O PSOE muda as catro cabezas de lista galegas para as xerais

Besteiro (atrás, á dereita), no Comité Federal do PSOE deste sábado en Madrid CC-BY-NC-SA PSdeG

Galicia como "exemplo" da "renovación" das listas do PSOE. É como explica o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a remuda á fronte das catro candidaturas galegas do partido ás xerais. Os socialistas galegos optan a, cando menos, os cinco escanos obtidos nas eleccións de 2011 e fano con catro listas lideradas por mulleres nas que a maior sorpresa chegou en Ourense, onde a candidata que recibira o apoio nos órganos provinciais, a actual deputada Laura Seara, foi substituída pola independente Rocío de Frutos.

A remuda en Ourense, que provocou iradas protestas do secretario provincial e deputado autonómico Raúl Fernández, é lida en clave interna como unha derrota do sector afín ao ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, cuxos partidarios apoiaran nas primarias a Eduardo Madina fronte a Pedro Sánchez. Fronte ás protestas de Fernández e da propia Seara, que lamentou este cambio "unilateral", outros cargos como o presidente da Executiva Provincial e alcalde do Barco, amosouse satisfeito pola "renovación total" das listas. Na mesma liña, Besteiro dá por aberto un "espazo novo en Ourense" no que, ademais, di, cabe destacar que "persoas non afiliadas ao partido deciden comprometerse".

Alén de De Frutos, a candidatura do PSOE pola Coruña estará encabezada por Pilar Cancela, actual secretaria de organización do PSdeG. En Lugo o posto que viñera ocupando José Blanco é agora para Margarita Pérez Herráiz, que xa acumula experiencia no propio Congreso. En Pontevedra a cabeza de lista será a xuíza Dolores Galovart, ex vicevaledora do Pobo cun perfil marcadamente social.

A deputada Laura Seara lamenta ser afastada da lista de forma "unilateral", mentres Besteiro dá por aberto un "espazo novo en Ourense" 

O Comité Federal dos socialistas deulle o seu visto e prace, asemade, ás candidaturas ao Senado. Polas circunscricións galegas a principal novidade está tamén en Ourense, onde destaca a figura do ex xefe superior de Policía de Galicia, Luís García Mañá. Na Coruña aparecerá en primeiro lugar Ángel Mato, en Lugo recunca Ricardo Varela e en Pontevedra o primeiro posto é para Abel Losada, actualmente deputado no Parlamento de Galicia.

Sánchez "agarda" que Besteiro opte á Xunta

A aprobación das listas para as xerais producíase na xornada en que Besteiro recibiu un relevante apoio interno a respecto da posibilidade de ser candidato á Presidencia da Xunta. Nunha entrevista en eldiario.es Pedro Sánchez di "esperar" que o cabeza de cartel do PSdeG en 2016 "sexa José Ramón Gómez Besteiro" malia á imputación por parte da xuíza De Lara. "Estase falando dunha recualificación que houbo cando era concelleiro de Lugo hai 10 anos e na que el presentou toda a súa documentación", sinala o líder do PSOE, que salienta ademais que o código ético do partido sitúa na apertura de xuízo oral a liña vermella para a asunción de "responsabilidades políticas", con independencia de que, "en función da envergadura do caso investigado, se poida tomar unha decisión previa".

Besteiro non contempla a "hipótese" de que a imputación formulada por De Lara se manteña ata o momento de lanzar a súa candidatura á Xunta

O propio Besteiro, preguntado ao respecto antes de partipar no Comité Federal, asegurou non manexar a "hipótese" de "dentro dun ano esteamos nesta situación". "Esa hipótese non pode ser posible" xa que, indica, xa realizou un "exercicio de transparencia absolutamente inédito na política española" ao amosar a documentación sobre a compra do seu piso "mentres a outros se lles mollan os papeis, os galegos vanme entender perfectamente", di, en referencia aos contratos da Xunta coas empresas do narcotraficante Marcial Dorado.

Tras este "exercicio inédito de transparencia", acrecenta o socialista, el non ten "nada que temer" a "ningún tipo de reproche penal". Así as cousas, indica, só resta agardar "que as cousas funcionen con rapidez e eficacia". "Eu si creo no funcionamento da xustiza e en que sexa rápida" e, polo tanto, non afecte a súa candidatura.

Pilar Cancela, secretaria de organización do PSdeG e cabeza de lista pola Coruña CC-BY-NC-SA PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.