"É unha recomendación moi xenérica e sería moi pouco factible" realizala "sen que pretendamos colapsar" o funcionamento do Consello de Contas. É a xustificación que o deputado do PP Jesús Goldar puxo este venres sobre a mesa para rexeitar a proposta do BNG para que o organismo que fiscaliza as finanzas públicas galegas incluíse no seu vindeiro plan de traballo un informe específico sobre o impacto dos recortes sociais da Xunta. Defendida polo voceiro nacionalista de economía, Carlos Aymerich, a recomendación que o Bloque reclamaba aprobar instaba o Consello a "investigar", esencialmente, a repercusión nos servizos públicos das "redución e modificación de partidas e programas" nos orzamentos galegos.
No marco da comisión para a relación co Consello de Contas Aymerich considerou "importante" un informe destas características para ver "en que medida" son certas as "afirmacións de que se reduce o accesorio e non o esencial" e se "estamos ou non arriscándonos a unha xeración perdida en materia educativa, en expectativas laborais" ou se "eses recortes teñen ou non relación co incremento da inmigración". "Nós, pensamos que si", precisou o parlamentario nun contexto no que, en todo caso e ante a negativa do PP, esta seguirá a ser unha cuestión interpretable polas forzas políticas, pero non obxectivable a través dun informe oficial.
Á marxe deste veto, a votacións das recomendacións do Parlamento ao Consello de Contas estivo presidida por un importante grao de consenso, a comezar pola outra proposta do BNG, centrada en que este organismo estude se a Xunta está a cumprir a "incorporación de criterios sociais, ambientais e de xénero na contratación pública", xa que hai "un acordo dende hai dous anos" neste sentido, aprobado pola unanimidade da Cámara a proposta do Bloque. Esta iniciativa si foi aceptada polo PP, se ben Goldar asegura que o Goberno xa cumpre "constantemente" esta recomendación.
A fiscalización dos 'chiringuitos' centrou a maior parte das recomendacións para o Consello de Contas aprobadas polos grupos
Igual que esta recomendación do Bloque tamén tiveron éxito sete das oito presentadas polo PSdeG, que saíron adiante con pequenas variacións "semánticas" reclamadas polo PP. Así, por exemplo, o Consello de Contas terá que "analizar e informar" os "prazos medios de pagamento a provedores por parte da Xunta e das súas sociedades", nun contexto no que segundo o socialista José Manuel Lage Tuñas, malia á "propaganda oficial", segue a haber "facturas no caixón". Ademais, a unanimidade da comisión avalou tamén a proposta dos socialistas para que o Consello analice os contratos "negociados sen publicidade", os popularmente coñecidos como contratos a dedo, e tamén avalíe de maneira "pormenorizada" a "dimensión do sector público institucional" e a "razón de ser" de cada un dos chamados chiringuitos. Nesta última Lage fai fincapé na necesidade tamén de que se inclúan os entes paralelos das deputacións provinciais xa que, exemplifica, estas institucións non están "para criar cabalos". "Cuestións equinas aparte", o PP aprobouna.
Precisamente sobre as empresas e entidades públicas xiran a maior parte das recomendacións impulsadas polo PP e, obviamente, tamén aprobadas. Así, o Consello de Contas analizará as fontes de financiamento destes organismos públicos, fiscalizará a súa política de persoal e a evolución do seu endebedamento. "Seguramente se sorprenderán da capacidade de negociación deste grupo, aceptando o 95% das súas recomendacións", ironizou o voceiro conservador.