Jesús Vázquez fronte a Xulio Ferreiro: dúas olladas sobre a "nova política"

Xesús Vázquez e Xulio Ferreiro no III Foro Revbela CC-BY-SA Praza Pública

O III Foro Revbela Nova Política convidou ao alcalde da Coruña pola Marea, Xulio Ferreiro e ao de Ourense, o popular Xesús Vázquez para afondar no concepto de nova política.

Comezou Xesús Vázquez afirmando que "non falaría de nova política". "A política é xestionar o ben común, os problemas derivados da convivencia colectiva e adoptar decisións que non sempre van gustar a todos", explicou o exconselleiro. "A miña prioridade é facer de Ourense unha cidade atractiva", continuou, "xerar riqueza e emprego, sobre todo para os grupos que o están pasando peor, como a mocidade e os anciáns". "Para resolver os problemas hai que escoitar, tamén a quen manifesta opinións diferentes á túa", concluíu Xesús Vázquez. 

Xulio Ferreiro esgrimiu argumentos contrarios ao soster que "si que hai un novo xeito de facer política, que ten como punto de inflexión o 15M". "Os cidadáns percibían unha desconexión entre os partidos e eles e que quen ocupaba os postos non atendía aos problemas reais das persoas", continuou o alcalde. Ao fío disto engadiu que "a todo isto súmase a corrupción estrutural do sistema político, que xa non é unha cuestión de ovellas negras ou mazás podres, é estrutural". Para Ferreiro a nova política plásmase "no que", é dicir, nas liñas programáticas dun programa de "rescate social e democrático", e "no como", isto é, "transparencia, participación, primarias ou código ético". Para o coruñés, o reto reside en trasladar todo isto ás institucións.

"A corrupción non é unha cuestión de ovellas negras e mazás podres, é estrutural"

Partidos e suxeito político líquido

Ferreiro tamén indicidiu en que o "suxeito político" que, no caso galego, se "derivou de todo isto, non é sólido, senón flexible e líquido e por iso pode adaptarse ás circunstancias". O alcalde indicou que "a fórmula das municipais non foi a mesma cá das xerais e agardo que tampouco sexa o mesmo nas autonómicas". 

"A fórmula de concorrencia das municipais non foi a mesma cá das xerais e agardo que tampouco sexa o mesmo nas autonómicas"

Vázquez retrucou que "todos integramos á cidadanía e aos veciños porque presentas un programa previo e é esa cidadanía a que decide co seu voto". Ao fío disto engadiu que "cando se cambian as normas de xogo chegamos á situación na que se atopan moitos cidadáns españois que se preguntan para que valeu o seu voto se a un mes das eleccións non vai ser significativo ou que o programa que votaron non se cumpliu, porque ao mudar as regras de xogo, en realidade tamén estás mudando o programa". "Eu entendo que podemos ter diferenzas no modelo de xestión", continuou o ourensán, "pero tamén que todo político actúa de boa fe, perseguindo o beneficio da veciñanza". "O PP e o PSOE cometeron erros pero levan tamén demostrado moitas cuestións neste país porque se chegamos a este momento foi porque houbo ciclos previos nos que se sucederon PP e PSOE e a propia Constitución fixo que os que nacemos hai 40 anos recordemos como estabamos daquela e como están hoxe. Eu recordo en que condicións estudaba eu na escola e vexo como estudan os meus sobriños ou os meus alumnos. Con isto quero dicir que hai partidos que contribuíron moito ao desenvolvemento social e que non se pode demonizalos", proseguiu Vázquez.

"O PP e o PSOE contribuíron moito ao desenvolvemento social e non se pode demonizalos"

Para Ferreiro, hai cuestións que "non teñen que ver coa bondade nin coa maldade, eu falo de comportamentos políticos". "Estamos mellor no 2006 que no 1974?", reflexionou o coruñés ante as declaracións de Vázquez, "pois espero que si, en moitas cousas, noutras, non sei. Eu penso na estabilidade laboral e familiar que tiñan meus pais con 25 anos e compároa coa dos rapaces de hoxe e estes non gañan". "Non é cuestión de bos nin de malos, é de método", proseguiu Ferreiro que, recollendo o fío dos programas electorais mencionado polo seu homólogo ourensán, afirmou que "como moito eran declaracións de intencións, cando non puros elementos de propaganda sen ningún viso de ser cumplido". O alcalde da Coruña describiu o programa da Marea e Xesús Vázquez sinalou que "practicamente lle estaba describindo o programa do PP de Ourense. 

"Eu penso na estabilidade laboral e familiar dos meus pais con 25 anos e compároa coa dos rapaces de agora e estes non gañan"

Ferreiro asegurou que na Coruña houbo "socialistas históricos" que lle confirmaran que agora eran da Marea porque "sinten que o PSOE os traizoou". Vázquez retrucoulle que "non se pode personalizar" porque "hai persoas de Ourense en Común que me din: Xesús, antes que haxa outro goberno, estou encantado co que estás facendo e seguramente hai xente de Podemos que di que antes de que goberne outro dos grupos, mellor que quede Xesús", no que pareceu unha referencia velada a Democracia Ourensana.

"As mareas non son unha fórmula diferente, Podemos non é unha fórmula diferente"

"Eu non lle quito mérito aos partidos, simplemente creo que hai dispositivos que foron útiles en 1980 e que en 2016 xa non o son", continuou Ferreiro. "Son crítico cos partidos porque eu tamén militei nun, e estaba a gusto, pero vía os problemas que ese tipo de militancia tiña, por exemplo de reprodución de cadros, de relación entre a base e a cúpula... e hai xente que estamos ensaiando outras fórmulas políticas, sen xerarquía e traballando en rede, máis parecido a como traballan empresas como Google", concluíu o coruñés. Vázquez sostivo que ese é o "principio dun erro" porque "as Mareas non son unha fórmula diferente, Podemos non é unha fórmula diferente porque Podemos, sen estar gobernando, está tendo centos de problemas internos aquí en Galicia, que din ti si, ti non, e a ti bótote se quero".

"Se me dis que non militas nun partido, disme que A Coruña non está xestionada por unha estrutura política, entón póñome a tremer"

O alcalde de Ourense espetoulle a Ferreiro que tamén milita nun partido político. "Chámalle como queiras, Xulio", dixo Vázquez, "pero entón estasme dicindo que a cidade da Coruña non está xestionada por unha estrutura política, se me dis iso bótome a tremer". Ferreiro contestou que non é o mesmo un partido que unha estrutura política, "non, claro, non é o mesmo un cura que unha monxa, pero pertencen ambos á Igrexa Católica. Sodes un partido político, outra cousa é como queirades vendelo, que me parece ben e é lexítimo", sentenciou o ourensán.

Corrupción e grupo parlamentario propio

Jesús Vázquez mostrouse moi crítico coa resposta do PP á corrupción. "Avergóñome de todas as persoas que usan a política para enriquecerse", afirmou. Ao fío disto engadiu que ao seu partido "lle pasou factura, a xente tiña a sensación de que o PP convivía coa corrupción, por iso me gustaría que as medidas tivesen sido máis contundentes". "Creo que son poucos casos pero vergoñentos, e a min é o primeiro ao que isto me fai dano, porque eu teño que pedir o voto para o PP, ao que pertenzo por ideoloxía, e é complicado deixar horas e horas de traballo e ao final quede só iso", continuou. Iso si, Vázquez matizou que a corrupción non provén só dos "partidos da transición, senón que xa afecta tamén a partidos de nova creación, con casos de corrupción ou posta a dedo de familiares, como foi o caso de Ada Colau". "A min gustaríame que o meu partido tivese dito isto está mal, vostede fóra, e non só fóra, devolva o que colleu", concluíu. Ferreiro replicoulle que é certo que ninguén está libre de "ter un compañeiro ou compañeira que use recursos públicos con fins pouco éticos", pero que do que "si o está é de arroupar iso".

"Avergóñome de todas as persoas que usan a política para enriquecerse"

Sobre unha das promesas de campaña de EnMarea que se viu frustrada, o grupo parlamentario propio para Galicia, o alcalde da Coruña afirmou que "EnMarea entende que o requisito para ter grupo parlamentario é ter 5 deputados, 6 neste caso, e o 15%, porque é o que marca o regulamento". "Iso conséguese e logo atópaste con que, quen interpreta o regulamento non é un órgano imparcial senón os teus rivais políticos", continuou o coruñés "e eu, como xurista, entendo que o dereito a ter o grupo era meridiano, o de EnMarea, o de En Comú Podem e o de Compromís, porque eran personalidades xurídicas distintas de Podemos". "Alguén debería advertirlle ao Rei que fixo o ridículo recibindo a eses grupos e tamén a Sáez de Santamaría que os nomeou por separado na noite electoral", afirmou. "Eu entendo que é unha cuestión puramente política, cando despois, noutras lexislaturas se prestan deputados como legos, como Coalición Canaria cos deputados do PP para ter grupo. E aí non había problemas de regulamento". sentenciou. Ao fío disto Vázquez contestoulle que iso non era "nova nin vella política porque a CUP acababa de prestar dous deputados a Junts pel Si.

"Quen interpreta o regulamento non é un órgano imparcial senón os teus rivais políticos"

"Maneiras novas de facer política estamos levándoas a cabo todos os partidos", sostivo o alcalde de Ourense, "moitas veces parecen que só uns participan". "Eu trato de dicir que non somos persoas tan distintas a nivel individual e cando "alguén gaña, parece que demonizamos aos outros". Ferreiro sinalou que "hai cousas que agora nos parecen de sentido común, pero na pasada lexislatura non o eran, e se agora están é porque alguén as puxo no centro do debate". Vázquez quixo exemplificar o seu argumento e sostivo que "se eu vou nun avión privado financiado con fondos públicos, son casta; se alguén de Podemos vai nun avión posto por Maduro, non o é e ese avión tamén está sufragado con fondos públicos dun país que está peor ca o noso". "Erros cometémolos todos, pero usemos a mesma vara de medir", afirmou. Cando Ferreiro sacou o tema de Baltar e da trama de corrupción do PP de Valencia, Vázquez contestou coa polémica de Monedero e os seus ingresos de Venezuela e con que "tamén hai xente que senta en actos e defende a ETA".

Entre o público estaba o antigo voceiro do PSdeG, Pachi Vázquez, que quixo dar un consello aos alcaldes. Afirmou que a clave dos novos tempos da política é "intentar facer as cousas", aínda que a posteriori non se logre. "Houbo centos de mulleres e homes en Galicia que tiveron as mesmas inquedanzas ca vós en momentos políticos distintos", por iso "me parece pretencioso falar de nova política como se de súpeto o mundo se abrise e aparecese como facelo, porque as sanas intencións son sempre comúns, isto non vai de novo nin de vello, vai de sentido común, humildade e prudencia", sostivo. Ao fío disto engadiu que "estou seguro de que cando Tsipras gañou as eleccións ía convencido de que ía poder facer todo o que propoñía, pero xa vistes o que tardou en amañar doutro xeito", concluíu.

Xesús Vázquez ao carón do moderador CC-BY-SA Praza Pública
Xulio Ferreiro nun momento do coloquio CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.