Software libre, menos publicidade, novos límites aos salarios dos altos cargos ou un novo imposto para as rendas altas. Son algunhas das medidas que o BNG presentará no Parlamento en forma de proposición de lei como "alternativa" á "lei de medidas temporais en determinadas materias do emprego público", isto é, a norma aprobada por trámite de urxencia que, entre outros aspectos, reduce remuneracións e prestacións sociais aos funcionarios e ao persoal laboral ao servizo da Xunta. Segundo os cálculos dos nacionalistas é posible acadar e mesmo superar o aforro de 80 millóns de euros que a Xunta atribúe ao recorte ao persoal público. "Reducindo o gasto prescindíbel" e "actuando no lado da recadación", di a voceira parlamentaria do Bloque, Ana Pontón, o saldo positivo para a Administración pode chegar aos 100 millóns, entre aforro e nova recadación.
Os nacionalistas aseguran que o seu plan supera os 80 millóns que a Xunta prevé aforrar co recorte
A parte do axuste comezaría, segundo o plan do Bloque, nun dos buques insignia do Goberno de Feijóo, as cinco delegacións territoriais da Xunta, que segundo o Goberno son o resultado de fusionar as delegacións provinciais de cada consellería pero que, para a oposición, non son máis ca "comisariados políticos" que non evitan a existencia de encargados de cada departamento gobernamental, case 40 en toda Galicia. Ademais, se o PP dese o seu visto e prace a esta proposición de lei podería facer efectiva unha "das súas moitas promesas incumpridas", neste caso relacionada co ámbito da publicidade institucional. Mentres non se aproba unha normativa que "regule o que é publicidade e o que é propaganda" -como incluíu o PP no seu programa-, explica Alfredo Suárez Canal, cómpre "eliminar todos os gastos de publicidade e propaganda" que "non estean obrigados pola normativa de contratación ou pola necesaria publicidade e información de procesos públicos.
Sen saír do funcionamento ordinario da Administración, os nacionalistas ven tamén unha vía para o aforro na supresión definitiva dun dos gastos que en máis ocasións lle teñen censurado ao gabinete de Feijóo: as recorrentes compras ou renovacións de licenzas de software privativo. No caso de que esta lei chegase a ser aplicada, estas licenzas pasarían a "non ser renovables" e a Xunta pasaría a "implantar de xeito progresivo soportes baseados en tecnoloxía con software libre". "Só serán autorizados aqueles soportes altamente especializados de tecnoloxías" se queda "acreditada a imposibilidade da prestación a máis baixo custo".
O soldo de Feijóo como límite
Nesta iniciativa, que o BNG agarda poder defender o antes posible en pleno -previsiblemente, isto acontecerá antes de fin de mes- inclúese tamén un dos preceptos para a que nin nacionalistas nin socialistas lograron apoio do PP durante a tramitación da Lei de Administración Pública (Lofaxga): situar o soldo do presidente da Xunta como límite máximo para a remuneración de calquera alto cargo -na actualidade, cando menos tres altos cargos cobran máis ca o presidente-. Ademais, os salarios dos directivos tamén se tocarían suprimindo as "indemnizacións en concepto de asistencia a consellos de administracion ou órganos colexiados" e convertindo en definitiva a suspensión temporal do plus de altos cargos.
A redución "á metade" dos gastos de gabinete ou o reforzo da inspección médica para controlar o absentismo laboral forman parte tamén dunha proposición que ten como segundo gran piar a modificación de dous impostos, o da Renda e o de Patrimonio. No caso do IRPF, a proposta que defenderá o BNG será a de aplicarlle un tipo do 25,5% ás rendas superiores aos 100.000 euros. Ademais, o mínimo exento no imposto de patrimonio pasaría aos 300.000 euros. Todo o produto destes aforros, sinala a proposta, tería que ir parar aos "servizos públicos básicos", xa que Feijóo, di Pontón, "falta á verdade cando di" que os recortes aos empregados públicos "non afectan á viabilidade" da sanidade ou da educación.