O BNG elixirá liderado, liña política e alianzas o 28 de febreiro

Un intre do Consello Nacional do BNG, este 16 de xaneiro CC-BY-NC-SA BNG

"A militancia debaterá absolutamente todo". O conxunto do BNG está citado para o vindeiro 28 de febreiro nunha cidade aínda por determinar para decidir no plenario da súa décimo quinta Asemblea Nacional "estratexia, organización, reformulacións necesarias" e Executiva. Case todo está aberto pero xa hai unha certeza: na nova xeira e nas eleccións galegas xa non estará á fronte Xavier Vence, que este sábado ratificou ante o Consello Nacional da formación a súa intención de non volver aspirar ao cargo que exerce dende hai algo menos de tres anos.

Os malos resultados das eleccións municipais e xerais celebradas en 2015 impulsaron o debate previo a unha asemblea que xa estaba previsto celebrar pero á que a formación frontista chega con sentimento de encrucillada, alén das cuestións estritamente electorais. Nas últimas semanas as diferentes comarcas analizaron o devalo nas urnas e un "panorama complexo" que, indicou Vence nun receso do Consello deste sábado, tamén será "obxecto de debate" tan "amplo" como a "participación" que, afirma, están a rexistrar as asembleas abertas destes días.

Do conclave de febreiro, indica Vence, "debe saír unha dirección nova en todos os sentidos e en todos os niveis" que aplique "as resolucións" que aprobe o plenario. Neses textos figurará o guieiro sobre o que se asentará a eventual política de alianzas electorais. Nese sentido estarán sobre a mesa, esencialmente, dúas sensibilidades: a que ve con bos ollos a posibilidade dun achegamento ao espazo político das mareas e a que, pola súa banda, coida necesario que o Bloque siga un camiño electoral de seu tamén nos comicios ao Parlamento galego.

Vence indica que da Asemblea sairá "unha dirección nova en todos os sentidos e en todos os niveis"

"Non é un debate pechado, hai diferentes alternativas e propostas de como reforzar o proxecto nacionalista", afirma o aínda portavoz nacional quen, non obstante, si expresa a súa preferencia. Ao seu xuízo sería axeitado "abrir diálogo con diferentes forzas políticas para sumar e conseguir darlle a volta ao panorama político en Galiza, consolidar unhas políticas diferentes para a maioría social e defender o autogoberno". "Para iso -abonda- o nacionalismo debe ser unha pata fundamental", pero tamén "entar sumar con quen poidan compartir un programa nacional de transformación para derrotar ao PP".

Na contorna da Executiva apóstase por debates e cambios "profundos" que vaian alén das fórmulas de concorrencia electoral

En calquera caso, dende a contorna da actual Executiva sinálase que as fórmulas de concorrencia electoral non serán, nin de lonxe, o "único" debate da Asemblea. Trátase, indican, de analizar a traxectoria do BNG nos últimos anos con vocación "construtiva" e vontade de aplicar todos os cambios "de fondo" que cumpran. Se en algo existe "coincidencia", agrega Vence, é na "necesidade dunha organización potente, aberta á cidadanía e capaz de conectar coas necesidades do país".

Tres anos na portavocía

Vence asumiu a portavocía nacional na asemblea nacional de marzo de 2013

No transcurso do Consello Nacional Xavier Vence ratificou que non recuncará nun cargo ao que chegou o 17 de marzo de 2013 coa intención fundamental de que o BNG "recuperase o pulso". No seu primeiro discurso como portavoz nacional Vence formulou o que na altura definiu como un "reto enorme": o artellamento dun "movemento social multicor pola soberanía, no que unha parte dos militantes do BNG" deberan participar "man con man" con organizacións políticas e sociais.

Esa aposta por "alimentar a conciencia nacional" reiterouna Vence durante uns anos nos que o Bloque tivo que afrontar tres procesos electorais: as eleccións europeas de 2014, nas que a través da coalición Os Pobos Deciden se asegurou o escano rotatorio para Ana Miranda, que substituirá o eurodeputado de EH-Bildu Josu Juaristi, as municipais do pasado maio e mais as recentes xerais, ás que o BNG concorreu como NÓS-Candidatura Galega xunto a outras forzas soberanistas de menor dimensión e nas que non logrou representación no Congreso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.