O Congreso aprobou este mércores pola mañá a Lei de Abdicación, e fíxoo cunha maioría moi ampla, próxima ao 85% dos deputados e deputadas. Houbo 299 votos a favor (os de PP, PSOE e UPyD), 19 en contra (os da Esquerda Plural, ERC e BNG) e 23 abstencións (os de CiU, PNV e CC, principalmente). Non houbo apenas fisuras nos votos socialistas, despois de que no debate Alfredo Pérez Rubalcaba confirmara o voto positivo do seu grupo. Entre os deputados e deputadas críticas, que nos días previos demandaran "liberdade de voto", tan só Odón Elorza rexeitou apoiar o proceso, optando por absterse, e o balear Guillem García decidiu ausentarse do hemiciclo. Eduardo Madina votou a favor.
Entre os deputados socialistas que nos días previos demandaran "liberdade de voto", tan só Odón Elorza rexeitou apoiar o proceso, optando por absterse, e o balear Guillem García decidiu ausentarse do hemiciclo
En definitiva, como resumía Gonzalo Cortizo en El Diario, "o Congreso deulle luz verde ao relevo na Monarquía e evitou abrir un debate sobre a necesidade dun referendo para abrir un novo tempo no que se cuestione o modelo de Estado". Rajoy e Rubalcaba, PP e PSOE, coincidiron nas súas intervencións en salientar que no debate deste mércores non estaba "na orde do día" a "forma de Estado", como afirmou o presidente do Goberno, que engadiu que "o que se nos pide é que cumpramos o procedemento que a Constitución esixe para ratificar a decisión do rei". De igual xeito, Alfredo Pérez Rubalcaba, subliñou que coa lei de abdicación "a Cámara limítase a aceptar a decisión do rei" e salientou que "a sucesión do rei xa a votamos en 1978".
Tanto Rubalcaba como Rajoy, ao igual de Rosa Díez, por UPyD, destacaron a "estabilidade" que, dixeron, trouxo a Monarquía a España, e as décadas de "paz, democracia e progreso", que o líder do PSOE atribuíu tamén a Juan Carlos I. "O pacto constitucional segue dando froitos", dixo Rajoy, que cre que "a ningún español lle intranquiliza a abdicación do rei". Onde si diferiron PP e no PSOE foi nas mencións á necesidade de traballar nunha reforma constitucional, un aspecto no que Rubalcaba incidiu en varias ocasións, e ao que tamén se referiron os demais grupos, dende a Esquerda Plural, até os nacionalistas de CiU, PNV e CC.
A Esquerda Plural votou en contra. Cayo Lara afirmou que "si se pode, pero non se quere" someter a referendo a sucesión do rei. Denunciou que se trate con "desprezo" ao pobo e pediu que "as decisións de especial trascendencia" coma esta se sometan a unha consulta democrática. "O debate de hoxe é sobre se queremos afondar a democracia ou se queremos continuar con este sistema ás veces despótico no que uns poucos, ás veces fóra das institucións toman decisións que lles fan dano a milleiros de cidadáns". Tamén puxo en dúbida a "estabilidade" argumentada por PP e PSOE: "Estabilidade para quen? O pobo español xa está en situación de inestabilidade". Os e as deputadas do grupo de esquerdas amosaron así mesmo cartaces demandando unha consulta popular.
Por parte do BNG, Olaia Fernández Davila anunciou que o Bloque non "participará" nun proceso "que está atado e ben atado" tras a abdicación "dun rei nomeado por Franco" e destacou que a formación "aspira a articular unha república propia cun novo proceso constituínte".
Olaia Fernández Davila anunciou que o Bloque non "participará" nun proceso "que está atado e ben atado" tras a abdicación "dun rei nomeado por Franco"
O portavoz de Amaiur, Sabino Cuadra, lembrou na súa intervención que o rei xurou lealdade "aos principios do Movimiento". Cuadra despediuse amosando unha ikurriña e ao berro de "¡Monarquía kanpora, Gora Euskal Herria!". Por ERC, Alfred Bosch equiparou a demanda dun referendo sobre o modelo de Estado á consulta de autodeterminación en Catalunya, e animou o republicanismo español a unha mutua comprensión "en fraternidade".
Por parte de CiU, Josep Antoni Duran i Lleida, explicou a abstención do seu grupo facendo "un balance positivo en termos xerais do reinado de Juan Carlos I", pero sinalando que, se ben en 1978 e durante décadas, Catalunya se sentiu integrada no Estado español, xa non o fai na actualidade. Critica ademais a exclusión de Catalunya e do nacionalismo catalán os consensos constitucionais. O portavoz do PNV, Aitor Esteban, sinalou que o seu partido é "esencialmente republicano", aínda que matizado que é "exclusivamente vasco" polo que non lle corresponde comprometerse coa "forma de Estado que se adopte en España". Ademais, sinalou que a monarquía non cumpre cunha das condicións necesarias para ser "aceptable" como modelo de Estado, pois "carece de utilidade" para resolver problemas.