O PP volve caer cara ás xerais pero xa chega á maioría absoluta con Ciudadanos

Rivera e Rajoy, en La Moncloa © Diego Crespo / Pool Moncloa

O PP podería seguir controlando o Goberno de España malia perder case 20 puntos e 60 escanos a respecto do seu folgado triunfo do ano 2011. Este é o escenario que debuxan as sondaxes electorais publicadas durante o último mes, as cales amosan unha nova caída dos populares pero unha suba de Ciudadanos que, malia ser inferior á prognosticada por algúns medios de comunicación, sería dabondo para fiar unha maioría absoluta xunto aos de Mariano Rajoy.

Segundo o promedio de sondaxes elaborado polo analista Carlos Neira para a Asociación de Medios en Galego, baseado no método house effects -achar unha media da 'cociña' de todos os inquéritos publicados-, a pouco máis dun mes da cita coas urnas o PP está en cabeza co 26,5% dos votos, case dous puntos menos que en outubro e moi lonxe do 44,6% que logrou en 2011. A intención de voto dos populares descende e tamén o fai a do PSOE, que tras varios meses de subas perde agora case 3 puntos, quedando nun 21,8% que deixaría a Pedro Sánchez sete puntos por baixo do resultado de Alfredo Pérez Rubalcaba.

Neste contexto de erosión dos grandes partidos emerxe a formación de Albert Rivera en terceira posición, cun crecemento de 6 puntos dende as eleccións catalás de setembro. Ciudadanos sitúase na contorna do 19% dos votos, a uns 3 puntos do PSOE, e está máis cerca dos socialistas que da que segundo a media de sondaxes sería a cuarta forza, Podemos, partido que nesta ocasión perde 3 puntos máis ata situarse no 13,8%.

Estas porcentaxes de voto debuxadas polas enquisas no convulso mes de outubro configurarían un Congreso dos Deputados no que o PP podería explorar o apoio duns 55 deputados de Ciudadanos aos 122 ou 124 populares. En total, uns 177 ou 179 escanos, entre un e tres por riba da maioría absoluta na Cámara Alta. Notablemente máis difícil estaría a procura dunha maioría pola esquerda liderada polo PSOE, que tería entre 89 e 94 escanos -obtivo 110 en 2011-, e apoiada por Podemos, que chegaría ao Congreso con entre 40 e 47 escanos.

PP e Ciudadanos quedarían entre 1 e 3 escanos por riba da maioría absoluta segundo as enquisas, que non preguntan polas novas coalicións

Entre o resto de forzas da Cámara, as forzas que en Catalunya forman Junts pel Si roldarían os 15 escanos, un menos dos que logrou CiU en 2011. Entre 7 e 8 serían para Convergència Democrática e uns 7, para Esquerra Republicana. As forzas soberanistas vascas, pola súa banda, terían ata 12 escanos, 6 do PNV -un máis que hai catro anos- e entre 3 e 6 para Bildu. Tendo en conta que ningunha das sondaxes preguntou, polo momento, polas candidaturas que van participar nas xerais, e dende a cautela que esixe a escasa mostraxe dos inquéritos para facer prognósticos territoriais, a distribución de escanos aínda se realiza para cada forza individualmente: neste contexto, o BNG tería entre 1 e 2 escanos e Compromís, outros 2. 

Así está, polo tanto, un panorama no que o equilibrio que historicamente viñeron mantendo esquerda e dereita nas eleccións xerais españolas quebraría a favor da banda conservadora. Malia dividirse, a suma de votos entre PP e Ciudadanos acadaría unha porcentaxe superior á que logrou o PP en 2011, reflectindo así a forte mobilización entre o electorado de centro-dereita que prognostican os inquéritos. Mentres, medran as posibilidades de abstención nun centro-esquerda no que, ademais, estes estudos detectan o retorno de votantes progresistas ás opcións electorais polas que votaban antes da aparición de Podemos.

Acto de precampaña do PSOE © PSOE
Pablo Iglesias, nunha comparecencia ante a prensa © Podemos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.