Reivindicación dunha República galega fronte á "operación Felipe". A xornada de mobilizacións republicanas en Galicia comezou este sábado co acto simbólico que, convocado polo BNG e secundado por outras organizacións como Nós-UP ou o PCPG, arrodeou a sede do Parlamento de Galicia co obxectivo de "denunciar a profunda crise institucional do actual réxime herdado do franquismo" e apelar á necesidade de "darlle a voz á cidadanía para escoller o sistema político" e, "en particular", para que "Galiza teña dereito a que sexan recoñecidos os seus dereitos nacionais".
Despois de que naufragase a posibilidade dunha única convocatoria de mobilizacións militantes e simpatizantes nacionalistas fixéronlle fronte á chuvia para acudir a carón dun Parlamento que, en verbas do portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, está sendo "baleirado de competencias mentres vemos como as decisións se toman fóra das institucións democráticas". Neste contexto, di, a abdicación de Juan Carlos I ten que ser "aproveitada" para propiciar un "novo proceso constituínte que recolla o dereito dos pobos a decidir". No territorio galego, sinala, o que cómpre é unha "axenda galega, que non é a mesma axenda que lles interesa aos que dende Madrid pretenden pilotar este proceso".
Vence apela a unha "axenda galega" tras a abdicación do rei, que "non é a mesma axenda que lles interesa aos que dende Madrid pretenden pilotar o proceso"
Partindo da base de que "non se trata só de mudar a forma do Estado de monarquía a República" Vence pon o acento en que non abonda con retocar só o artigo primeiro da Constitución, o que fixa a Monarquía como forma do Estado, senón tamén o segundo, o que "proclama a indisoluble unidade da nación española". Trátase, en definitiva, resume, dun proceso constituínte que lle permita a Galicia poñer "os nosos problemas enriba da mesa" e ter "capacidade de interlocución nas institucións e nos forons internacionais", tamén para "defender outro tipo de políticas fronte á troika".
O BNG sinala que participa nas demais mobilizacións republicanas ademais de manter o seu propio calendario
Entre consignas como "Galiza mañá república será" ou "Galiza ceibe, poder popular" o acto culminou cunha asemblea na parte traseira do Parlamento, onde o rótulo da Praza da Constitución foi simbolicamente mudado polo de "Praza da República da Galiza". Tras esta reivindicación do BNG lembra que "tamén participará nas concentracións previstas en diferentes vilas e cidades de Galiza" previstas para a tarde do sábado e, paralelamente, "continuará co seu calendario de mobilizacións", que inclúe "asembleas abertas" e "un acto conxunto coas forzas nacionalistas de esquerda de Euskadi e Catalunya -Bildu, ERC e CUP- baixo o lema Polo dereito das nacións a decidir".