O BNG en pleno reivindícase como "casa común dos nacionalistas"

Un intre do acto do BNG na Quintana CC-BY-NC-SA BNG

Os actos centrais do Día da Patria de 2012 eran novos e tiñan un punto de interrogante para o BNG por motivos diversos. O deste ano era o primeiro 25 de xullo para a organización frontista desde as fortes turbulencias internas vividas tras a Asemblea nacional de Amio. Era tamén, polo tanto, a primeira ocasión en décadas na que o nacionalismo organizado se citaba en Compostela en máis convocatorias que a do propio Bloque. E era, ademais, o Día da Patria da estrea de Francisco Jorquera como coprotagonista dos actos na súa calidade de candidato á Presidencia da Xunta. Con todos estes factores sobre a mesa os nacionalistas propuxéronse, como xa fixeran na súa pasada Convención Nacional, engraxar ao máximo a súa maquinaria, tensar músculo non só para evitar o picazo senón tamén para transmitirlle ao país unha imaxe rotunda, de forza en tempos de crise e tamén ante as inminentes eleccións autonómicas e o seu incerto panorama, máis aínda dada a intención do PP de recortar o Parlamento. As expectativas cumpríronse e servíronlle á formación e, nomeadamente, ao propio Jorquera, para reivindicar o BNG, malia todo, como a "casa común dos nacionalistas".

O esforzo mobilizador realizado polo Bloque ao longo das últimas semanas con actos políticos, festas e reparto masivo de información e cartaces, deulles nas rúas de Compostela o froito agardado, feito que infundiu unha certa sensación de alivio nalgúns dos seus dirixentes, ao observar como a Praza da Quintana non só se enchía sen problemas, senón que rebordaba. Os milleiros de persoas que acudiron á chamada dos nacionalistas percorreron, como é tradicional, as principais rúas da capital nunha comitiva desta volta encabezada pola sonoridade dos tambores e gaitas d'A treboada do Baixo Miño, cuxos compoñentes avanzaron flanqueados por senllas ringleiras de bandeiras do Bloque. Por tras deles, unha enorme bandeira galega coa estrela vermella e a Executiva Nacional, con Guillerme Vázquez e Jorquera á fronte. A continuación, a comitiva da organización de mocidade do BNG, Galiza Nova, de grupos internos como o Movemento Galego ao Socialismo e tamén representantes de colectivos sociais como os que agrupan ás persoas afectadas polas participacións preferentes das antigas caixas.

O BNG realizou un importante esforzo mobilizador das súas bases nas semanas previas ao 25 de xullo

Foron precisamente a estes colectivos cidadáns aos que o Bloque lles quixo outorgar parte do protagonismo na Quintana. Cando a cola da manifestación aínda comezaba a entrar no casco vello compostelán ante a praza, xa chea, expuxeron con brevidade as súas reivindicacións persoas como Isabel, unha das despedidas no ERE da empresa Mafeco, un comerciante de Santiago, unha labrega, unha estudante ou un voceiro dos propios afectados polas preferentes. Despois, e tras o habitual saúdo ás delegacións internacionais convidadas -este ano sen CiU, dada a ruptura de relacións- foi a quenda da secretaria xeral de Galiza Nova, Iria Aboi, encargada de describir unha "Galiza que sofre" cos recortes. Pero "o empeño en destruírnos fai medrar a nosa loita", proclamou.

O "reto" das autonómicas

Foi neste clima no que lle correspondeu debutar a Jorquera, quen lembrou o seu primeiro paso pola Quintana nun Día da Patria, o 25 de xullo de 1978. "Marchei da praza convertido nun militante nacionalista galego; quen lle ía dicir a aquel rapaz que 34 anos despois ía ser el quen vos tiña que falar", rememorou mentres os presentes facían gala de estoicismo e mesmo de entusiasmo militante baixo un abafante sol. Dende a "honra" por ser o encargado de poñelle cara ao cartaz electoral do BNG, Jorquera contrapón a "valentía" dos nacionalistas cun "político covarde", o presidente da Xunta, que "agocha o seu fracaso parapetado tras un grande muro da propaganda" en tempos de "emerxencia nacional".

Jorquera contrapón a "valentía" do nacionalismo cun "político covarde", o presidente da Xunta

"Galiza necesita do voso esforzo", apelou Jorquera. "É necesario participar en política" e "recuperar o sentido ético da mesma", subliña, nunha chamada con certas reminiscencias da xa célebre frase de John Fitzgerald Kennedy: "É o momento de que cada un de nós se pregunte que pode facer polo país", dende a consciencia de que "o primeiro reto témolo nas vindeiras eleccinsn autonómicas". Na súa intervención en clave máis electoral ata a data, Jorquera aproveitou o seu discurso da Quintana para lanzar ademais os primeiros compromisos de cara aos comicios. En caso de chegar ao Goberno, o Bloque, promete, converterá a Xunta en "insubmisa" fronte aos recortes e o autogoberno de Galicia "nun dique fronte á perda de democracia". Farao, asegura, porque ao BNG lle corresponde "recoller o facho que outros nos legaron para encender o pebeteiro dunha Galiza ceibe" e "transformar en acción" a "paixón" de persoeiros como Castelao, a cuxo discurso Alba de Groria dedicou a parte final da intervención.

Á intervención en clave propositiva e con puntos emotivos de Jorquera púxolle o contrapunto máis belixerante o portavoz nacional, quen fixo gala de xestos relaxados, distensión e bromas con outros dirixentes nacionalistas durante boa parte dos actos. En clave de política xeral e cun marcado ton económico Guillerme Vázquez lamentou que o tempo lle rematase "dando a razón ao BNG" na súa diagnose da crise económica e financeira, ata chegar ao punto de que "ou nos plantamos fronte á UE, á especulación e estes gobernos" ou "haberá novos recortazos, máis pronto que tarde". "Merkel dirixe co mando a distancia, Rajoy fai obediente os deberes, o monarca chega de cazar elefantes e pide sacrificios"... Son, para o líder nacionalista, algunhas pinceladas dun cadro de "ditadura do capital financeiro" ao que "Rajoy e Feijóo" contribúen, dende o seu punto de vista, con "reformas das institucións" coas que "queren recuperar o vello modelo de Estado franquista".

Neste contexto non debe haber "medo ás ameazas", anima. "Nin tronkia, nin memorando, nin farrapos de gaita!", exclama. "Seguindo o exemplo de Castelao e Bóveda defenderemos os nosos dereitos nacionais e sociais loitaremos sen reserva contra a opresión", remarcou, antes de concluír cunha chamada ao "orgullo de ser galegas e galegos" e de "ser do BNG". O himno galego encheu aínda máis a Quintana mentres, a través dos teléfonos móbiles, algúns dos presentes se interesaban de esguello polo que acontecía noutras prazas da cidade. "Foi a meirande dos últimos anos", sinalaban diversos militantes ao partiren rumbo á carballeira de San Lourenzo.

Jorquera, nun intre do seu discurso CC-BY-NC-SA BNG
Bandeira que encabezou a marcha CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.