Mini: "Se algunha vez cómpre a unidade no país é agora, tocan as campás por última vez"

Xosé Luís Rivas, nunha rolda de prensa CC-BY-SA BNG

O pasado 14 de agosto, unha moción de censura apoiada polo PP e un concelleiro tránsfuga do PSOE desaloxou a Xosé Luís Rivas, Mini, da alcaldía de Boimorto. Apoiado por moreas de partidos e cargos políticos como símbolo da "dignidade", o tamén líder d'A Quenlla acudiu o pasado sábado ao Encontro Cidadán por unha Marea Galega. Mantén o "optimismo" de cara a unha candidatura galega, pero advirte de enlearse en "entelequias" mentres se esquecen "os problemas reais". E alerta de que esta será "a última oportunidade". "Tocan as campás por última vez; catro anos máis así e o país desfaise", asegura. 

Pasada máis dunha semana desde a moción de censura, como é a situación en Boimorto?

A situación segue sendo a mesma. É unha fraude e estase a xogar cos votos da xente. O alcance é moi amplo, sobre todo aquí nun lugar como Boimorto, porque a xente vai desconfiar aínda máis na democracia; agora ten a certeza de que hai algúns que trafican cos seus votos, aínda que iso sexa amparado legalmente. 

"Boto en falta un pronunciamento do PSdeG, pero sobre todo un pronunciamento sensato do PP. Os seus argumentos son puerís"

Bota en falta un pronunciamento contundente do PSdeG?

Boto en falta o sentido común e tamén un pronunciamento do PSOE, que ten moito que rascar porque neste caso está dando cobertura a xente independente que logo fai o que fai... Pero o que boto en falta sobre todo é un pronunciamento sensato do PP. Non me vale dicir que este home que foi nas listas do PSOE descubriu agora de súpeto que o programa do PP era mellor. Son argumentos moi puerís e eu non sei como se pode facer política con argumentos así. 

Recibiu algunha mensaxe de apoio de cargos públicos do PP ou do PSOE?

Privadas, si. Houbo alcaldes que me dixeron que aguantase, que os inestables eran eles... Eu dígolles: "pero se estás a falar do teu partido?". "Por iso", respóndenme. Creo que nesta operación de moción de censura influíu tamén o impulso a un pronunciamento municipalista a prol dos gandeiros. E máis que a favor dos gandeiros, a favor dunha vida digna no rural. Iso manca aqueles políticos de grande altura que levan moitos anos desprezando o campo, téndoo como fonte de votos pero desprezándoo absolutamente. O campo galego non resiste esta crise porque non ten leis que favorezan que o leite se pague mellor, que se faciliten as terras para os produtores, unha industria incentivada pola administración para que o capital de orixe galega aposte polo rural... Estiveron gobernando moito tempo e acumulando subvencións europeas para nada.

"Houbo alcaldes do PP que me apoiaron en privado, que me dixeron que aguantase" 

Alúdese moitas veces á crise do sector lácteo como exemplo da necesaria unión da esquerda galega para defender os intereses do país de cara ás eleccións...

Non é só a unión da esquerda, que iso xa debía ser palpable. Na esquerda levamos moito tempo discutindo e é hora de deixar as discusións teóricas e pasar a comunicarse con este pobo que vota PP e que ten moitas cousas que dicirnos. Temos que adaptar o noso discurso ás esixencias reais deste país e non ao país ideal que soñamos. Á marxe disto, creo que non se precisan só forzas de esquerda; precisamos aquelas xentes que teñan a cabeza posta no país e que, con máis ou menos esquerda, centrismo ou dereita, pensen no país, no que é noso. Non estou falando de soberanismo, estou falando do país real, non do país utópico. E temos que facelo porque nos estamos indo. 

Esmorece o país?

Non podemos estar consumindo produtos agrarios de fóra das nosas fronteiras porque é unha total necedade. Temos un país rico agrícola e gandeiramente e somos un país subsidiado que vive das pensións e onde só se produce madeira para queimar. Isto que digo é o resultado de reflexións simples, abonda con ver o país. 

"É hora de que a esquerda deixe as discusións teóricas e pase a comunicarse con este pobo que vota o PP. Adaptemos o noso discurso ás esixencias reais do país e non ao país ideal que soñamos"

Acudiu ao Encontro Cidadán por unha Marea Galego o pasado sábado...

Convidáronme a ir alí e dixen máis ou menos o que acabo de dicir. 

É optimista de cara a esa pretendida candidatura unitaria?

Eu quero ter esperanzas e moita fe e confiar na sensatez da xente. Se o amor que se di profesar por este país é real, iso limará toda diferenza e toda posibilidade de ir desunidos. Estou seguro de que pode ser, pero hai moito que vexo como se discute de política e politoloxía mentres se está divorciado dese pobo que non entende de soberanía, que nin tan sequera entende o que é a palabra democracia na súa extensión. Eu vivo nunha realidade diferente e o meu país é diferente do que se fala nos círculos políticos. Por exemplo, este país precisa unha ordenación do territorio urxente, saber por que carallo paga un canon de auga no lugar dos 1.000 ríos... Precisamos políticas reais. Este é un país que non hai quen o entenda, pero a xente precisa saber que é real e que os políticos pensan neste país e non en entelequias. Nin tan sequera a palabra crise ten significado xa, o que ten significado é a familia con dous fillos no paro que vive da pensión dun vello. O que reclamamos, con toda contundencia e con toda tranquilidade, é que miremos un pouco para aquí, polo país real e polo que non sabe o que é estar nunha asemblea. 

"Se o amor que se di profesar por este país é real, limará toda diferenza e toda posibilidade de ir desunidos"

Pero cre que haberá unha candidatura galega para as eleccións xerais?

Son optimista. É posible o sentido común na medida na que nos deixen os que non queren o sentido común, porque hai unha serie de xente que está programada para desfacer todo canto poida ser construíble. Quero crer nesas asembleas porque todos os que alí van fano de boa fe, pero ao final saio descorazonado porque non se fala de problemas reais. O que temos que facer cabe nun folio e sóbranos espazo. O de Navantia consiste en dicir si ou non. E o do lácteo é si ou si. Quen en Europa pode producir leite máis natural, con mellores condicións e a mellores prezos que Galicia? 

Fálase demasiado de problemas internos e partidarios?

O chamado 15M ten que entrar en todos nós, mesmo no 15M. O 15M supoñía unha razonabilidade e a primeira delas é pensar quen somos e que pintamos aquí. E non somos nada contra ninguén. Somos moito a favor de todos nós e dos demais. E somos algo singular, pero non contra ninguén. O que precisamos é que non nos mamoneen todos estes que teñen complexo de inferioridade, estes que van para o Senado porque o que queren é escapar da aldea, deste país de leite e mel e cunha fala antiga. Somos como somos, capaces de espetarlle unha sacha ao veciño por unha póla pero non de defender o noso sector... Pois somos así, pero teremos que cambiar nalgún momento e facelo xuntos. 

Insístese moito nas dificultades para poñer de acordo a BNG, Podemos, Anova ou EU de cara a formar esa candidatura?

Creo que o BNG deu unha lección de como se pode un abrir, pero máis diso xa non sei. A alta política quédame moi lonxe porque son un heterodoxo e un analfabeto da política a ese nivel. Eu son dunha política de aquí, da de xuntarse todos para ir pinchar unhas árbores porque o precisamos para arranxar un problema. Esa é a lección grande que aprendín cando viñeron o Hortensia ou outros desastres. 

"É a última oportunidade; as campás tocan por última vez porque de estar catro anos máis así, o país desfaise"

Haberá unión para pinchar as árbores?

Non o sei, pero eu teño a motoserra cargada e afiada e sei que hai moitísima xente máis esperando a ir. Tamén sei que cando se xunta moita xente logo hai que organizarse, pero creo firmemente que se algunha vez fai falta esa unión é agora. E a última oportunidade. Tocan as campás por última vez porque máis de catro anos nesta situación e o país desfaise. Os sectores produtivos, sobre todo o sector primario, temos que protexelo entre todos. 

Xosé Luís Rivas, nunha rolda de prensa CC-BY-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.