O Encontro Cidadán pola Marea Galega celebra o 22 de agosto a primeira "xornada de confluencia"

Relatores dun acto público do Encontro Cidadán por unha Marea Galega CC-BY-SA Praza Pública

O Encontro Cidadán por unha Marea Galega apura os detalles para a "xornada de confluencia" anunciada para o día 22 de agosto no Centro Xuvenil Don Bosco de Compostela, "centrando o protagonismo na cidadanía, na xente de a pé sen adscrición política previa como motores do cambio político que precisamos todas as galegas e os galegos".

"O desexo final é acadar un cambio social a favor das maiorías, sempre dende abaixo cara arriba, nunca ao revés", aclara nun comunicado, no que asegura que a xornada está "aberta a calquera persoa que queira participar, garantindo que haxa unha presenza significativa e plural do mundo das mareas e dos movementos sociais". Haberá foros de debate coa experiencia das plataformas municipais e doutras iniciativas, ademais de mesas de traballo que debatirán sobre un código ético, o regulamento de primarias, a folla de ruta e os modelos de organización desa posible Marea Galega.

O cónclave do 22 de agosto está "aberto a calquera persoa", garantindo "unha presenza significativa e plural das mareas e dos movementos sociais"

"O Encontro cidadán non é a Marea Galega", aclaran, senón que a súa intención é "mobilizar a potencia cidadá a favor do cambio, garantindo que a marea asente sobre dinámicas cidadás de participación democrática". A idea, tal e como aclaran e como teñen falado xa coas mareas municipais, é reunir primeiro "todas as vontades de confluencia repartidas polo país", deixando para unha última fase "a incorporación das forzas políticas como tal", aínda que non así os seus militantes, que son "convidados a participar dende xa deixando de lado as lóxicas e os intereses partidarios".

O Encontro Cidadán xuntará primeiro as mareas, movementos sociais e militantes de partidos, deixando as formacións políticas para máis adiante

O Encontro Cidadán, "diante da proliferación de manifestos e xornadas xurdidos nos últimos días apostando pola confluencia", celebra que as mareas se senten a falar no encontro previsto para o día 13 de agosto en Santiago e convida a todas as iniciativas que aposten pola unidade "dende unha perspectiva inclusiva" a que expoñan a súa proposta no escenario común que pretende ser a xornada do día 22 de agosto. "Chegou o momento de dar un salto cualitativo, ir máis alá dun 'texto' e activar un 'proceso' cidadán de construción dunha alternativa política", rematan, tras convocar a unhas xornadas nun día antes á que o grupo promotor da manifestación unitaria do 25X convocou para o 23 do mesmo mes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.