia: "O PSOE ten unha oportunidade única de demostrar que non son iguais que o PP", afirmou Iglesias, que advertiu de que "as elites teñen medo de que se vote". E igualmente EQUO demandou a celebración dun referendo, e apostou pola constitución dunha "República cidadá, sostible, laica e que blinde os dereitos que están sendo esmagados durante os últimos anos".
Tamén hai reaccións de Compromiso por Galicia, que pediu a celebración dunha "consulta popular sobre a Xefatura de Estado" e tamén a "apertura dun novo ciclo político para o Reino de España, onde se recoñeza de xeito expreso a súa plurinacionalidade”. O secretario xeral da formación, Xoán Bascuas, vecomo unha “oportunidade” a necesaria aprobación da lei orgánica para regular o proceso sucesorio na Coroa para “recoller no mesmo o procedemento de consulta popular”. Porén, para Bascuas “nada podemos agardar do PP e moi pouco do PSOE".
En Catalunya, pola súa banda, ERC, CUP e Procès Constituent pediron a proclamación da "República Catalá"
En Catalunya, pola súa banda, ERC, CUP e Procès Constituent pediron a proclamación da "República Catalá". Outras forzas políticas catalás, como ICV e EUiA incidiron na demanda da convocatoria dun referendo: "do mesmo modo que os cataláns piden un referendo para decidir o seu futuro, é necesario que se consulte á cidadanía sobre o Estado que queren".
División no PSOE
Gómez Besteiro sinalou que chegou o momento do debate da reforma constitucional, en materias coma a organización territorial e financiamento do Estado, pero tamén no que afecta á forma da xefatura do Estado
No PSOE hai división. A Executiva do partido manifestou o seu apoio ao príncipe Felipe como futuro Xefe do Estado en termos semellante aos expresados por Mariano Rajoy, pois "representa o respeto á Constitución e á estabilidade institucional", afirmaron. Porén, a posición expresada polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, foi máis aberta. Besteiro afirmou que os socialistas son "esencialmente republicanos, aínda que contribuímos á aceptación da monarquía no 75 porque pensabamos que era o mellor para o país”. E sinalou que chegou o momento do debate da reforma constitucional, en materias coma a organización territorial e financiamento do Estado, pero tamén no que afecta á forma da xefatura do Estado. “É tempo de afrontar esta reforma baixo o prisma do consenso, como no 78, pero nunha evolución democrática, porque tamén se mide niso a madurez dunha sociedade”, dixo o líder dos socialistas galegos.
De igual xeito, o portavoz parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, que se declara "republicano convencido e militante", opina que a abdicación do Rei dá "unha oportunidade para debater o que non foi posible en 1975". Pola contra, algúns notables do partido como José Bono ou Alfonso Guerra correron a apoiar o mantemento da Monarquía e a criticar aquelas persoas e forzas políticas que defenden a República porque, din, "España necesita estabilidade".
As Xuventudes Socialistas e a corrente Esquerda Socialista demandaron a celebración dun referendo para que a cidadanía se pronuncie sobre esta cuestión
Fronte a eles, as Xuventudes Socialistas e a corrente Esquerda Socialista demandaron a celebración dun referendo para que a cidadanía se pronuncie sobre esta cuestión. “A cidadanía española ten dereito a escoller a República nun referendum”, sinalou o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza, que engadiu que “a República debe congregar en torno a ela a todo o espectro político, de esquerdas ou dereitas. Debe ser un punto de encontro e convivencia cidadá, un espazo común no que non existan suspicacias nin reproches, senón o compromiso do bo goberno e da virtude cívica, características básicas do republicanismo”. E concluíu que “a xuventude galega non se sente identificada coa Monarquía porque non forma parte de quen aceptou o seu establecemento, polo que ten dereito a decidir en referendum sobre o futuro do modelo de Estado”. As Xuventudes Socialistas de Galicia participarán nas concentracións convocadas para as oito horas desta tarde.
Sindicatos
A CIG fai un chamamento á "mobilización social polo dereito a decidir e por unha República galega plenamente soberana"
Por parte dos sindicatos, a CIG considera que a abdicación "responde a unha manobra para intentar garantir a continuidade da monarquía e do propio sistema". A central nacionalista sinala que a decisión se produce "no momento no que o rei e a propia monarquía sofren o maior desgaste da historia; no que a clase traballadora está a sufrir fortes recortes de dereitos laborais e sociais cun gravísimo empeoramento da súa calidade de vida; no que os pobos das nacións sen estado emerxen reclamando o seu dereito a decidir e no que existe un cuestionamento do propio sistema por amplos sectores da sociedade". E que neste contexto "parte da burguesía española" promove esta abdicación para pór en marcha unha nova operación cosmética colocando ao seu herdeiro para intentar salvar, non só á propia monarquía, senón tamén o actual sistema capitalista e neoliberal e un modelo de Estado profundamente centralista". A CIG fai un chamamento á "mobilización social polo dereito a decidir e por unha República galega plenamente soberana".
Para CC.OO. "toda a estrutura político-institucional que deu lugar á Constitución do 78 está cambaleando”
Pola súa banda, CC.OO. pronunciouse esixindo que o futuro de la Monarquía sexa sometido a referendo no marco dun cambio constitucional. O secretario de Organización e Comunicación Confederal de CCOO, Fernando Lezcano, sinalou que nestes momentos "non só estamos ante unha crise da monarquía, da democracia ou dos políticos, xa que toda a estrutura político-institucional que deu lugar á Constitución do 78 está cambaleando”.
Entidades sociais
A Asemblea Republicana de Vigo difundiu un comunicado que comeza proclamando o seu "republicanismo máis ala de quen sexa o titular da Coroa" e fan un chamamento "a persistir na loita na defensa da Republica como a única alternativa auténticamente democratica que posibilite a configuración dun estado plurinacional e plurilinguistico onde se respete o dereito a decidir das nacions sen estado como é o caso de Galicia". A Asemblea dirixe o seu chamamento especialmente "aos votantes, simpatizantes e mesmo militantes de base do PSOE" co obxectivo de que "presionen as súas cupulas e a súa dirección, teña esta o nivel de representación que teña, para que non voten tal regulamento, para que paralicen o proceso de sucesión e para que se sumen á reivindicación e á loita pola República".
Pola súa banda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña convida "o cidadán Felipe de Borbón a que siga os pasos do seu pai Juan Carlos e abdique". Sinala que "se é Felipe a persoa que vai dar unha saiva nova á monarquía, a mellor proba de modernidade é que renuncie ao trono, por ser éste un instrumento de poder anquilosado no pasado. Medieval, por dicir algo suave". A CRMH pide "que a razón triunfe, e o delirio monárquico non vaia para adiante. Que sexa a cidadanía quen escolle qué tipo de goberno quere: se monarquía, se República". "Xa é hora de que se faga así. Xa lle chegou abondo de aturar as inxustizas da monarquía", conclúe.