Iniciativa pola Unión chama á confluencia "para que naza unha nova nación"

Asistentes ao Acto de Apertura de Iniciativa pola Unión © Quino Vilas

Iniciativa pola Unión (IxU) celebrou este domingo o seu Acto de Apertura no que tanto a súa coordinadora como os cidadáns e colectivos que tomaron a palabra chamaron a unha confluencia unitaria, unida e única da esquerda nacionalista e rupturista galega de cara ás eleccións xerais. Con máis de 800 asistentes, o Auditorio de Galicia en Compostela buliu de ilusión e a organización dixo ficar "desbordada" pola afluencia tan só poucos días despois de que Anova, Podemos e EU anunciasen un preacordo -que foi criticado por ser "entre cúpulas"- que arrefriou unhas expectativas da unidade que, visto o visto, mantén a esperanza ben acesa. 

Ademais, o grupo de traballo de Iniciativa pola Unión acordou concorrer como coalición electoral, cun proceso de listas abertas democrático, plural e paritario ás eleccións xerais e foi acordado por maioría que o programa electoral estea rematado en mes e medio. Ao tempo, aprobouse celebrar un referendo telemático sobre as 15 propostas de nomes para formar parte da coordinadora, así como que sexa esta quen estableza a fórmula para coordinarse coas formacións políticas adheridas. 

Entre os nomes propostos, Xosé Luís Rivas Mini, Rafael Cuíña, Suso Bermello, Helena Pérez, Elvira Souto, Suso Día, Olalla Rodil, Míriam Rodríguez, Xavier Campos, Fernando Souto, Carlos Ares, María Bragado, Paula Verao, Antía Cal e Carlos Méixome.

"Todos sabemos que é necesario, imprescindible; para que non morra o vello país, para que naza unha nova nación", dixo Pereiro

Foi Xosé Manuel Pereiro, voceiro da coordinadora, quen rematou o cónclave para lembrar que todos os presentes -"xente que milita nuns e noutros partidos, afiliados a sindicatos ou a nada"- perderon "todas as guerras" e chamou a gañalas "gardando" as certezas que todos teñen. "Temos que practicar a ósmose, a xenerosidade, a mestizaxe, deixarlle de dicir aos demais o que teñen que facer e preguntarlle a onde imos xuntos", asegurou o representante de Iniciativa pola Unión que, citando a Shakespeare, lembrou que os barcos "están máis seguros en porto pero non se construíron para iso". "Temos que zarpar, como sempre fixemos os galegos", insistiu para pedir ir "por por porta encendendo os corazóns". "Todos sabemos que é necesario, imprescindible; para que non morra o vello país, para que naza unha nova nación. Por todas nós", rematou

Antes, Pereiro deu lectura ao relatorio de xestións e actividades da coordinadora e lembrou que a Iniciativa naceu pola "forza" que deron milleiros de persoas o 25 de xullo. "Marchamos mirando todos cara adiante e non mirando cara aos lados", dixo o voceiro da plataforma, que recordou os contactos con outros colectivos cos partidos políticos e outros colectivos que pulan por unha "candidatura galega de base cidadá". Na maioría deles, dixo, amosáronse coincidencias case plenas, pero lembrou tamén algunhas "reticencias" do Encontro Cidadán por unha Marea Galega, tamén presente na xuntanza deste domingo. Antes, censurou o "acordo entre cúpulas" de Anova, Podemos e EU e destacou que a "razón de ser" da Iniciativa non era outra que a da unha única candidatura galega "nada da cidadanía" porque hai un "clamor social"

"Hai unha gran demanda social a prol dunha lista galega unitaria de base cidadá, pero non a estamos satisfacendo", di IxU

Pereiro insistou en que a confluencia "é posible" e que, "neste novo chanzo para a construción da candidatura galega, seguirá a ser o principal obxectivo", tras admitir "luces e sombras" nun proceso cunha "disfunción que nunca se deu nas leis da oferta e da demanda". "Nunha houbo algo tan demandado, cunha oferta tan escasa. Hai hoxe unha gran demanda social a prol dunha lista galega unitaria de base cidadá, e todos, ou moitos están de acordo niso, pero non a estamos satisfacendo", recoñeceu. Por iso, chamou a "endereitar ese rumbo que nos vai levar a encallar nos cantís da irrelevancia". "A partir de hoxe, témolo que conseguir", insistiu o voceiro de Iniciativa pola Unión, que, tal e como dixo Xabier Puente Docampo, advertiu que "o que hai que facer, é facer". 

No acto interviron representantes de múltiples colectivos, como o dos emigrantes retornados, dos preferentistas, SOS Sanidade Pública, os mariñeiros do cerco, Mulleres Deportistas Galegas (Mudega), a Organización de Produtores de Leite, A Mesa pola Normalización Lingüística, Adega ou a Asociación Galega de Historiadores, así como voceiros das diferentes iniciativas pola confluencia, a CIG, CCOO-Naval, Sindicato de Xornalistas e cargos políticos e públicos como o alcalde de Lalín, Rafael Cuiña (CxG), o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, Axno Quintana, voceiro de Somos Nós e portavoces e Cerna, Terra Galega ou o Partido Galeguista. Tamén participaron persoeiros como Suso de Toro, Manuel Bragado, Quico Cadaval ou Margarita Ledo.

Antes de todos eles falou Xosé Luís Rivas, Mini, que chamou a aparcar carnés e "facer camiño da man, con ilusión e para facer país". "Aquí e en Madrid", dixo o ex alcalde de Boimorto polo Bloque, tras ser desaloxado polo PP, e que pediu abrir un camiño de esperanza. O conflito leiteiro, o do cerco, o dos emigrantes retornados ou o da sanidade foron referidos nos discursos duns colectivos que coincidiron en que Galicia "non pode esperar máis" e que coincidiron en amosar a súa ilusión por unha lista conxunta e galega. 

Ademais, Rafael Cuiña insistiu en que non participará nunha candidatura "que non teña o centro de decisión en Galicia" nin en ningún proxecto "no que non estean todas as persoas que defenden esta terra". Xa antes, en entrevista na SER, Xavier Vence asegurou que sería "unha mágoa" que Xosé Manuel Beiras apostase por un proxecto que reforzase "máis" unha "forza estatal como Podemos" e non por unha candidatura nacional galega. 

Tamén houbo representación no acto do Encontro Cidadán por unha Marea Galega. O seu portavoz, Quique Costas, insistiu en que a súa plataforma tamén traballa por unha "candidatura única de unidade popular" e manifestou a vontade de “traballar xuntos e xuntas para conformar unha candidatura unitaria”. Ademais, explicou que os militantes do Encontro decidirán entre “todos e todas” se optan por sumarse á proposta de IxU ou pola contraposta do seu colectivo.  

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Xosé Manuel Pereiro intervén no acto de Iniciativa pola Unión © Quino Vilas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.