Jorquera chama ante Rosalía e Castelao a "construír" o país "tras o paso de Feijóo"

Canto do himno galego, ao remate da ofrenda do BNG CC-BY-SA Merixo

Rosalía e Castelao, Castelao e Rosalía. Como cada ano na xornada previa ao 25 de xullo o BNG acudiu ao Panteón de Galegos Ilustres para, nun acto organizado pola súa organización de mocidade, Galiza Nova, renderlle tributo a quen "dedicaron o mellor das súas vidas a dignificar todo aquilo que nos singulariza como voz propia no coro da humanidade". Quen lanza esta definición é un debutante neste acto, o candidato do Bloque á Xunta, Francisco Jorquera, encargado de pechar a homenaxe cunha apelación á "rebeldía" e a "construír". Iso, di, é o que toca en "tempos de barbarie neoliberal, de ofensiva centralista e antisocial", pero tamén será o que toque "tras o paso desa arma de destrución masiva que foi o Goberno Feijóo", o "Atila en Galiza 2.0".

Nas horas previas do último Día da Patria antes das vindeiras eleccións Jorquera trazou as liñas mestras dunha xornada que os nacionalistas aspiran a converter en "histórica". Dende o último 25 de xullo o Bloque viviu os que, posiblemente, foron os tempos máis convulsos da súa historia pero iso, deixou caer entre o seu discurso en Bonaval, non é a primeira vez que acontece. O nacionalismo galego, di, "dotouse de pensamento e dunha praxe para operar na realidade con vocación de transformala" grazas a Castelao e ao Partido Galeguista. O seu, sinala, "non foi un labor doado, tiveron enfronte á caverna españolista da época" e "nese esforzo tamén sufriron baixas e desercións". "Pero non por iso deixaron de mirar avante e de xogar un papel decisivo para o país", proclamou.

Jorquera ve o país en "emerxencia nacional" e por iso "necesita máis ca nunca de nós"

Jorquera ve o país nun "estado de emerxencia nacional" que "necesita máis ca nunca de nós", advertiu aos presentes, porque os que aplican "recortes salvaxes traen tamén na mochila un ataque brutal contra a democracia e contra o autogoberno". Neste sentido, e aproveitando a lectura do prólogo de Cantares Gallegos que pouco antes realizara o ciclista Ezequiel Mosquera, no que Rosalía observaba unha España que lle tentaba aplicara a Galicia a "humillación" que antes sufrira de Francia, o candidato do BNG chama a "rebelarse" ante un "goberno de imperialistas fracasados", "dispostos a aplicar a mesma prepotencia da señora Merkel contra Galiza e os pobos do Estado".

Ofrenda do PSdeG a Rosalía

Pero non foi a do BNG a única lembranza a Rosalía neste 24 de xullo. Por primeira vez, tamén o PSdeG empregou a xornada para lembrar á poeta de Padrón mentres que, como é habitual, lle renderá tributo a Castelao o propio día 25 e en Rianxo. Ante o monumento rosaliano da Alameda compostelá o secretario xeral dos socialistas, Pachi Vázquez, anunciou a intención do partido de darlle "continuidade" a un acto co que, di, queren representar o seu compromiso coa "loita permanente" polos dereitos das mulleres e "sementar un pouco de historia, esquecida, pero imprescindible".

Pachi Vázquez ve en Rosalía o símbolo do "compromiso coa terra, coa súa lingua e, sobre todo, coa dignidade das mulleres"

Acompañado por María Xosé Porteiro o líder dos socialistas realizou unha ofrenda floral ante o monumento de quen, "nun momento no que non era doado", amosou "compromiso enérxico no compromiso da súa terra e da súa lingua e, sobre todo, defendeu a dignidade das mulleres cando estas non tiñan voz nin dereito a tela", sinalou. "As galegas de corazón" son as que "non se dan por vencidas", tampouco, di, nun momento no que "a dereita non entende que igualdade significa xustiza social". "Non entenden que sen o voso talento será imposible saír da crise", proclamou ante diversas dirixentes do partido.

Neste contexto, e cun ton, como no acto do Bloque, propio do último 25 de xullo antes das elección, Vázquez asumiu o compromiso de que "paguen máis os que máis teñen" para que os cartos vaian "para o importante", como "potencias as políticas de igualdade, manter a Lei de Dependencia" ou "defender a actual regulación sobre o aborto". Todo isto, di, para "non permitir que este PP desalmado volva mandar as mulleres ao recuncho dunha negra historia". "Iso é o importante", conclúe Pachi Vázquez.

Pachi Vázquez e María Xosé Porteiro deixan flores no monumento a Rosalía CC-BY-NC-SA PSdeG
Jorquera, nun intre da súa intervención en Bonaval CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.