O PSdeG, á fronte dos sectores socialistas que piden un referendo sobre a Monarquía

A deputada Beatriz Sestayo, na concentración pro-referendo celebrada este luns en Ferrol Dominio Público @BeatrizSestayoD

O apoio do PSOE ao proceso automático de abdicación do rei Juan Carlos en favor do seu fillo Felipe é imprescindible. Non tanto por cuestións aritméticas (a lei debe ser aprobada por maioría absoluta, co que abondaría cos votos do Partido Popular) senón por unha cuestión política: a apelación ao consenso maioritario sobre a forma de elección do xefe do Estado. A abdicación do rei coincidiu cun momento de grave crise no partido, despois dos malos resultados obtidos nas eleccións europeas, a irrupción de Podemos e o crecemento de Izquierda Unida. As crónicas políticas mesmo apuntan a que Rubalcaba non dimitiu para controlar o PSOE no proceso de abdicación. Polo medio, producíronse algúns movementos de peso, coma o renovado papel protagonista de Felipe González ou as críticas de Carme Chacón.

Dende un primeiro momento a Executiva do partido amosou o seu apoio ao proceso iniciado pola Casa Real e o Goberno e algúns notables do partido como José Bono ou Alfonso Guerra correron a apoiar o mantemento da Monarquía. Porén, non foron poucas as voces que no seo da formación expresaron a demanda de que se debía convocar un referendo para que a cidadanía expresase a súa opinión sobre a forma de Estado. Foi o caso de Esquerda Socialista e do seu candidato á secretaría xeral do PSOE, José Antonio Pérez Tapias. Tamén é a posición maioritaria en Baleares e Catalunya e en boa parte do PSdeG e, de forma moi contundente, nas Xuventudes Socialistas.

“É tempo de afrontar esta reforma baixo o prisma do consenso, como no 78, pero nunha evolución democrática, porque tamén se mide niso a madurez dunha sociedade”, dixo o líder dos socialistas galegos

Os socialistas galegos están divididos nesta cuestión, ao igual que no resto de España. Pero sen dúbida o seu secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, amosou unha das posicións máis favorables á convocatoria dun referendo entre todos os dirixentes socialistas. Gómez Besteiro afirmou que os socialistas son "esencialmente republicanos, aínda que contribuímos á aceptación da monarquía no 75 porque pensabamos que era o mellor para o país”. E sinalou que chegou o momento do debate da reforma constitucional, en materias coma a organización territorial e financiamento do Estado, pero tamén no que afecta á forma da xefatura do Estado. “É tempo de afrontar esta reforma baixo o prisma do consenso, como no 78, pero nunha evolución democrática, porque tamén se mide niso a madurez dunha sociedade”, dixo o líder dos socialistas galegos. De igual xeito, o portavoz parlamentario do PSdeG, José Luis Méndez Romeu, que se declara "republicano convencido e militante", opina que a abdicación do Rei dá "unha oportunidade para debater o que non foi posible en 1975".

Os socialistas ferroláns e pontevedreses apostan pola celebración dun Referendo

Algunhas agrupacións locais do PSdeG tamén amosaron unha firme posición republicana nos últimos días, ou cando menos deixaron clara a súa demanda de que se celebre un referendo. Foi o caso da Comisión Executiva Local do PSdeG-PSOE de Pontevedra acordou, por unanimidade, declarar o seu apoio á República “como fórmula de organización política do Estado en España” e tamén acordaron instar o presidente do Goberno a convocar un referendo. Así mesmo, a Comisión Executiva Local do PSdeG en Ferrol lembrou a "vocación amplamente republicana coa que naceu o Partido Socialista" e, recoñecendo "o papel xogado polo Rei Juan Carlos" considera "que a sociedade ten xa a madurez suficiente como para abordar un debate fundamental, como é o da Xefatura do Estado". Polo tanto, os socialistas ferroláns apostan "pola celebración dun Referendo no que o conxunto da cidadanía opine e diga se prefire o actual modelo de Monarquía ou se decanta por unha República". E pídelle á Dirección do PSOE que "comunique explicitamente aos arlamentarios e parlamentarias que permite a liberdade de voto respecto á Lei de Sucesión", e solicítalle aos parlamentarios e parlamentarias "que non avalen a sucesión da Coroa”.

Ademais, as Xuventudes Socialistas de Galicia, a través do seu secretario xeral, Aitor Bouza, salientaron que “a cidadanía española ten dereito a escoller a República nun referendum”, e apoiaron e participaron activamente nas concentracións convocadas o luns pola tarde. “A República debe congregar en torno a ela a todo o espectro político, de esquerdas ou dereitas. Debe ser un punto de encontro e convivencia cidadá, un espazo común no que non existan suspicacias nin reproches, senón o compromiso do bo goberno e da virtude cívica, características básicas do republicanismo”, sinalou Bouza, que concluíu que “a xuventude galega non se sente identificada coa Monarquía porque non forma parte de quen aceptou o seu establecemento, polo que ten dereito a decidir en referendum sobre o futuro do modelo de Estado”.

Nos vindeiros días os cargos públicos do PSdeG-PSOE veranse obrigados a fixar a súa posición neste debate, tanto nas votacións que se producirán no Congreso e no Senado, coma tamén nos Concellos

Nos vindeiros días os cargos públicos do PSdeG-PSOE veranse obrigados a fixar a súa posición neste debate, tanto nas votacións que se producirán no Congreso e no Senado, coma tamén nos Concellos. Xa comezaron a presentarse as primeiras mocións nos plenos municipais en demanda da celebración dun referendo. En Teo, senllas mocións presentadas por Anova e BNG neste senso foron aprobadas coa abstención do PSdeG-PSOE e o voto en contra do PP. Nos vindeiros días, tanto Esquerda Unida coma o BNG anunciaron que presentarán novas mocións en moitos concellos do país.

As sondaxes amosan que os votantes socialistas están divididos nesta cuestión, pero que de forma maioritaria apostan pola celebración dun referendo

As sondaxes amosan que os votantes socialistas están divididos nesta cuestión, pero que de forma maioritaria apostan pola celebración dun referendo. La Voz de Galicia publica este mércores que o 50 por cento dos galegos e galegas están a favor da convocatoria desa consulta, e só o 38% están en contra. Entre os votantes do PSdeG-PSOE a diferenza é mesmo máis ampla (55,8% fronte a 35,9%). A sondaxe revela que son os menores de 35 anos os que de forma esmagadora reclaman que se realice esta votación (78,5% fronte ao 19,2%), o que tamén defenden os que teñen entre 35 e 54 anos (49% fronte a 43%). De igual xeito, en xaneiro, unha enquisa de El Mundo apuntaba que o 45,2% dos votantes do PSOE se pronunciaban a favor da Monarquía, e o 47,9% en contra.

Segundo a enquisa de La Voz, son máis os galegos e galegas que apoian a Monarquía (45,4%) que os que queren unha República (31,5%), aínda que o republicanismo domina amplamente entre os menores de 35 anos (52,5% fronte a 31,6%). Os votantes socialistas están completamente divididos: o 42,9% declárase monárquicos, e o 42,7% republicanos.

 

Presentación de Alternativa Socialista Galicia

No medio deste debate, este sábado realizará a súa presentación en Galicia Alternativa Socialista (CLI-AS), un partido nacido no ano 2012 e que celebrou en decembro de 2013 a súa Asemblea Constituínte. A formación expresa a súa "vontade de colaborar na formación dunha fronte ampla antineoliberal e de esquerdas" e pretende "conectar con esa gran franxa da cidadanía que, sentíndose ideoloxicamente de esquerdas, viuse defraudada nos últimos anos polo PSOE e foi perdendo a confianza na posibilidade de levar á práctica unha verdadeira política de esquerdas baseada nos valores tradicionais do socialismo democrático". A presentación terá lugar na Libraría Couceiro de Compostela ás 12 horas.

Besteiro e Méndez Romeu CC-BY-NC-SA PSdeG
A deputada Beatriz Sestayo, na concentración pro-referendo celebrada este luns en Ferrol Dominio Público @BeatrizSestayoD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.