Doutrina Gallardón, tamén en Galicia. O pleno do Parlamento discutía esta mañá unha proposición non de lei (PNL) coa que o BNG reclamaba instar á Xunta a que "defendese ante o Goberno do Estado os dereitos das mulleres e, particularmente, reclamar que non se derrogue" a lei de saúde sexual e reprodutiva, isto é, a lei de prazos que actualmente regula a interrupción voluntaria do embarazo. Ademais, apostaba tamén por que a Xunta recuperase a "información afectivo-sexual" e o asesoramento no uso de anticonceptivos, entre outras medidas. Pero a PNL do Bloque non só bateu contra a maioría absoluta dos populares en Galicia, senón tamén, indirectamente, contra a dos populares no Estado.
A voceira nacionalista, Ana Pontón, desenvolvera unha intervención centrada na necesidade de garantir a "liberdade" das mulleres "a decidir libremente sobre o seu corpo" a cal, di, os populares están "poñendo en cuestión". Pola banda conservadora a encargada de respostar foi a deputada Ángeles Díaz Pardo, que subiu á tribuna con boa parte do argumentario que a formación que sustenta o Goberno xa empregara para, por exemplo, aprobar unha iniciativa lexislativa popular promovida polo Foro Español de la Familia. Segundo Díaz Pardo, non só cómpre a contrarreforma do aborto, senón tamén estendela á pílula postcoital, porque "o desgoberno socialista", asegura, "autorizou" a "utilización incontrolada" da mesma e da propia interrupción do embarazo "como métodos anticonceptivos"
"A familia dálle estabilidade e solidez ás relacións persoais", dille o PP á oposición
Neste escenario, a parlamentaria do PP traza un escenario inzado de "aberracións" como a posibilidade de que as mozas de entre 16 e 18 anos poidan abortar sen o consentimento familiar e debulla o roteiro a seguir. O Goberno de Mariano Rajoy, di, debe "abordar a modificación" do uso da pílula postcoital, volver limitar o aborto e, en xeral, deixar claro que "nunca o Estado pode suplir o labor de coidado dos pais sobre os seus fillos". "Aínda que vostedes non queiran", proclamou cara ás bancadas da oposición, "a familia segue a ser un elemento fundamental da nosa sociedade, que dá estabilidade e solidez ás relacións persoais", zanxa.
Pontón: "Non axudan as mulleres, axudan a Red Madre e o Opus Dei"
"A lei non obriga a ninguén", lembroulle Pontón, en cuxa opinión, "o que non queren é que as mulleres teñan liberdade para elixir", senón que o fagan "os homes", xa sexan "pais" ou parellas. "Se non hai liberdade para decicir sobre o corpo, non hai liberdade para as mulleres". Nun sentido semellante, a voceira socialista no debate, Carmen Cajide, ve constatada a intención do PP de deixarse levar por "criterios relixiosos particulares" para ficar instalados "no limbo da hipocrisía", aínda que sexa pasando por riba "do único poder que teñen as mulleres porque llelo outorgou a natureza, o da maternidade, e delas debe ser a decisión de cando exercelo"
Mentres a voceira popular realizaba evidentes acenos de desaprobación dende o seu escano, Pontón apuntou as que, a xuízo do BNG, son medidas que si apoian as mulleres que deciden ser nais. "As súas medidas teñen que ver coa xestación, e a estas alturas sabemos que os nenos non só se xestan, senón que nacen e teñen necesidades", as cales agora están "atacadas" por medidas como a reforma laboral, lamenta. Pero os populares "non están para axudar as mulleres, están para axudar asociacións antiabortistas, á Red Madre e ao Opus Dei", conclúe.