"-Y dígame, usted tiene oxígeno en casa? Y responde el acompañante: -Ai, non, nós na casa temos butano”. “Estando en el mostrador de cita especializada se acerca un hombre seguido de su mujer y me dice: ´A ver, que veño ca muller do ginecólogo e dixo que lle hai que facer unha mamadafría` (...) Me tuve que levantar para buscar el documento correspondiente (y partirme el culo de risa de paso, jejejeje)”. Son dous exemplos tirados do "concurso de anécdotas" co que o Servizo Galego de Saúde celebrou o seu vixésimo aniversario.
Segundo confirman diversos profesionais sanitarios consultados por Praza Pública, hai escasas semanas que vén de rematar un certame co que, explican, o Sergas trataba de pór "humor" á efeméride, pero que rematou nunha escalada de relatos "de dubidoso gusto", cando non directamente de "faltas de respecto" cara aos pacientes. Falar galego ou non coñecer determinada terminoloxía clínica, detalla unha traballadora do servizo de enfermaría dun dos grandes hospitais galegos, era motivo dabondo para "rirse do enfermo" a través dun comentario aloxado na rede informática interna da sanidade pública galega.
O feito de que os ordenadores da intranet do Sergas non estean conectados a Internet impediu a difusión masiva da curiosa celebración, se ben o malestar dalgúns traballadores si transcendeu. Así, por exemplo, o médico Pablo Vaamonde lamentaba no seu blog a celebración do concurso: "a grande maioría das anécdotas recollidas reflicten un esquema clásico: o señorito da cidade que xuzga con menosprezo ao paisano do rural, que fala galego", resume.
Tamén a sección sanitaria da Confederación Intersindical Galega amosou o seu malestar ao respecto. A través dos seus representantes en Lugo, a CIG Saúde afirmaba que a "ocorrencia" de Sanidade "fai que nos preguntemos que tipo de ente é o Sergas, que se permite licencias que nin traballadores nin usuarios ousamos permitirnos".
Nota de desculpa e pregunta no Parlamento
Aínda que este malestar no cadro de persoal non foi respondido publicamente polo Sergas, os propios traballadores confirman que, de novo a través da intranet, si houbo "o que poderíamos considerar unha certa rectificación". Así, explican, a pasada semana no espazo dedicado ao concurso apareceu unha nota dando o certame por rematado, agradecendo a participación e, ao tempo, facendo un distingo entre o "humor" e as "faltas de respecto", detallan.
Con todo, o Goberno galego, nomeadamente a nova conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, si se verá obrigada a dar explicacións públicas sobre o concurso. Será no pleno do Parlamento e para respostar a unha pregunta xa rexistrada pola voceira do BNG en materia sanitaria, Ana Luisa Bouza, quen no documento presentado ante a Cámara censura a publicación na web oficial do Sergas de "situacións nas que doentes aparecen en situacións ridículas". "Considera o Goberno galego que debe promover que se faga pública burla dos e das doentes?", cuestiona a parlamentaria nacionalista ao Executivo.