A día de hoxe, o PP máis que un partido conservador é un partido inmobilista. A doutrina marianista é basicamente quietismo, malia que o seu inmobilismo devore as posibilidades de conservar o poder atesourado en 2011, o ano feliz do cambio conservador.
A sondaxe de Metroscopia publicada por El País é rotunda: un 70% das persoas preguntadas cren que aos conservadores lles iría mellor cun novo cartel electoral. Entre os votantes do PP, un 50% entende que Rajoy non debe repetir como candidato. Na fortuna do continuísmo cre o 45%.
Entrementres Mariano Rajoy sigue meditando pousonamente cambios mínimos no seu Goberno e na súa comunicación política, en faladoiros e redaccións especúlase, inspírase e mesmo conspírase para forzar unha Gran Transformación no partido da dereita que abra un horizonte posmarianista máis esperanzador.
En faladoiros e redaccións especúlase, inspírase e mesmo conspírase para forzar unha Gran Transformación no partido da dereita que abra un horizonte posmarianista máis esperanzador.
É máis que improbable que Mariano Rajoy tome en consideración a súa recusación como candidato do PP nas próximas eleccións xerais. Rajoy non é dos que renuncian. É dos que fan renunciar a outros. O seu gran poder é a súa capacidade de disuasión e agarre na estrutura profunda do Partido Popular.
As malas previsións electorais axúdanlle. No que queda de 2015 non será doado marcar vitorias electorais no calendario. Ninguén quererá destronalo para liderar derrotas nas urnas do outono. A sucesión, de ser, será co cambio de ano. Pensando nese tempo a mudanza no Partido Popular asóciase a Soraya Sáenz de Santamaría e Alberto Núñez Feijóo.
Saénz, como parte do Goberno, apúntase como relevo natural de Mariano Rajoy, pero desta volta a natureza non o ten doado. Estar sentada no Consello de Ministros axuda ben pouco. A Vicepresidenta debe manterse na primeira fila dando cara por unha políticas gobernamentais que perden crédito e, ao mesmo tempo, debe reservarse como suplente do home que personifica e decide esas políticas. Nas desfeitas, os continuístas non adoitan ser os mellores relevos.
O maior problema de Feijóo é que, desta volta, fará ticket electoral co seu vello amigo Marcial Dorado.
A Feijóo asístelle o quietismo. Bástalle con quedarse onde está, facendo puntuais declaracións rexeneracionistas mentres amigos nos medios e medios amigos seguen a chufalo como “o único presidente dunha Comunidade Autónoma gobernada polo PP con maioría absoluta”. Feijóo sabe como gobernarse en relevos postraumáticos. Demostrouno en xaneiro de 2006 cando, derrotado electoralmente Manuel Fraga, se empoleirou como presidente galeguista, centrista e renovador do PPdeG.
Unha década despois terá ocasión de presentarse como líder salvífico. O maior problema de Feijóo é que, desta volta, fará ticket electoral co seu vello amigo Marcial Dorado. Podemos estar seguros de que os seus rivais na sucesión mariana serán os primeiros en lembrar a súa perigosa amizade co narcocontrabandista. Pesado aval para quen ter que se bendicido como un decente rexenerador da democracia española e o Partido Popular.
Seguir lendo en Propósito de emenda, o espazo de crónica política no Obradoiro de Praza Pública