Inédita unidade de PSdeG e BNG no Parlamento para esixir que Feijóo explique os recortes

Reunión da Xunta de Portavoces © Parlamento de Galicia

"Son momentos de empezar a traballar unidos". O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, resumía deste xeito o inédito "xesto de unidade" vivido este mércores no Parlamento. Tras tres anos de oposición socialistas e nacionalistas uníronse nunha acción que ten moito de simbólico, especialmente a poucos meses das eleccións e no final dunha lexislatura que comezaba con distanciamento, cando non hostilidade, entre as dúas formacións. PSdeG e BNG reclamaron conxuntamente que o presidente da Xunta acuda á Cámara para explicar os efectos en Galicia dos recortes sanitarios e educativos que está a aplicar o Goberno central e, aínda que a iniciativa foi tombada polo PP apenas media hora despois de saír á luz pública, pode ter maior percorrido político nas accións de rexeitamento ante o que a voceira do Bloque, Ana Pontón, define como un "ataque sen precedentes" á sanidade pública.

Ambas forzas presentaron esta solicitude na Xunta de Portavoces, o órgano reitor da Cámara, e o seu simbolismo acrecéntase polo feito de que só o PSdeG ten deputados dabondo para solicitar comparecencias. Asegura Vázquez que esta reclamación non é un feito puntual, senón "un punto de inflexión". "Os que representamos a 5.000 persoas máis das que representa o PP en voto directo en urna estámoslle pedindo" a Alberto Núñez Feijóo "que diga alto e claro cales son os recortes" e, nesa mesma sesión, "explicar nós que hai outro modelo económico para sacar adiante este país". "Das tres forzas políticas, hai dúas que cren que outro modelo de Galicia é posible" e, por iso, subliña, "sempre que o BNG e nós o vexamos necesario, estarei disposto a buscar acordos" para que "o presidente diga a verdade".

"Os que representamos a 5.000 persoas máis das que representa o PP queremos explicar que hai outro modelo económico", di Vázquez

Pero a petición conxunta bateu coa maioría absoluta que os conservadores teñen na Xunta de Portavoces, igual que no pleno. O PP "lamentablemente" propicia que o presidente "fuxa e ningunee o Parlamento", censura Pontón, que é tanto como "fuxir" da "realidade de Galiza". "Por humanidade", dado que o cerne da cuestión son a sanidade e a educación, debera comparecer. "O mínimo en democracia é que o presidente da Xunta explique en sede parlamentar uns feitos tan graves", sinala. Este impedimento, engade o voceiro socialista, Abel Losada, tenta tamén bloquear que se "visibilice que hai formulacións alternativas a un Goberno moi conservador de dereitas", que "aplica o rodete" á esixencia da oposición. 

Xustificación do PP

Pero, cal é a xustificación dos populares para o veto? Esencialmente técnica. Non a atenden, explica o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, porque é "moito mellor esperar" a que "se aprobe o plan de reequilibrio financeiro" no Consello de Política Fiscal e Financeira, isto é, agardar a que a Xunta lle detalle ao Ministerio de Economía por onde vai axustar as súas contas nos vindeiros meses, algo que acontecerá previsiblemente no entorno da vindeira semana. En todo caso, Puy non garante que quen fale sexa o presidente. "Se queremos que o Goberno compareza, farao a través do membro que estime oportuno; o único que me atrevo a afirmar" é que, se esa comparecencia chega, "vai ser oportuna e ben levada".

Puy atribúelle á oposición ánimo de incitar a "axitación social" coas súas solicitudes

En calquera caso, para o deputado conservador a unidade dos grupos da oposición non é, como destacan socialistas e nacionalistas, froito da "inquietude social" causada polos recortes. Esa inquietude social, que o popular "comprende", cómpre "distinguila da axitación social que pretenden facer os grupos da oposición". Neste contexto, Puy esfórzase en xustificar a inconveniencia da comparecencia reclamada por PSdeG e BNG mentres avala as que si foron tramitadas a petición do Goberno e que se realizarán no pleno da vindeira semana: o conselleiro da Presidencia explicará de novo o plan de reestruturación da Administración paralela e o de Infraestruturas, os seus plans en materia de rehabilitación de vivendas.

Vázquez explica a iniciativa en rolda de prensa CC-BY-NC-SA PSdeG
Pontón, ante a prensa no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.