O BNG reclama unha investigación de todos os bens inmatriculados pola Igrexa desde 1946

Luís Bará, deputado do BNG CC-BY-NC-SA BNG

O BNG rexistrou no Parlamento galego unha batería de iniciativas para "demandar" ao Estado que publique unha listaxe cos bens inmatriculados pola Igrexa católica entre os anos 1946 e 1998.

Así o advertiu o Bloque nun comunicado no que asegurou que existe a posibilidade de que unha serie de templos dedicados ao culto fosen rexistrados "ilegalmente". Xa que logo, lembran que o Goberno central dispón desde agosto de 2018 dunha lista de bens inmatriculados entre 1998 e 2015, "que non se fixo pública" e que "impide abrir vías legais para a súa anulación". Ante iso, a formación nacionalista considera "urxente e necesaria" a súa difusión para actuar. 

O BNG advirte de que existe a posibilidade de que unha serie de tempolos dedicados ao culto fosen rexistrados "ilegalmente"

A iniciativa do BNG pretende "ampliar a investigación" a todos os bens desde 1946, data na que se aprobou a norma que outorgaba á Igrexa católica a posibilidade de "rexistrar bens sen acreditar propiedades", unha situación que o Bloque considera "un privilexio franquista que lle permitiu inscribir miles de bens porque a Lei Hipotecaria e o regulamento permitiu que os representantes eclesiásticos actuasen como fedatarios públicos". 

Así, o deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará acusou o PP e o PSOE de "protexer estes privilexios e abusos", ademais de demandar a creación dunha oficina de información e asesoramento para as entidades que reclamen estes bens.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.